DEDICATORIAS OU NON TANTO

Estas dúas fotografías, cos seus correspondentes autógrafos, apareceron entre os artigos publicados en Galicia verbo de Louis de Funès.
O texto da dedicatoria é cuspido, como se pode comprobar, mais nin a letra nin a asinatura semellan da mesma persoa.



Desbotemos a segunda foto, que non paga a pena comentar, e fixemos a atención na primeira.
Para comezar, choca que o texto e a asinatura parecen feitos cun bolígrafo ou rotulador diferentes. Logo que, na asinatura, o apelido apareza sen acento (os autores dos artigos que acompañan estas fotos, tampouco empregan nunca o acento). Isto pode ter unha relevancia miúda para un galego, mais non para un francés, xa que nesa lingua a pronunciación de Funès e Funes é moi distinta
.
Na asinatura aparece engadido (con outro rotulador) o apelido da mai: Soto. Louis –véxase o enderezo reproducido nunha entrada anterior– apelidábase De Funès de Galarza, o apelido do pai.

Tamén resulta curioso o Santa Marta de Ortigueira, pois el referíase á vila da súa mai co nome de Santa María, e, segundo a nomenclatura da época –véxase o certificado consular e o nome da casa–, de Ortiguera, o topónimo español, aínda que isto podería terllo ditado quen lle  pediu o autógrafo.
 Para quen desexe buscar diferenzas, velaí unha terceira foto, esta oficial e tamén en español, dedicada por Louis de Funès ao seu club de admiradores.

Ningún comentario: