FÁBULAS OCCITANAS E DICIONARIOS DELIRANTES

Definición nun dicionario galego:
 

OCCITANO - Relativo ou pertencente á Occitania, nación que comprende todo o sur de Francia, dende o Atlántico ó Mediterráneo, e ós seus habitantes.

Carallo pró angazo! Política-ficción nun dicionario!


Xamais existiu unha nación chamada Occitania. Nin sequera houbo nunca unha rexión, un departamento, unha provincia ou unha división administrativa menor con ese nome.


Occitania foi unha das denominacións que no medievo se lle deu ao territorio ocupado polas rexións nas que se falaba (máis ou menos) algunha das variantes da lingua de oc. Tratábase pois dunha división territorial puramente lingüística que non se correspondía con nada nin político nin administrativo (como cando se di Hispano-América porque hai unha lingua común), e moito menos cunha Unión / Nación. Unión imposíbel dada a disparidade histórica –e nalgúns casos mesmo étnica– das rexións que comprendía. Por exemplo: o Languedoc e a Provenza, malia seren lindeiras, tiñan unha historia e unha xerarquía diferentes. 

A Provenza, quitado cando se producía algún casamento entre nobres, movíase no eixo vertical, alpino digamos: francos, borgoñóns, Italia (á que a rexión chegou a pertencer parcialmente). O Languedoc dependía do condado de Toulouse e ollaba en sentido oposto: os Pireneos e o reino de Aragón –ao que pertenceu en parte e co que colaborou nas loitas contra os mouros–, Mallorca e as costas africanas. 
Tamén eran moi distintas canto á relixión. A Provenza era calma e o Languedoc un avesporeiro convulso
No Languedoc xurdiu o movemento dos albixensescátaros en terminoloxía histórica–, que grazas á tolerancia dos condes de Toulouse en materia de pensamento e relixión, se expandiu de tal xeito que o papa convocou unha cruzada mortífera para aniquilalo, despois da cal o Languedoc perdería a súa independencia e pasaría á coroa francesa. Na Provenza, os albixenses case non existiron e formou parte das forzas para combatelos. 
Durante as posteriores guerras do protestantismo, a Provenza ficou á marxe mentres que no Languedoc as batallas e confrontos foron duradeiros e destrutores. Dous mundos, pois, entre os que nunca houbo veleidade ningunha de unión.

Foi en 2016 cando apareceu por primeira vez unha rexión político-administrativa co nome de Occitania, consecuencia da reforma territorial para diminuír o número de rexións conxuntando algunhas das existentes. 


No sur, a unión realizouse entre a de Languedoc-Roussillon e a de Midi-Pyrenées.


Aínda que nestes casos é costume deixar os dous nomes para non ferir susceptibilidades, aquí había unha pega: Languedoc-Roussillon–Midi-Pyrenées é un nome longo. E tamén difícil de reducir a siglas, como se fixera na rexión Provence-Alpes-Côte d'Azur, que se abreviou no acrónimo PACA.

Por este motivo, pedíuselle á xente de alí que propuxese nomes para a nova rexión.

Escolleron o de Occitania, coa oposición dos cataláns, que pretendían que se chamase Occitania e País Catalán para marcar a diferenza entre os fillos de deus e os ruíns mortais. Nesa ocasión os ruíns mortais decidiron que con Occitania había de sobra e así naceu l'Occitanie, que ocupa case o territorio do vello Languedoc histórico e recuperou a capitalidade de Toulouse, aínda que compartida coa de Montpellier.






... E A RAG PON GUINDA

 

Na definición de occitano, o dicionario da Academia Galega engade este alucinante exemplo de uso:

O suave clima occitano

Requetecarallo pró angazo! Clima suave o dunha rexión que ten dous macizos montañosos con altitudes de máis de tres mil metros o un e case de dous mil o outro?

Os da Academia deben crer que a Occitania son as costas do Midi. E mesmo nesas costas, a suavidade do clima é discutíbel dada a cantidade de ventos que na zona concorren: ou sopra do mar, ou sopra de terra, ou sopra a tramontana, ou sopra o mistral ou sopran todos á vez

Nalgunhas vilas de Lozère, á temperatura media en xaneiro é de cero graos e unhas décimas; en xullo, de pouco máis de dezasete


Hai sitios na rexión onde a diferenza entre a temperatura diúrna e a nocturna pode chegar aos vinte e cinco graos; é dicir, que en canto o sol se pon a temperatura non descende senón que se esnafra directamente. O que se chama clima suave.


Este toque de humor da RAG lembroume a escena do filme Bienvenue chez les Ch’tis en que o protagonista é destinado ao Norte (Calais) e lle pregunta a Michel Galabru que tal tempo fai por acolá arriba.


Galabru dille:


No verán estase ben porque hai cero graos, un grao; mais logo vén o inverno e a temperatura baixa, baixa, baixa...