MAMADAS HISTÓRICAS

Tal día como hoxe, o 16 de febrero do 1899, hai pois 125 anos, Félix Faure, presidente de Francia, sufriu unha indisposición no palacio presidencial mentres a súa amante, Marguerite Steinheil, lle succionaba o chamado membro viril. Morrería minutos despois, o que a ela lle valería o alcume de Pompa Fúnebre, xogando co dobre senso en francés da palabra pompe (cerimonia solemne e felación). 

Marguerite Steinheil

A Steinheil, muller do pintor Adolphe Steinheil, levaba unha activa vida social no leito de diversos amantes, que, en compensación polo uso do material conxugal, lle facían encargos artísticos ben pagados ao seu home, polo que este non tiña queixa. Que te libren das obrigas conxugais e por riba che solten pasta, é unha felicidade que máis de un desexaría.

O final da historia foi menos feliz para o pintor. O 31 de marzo do 1908 produciuse un presunto roubo na súa casa. Pola mañá, a criada atopou os corpos do pintor e da súa sogra atados e estrangulados, mentres que a boa da Marguerite apareceu atada no seu cuarto sen dano ningún e dando diferentes versións do acontecido. 

A Policía sospeitou que fora ela quen preparara os asasinatos do seu home e da súa mai para ficar libre e poder casar de novo. O tribunal tivo que absolvela por falta de probas, aínda recoñecendo que o seu testemuño era unha chea de mentiras

O dobre asasinato nunca foi resolvido e Marguerite Steinheil, Mag para os achegados, foise a Inglaterra, onde casou cun Barón e se converteu en Lady Abinger.

Deus ten as súas debilidades á hora de aplicar xustiza.     

BESTEIRO EN CAMPAÑA


Besteiro
subiu a un barco e prometeu modernizar o sector pesqueiro.

Subiu logo a un tractor e prometeu modernizar o sector agrícola e gandeiro e combater polo benestar animal. Cando eu sexa presidente, dixo, as vacas galegas terán jacuzzi na corte, ar acondicionado e subscrición de balde a Netflix.

Subiu logo a un camión e prometeu modernizar o sector do transporte galego e loitar contra o cambio climático. Cando eu sexa presidente, dixo, todas as estradas de Galicia serán construídas  costa abaixo co fin de aforrar combustíbel e dese xeito minorar a polución.

Subiu logo á carretilla dunha fábrica e prometeu modernizar o sector industrial e mellorar as condicións laborais dos traballadores. Cando eu sexa presidente, dixo, os empregados galegos traballarán só cinco horas, un día á semana y en semanas alternas.

Logo subiu a unha ambulancia e prometeu modernizar o sector da sanidade pública aumentando o número de médicos e acabando coas listas de espera. Cando eu sexa presidente, dixo, cada galego terá un médico exclusivamente para el, e a todos os nenos e nenas de Galicia, ao faceren os quince anos, se lles implantará un marcapasos e próteses nas cadeiras co fin de realizar unha medicina preventiva e evitar no futuro as listas de espera.

Centrouse logo nos problemas do medio ambiente. Cando eu sexa presidente, dixo, só poderán circular por Galicia os avións a pedal e os transatlánticos a vela. Ademais, vou peanolizar o océano Atlántico entre Vigo, Cangas e as Cíes para que os galegos poidan gozar da natureza paseando tranquilamente sobre as augas.

NON SEI EU SE A PONTÓN...

Eu tiña fe na Ana Pontón, de entrada porque é de Lugo, e iso sempre supón un plus, ademais de compartirmos un mesmo apelido. Porén, desde que Suso de Toro lle dedicou un libro, e ponderando a vista que de Toro demostrou ter para os políticos no caso de Zapatero, comezo a temer o peor.

REGULARIDADES

 

A lingua galega ten unha maioría esmagadora de verbos da primeira conxugación.

Somos excesivamente simples  e  regulares.

E A RAG, COMO DE COSTUME

Os egrexios e nunca dabondo gabados membros da RAG, Real Academia da lingua Galega (isto último máis ou menos), decidiranse por fin no 2024 a alfabetizar correctamente o seu dicionario en liña e deixar de considerar os dígrafos ch e ll como letras? 

(Reproducido do dicionario da RAG o 1 de febreiro de 2024)