A BANALIZACIÓN DO NAZISMO

Hai una banalización da linguaxe que provén da publicidade, do xornalismo e da necesidade de recorrer ao adxectivo extremo ou ao dramatismo para facerse ouvir nunha sociedade onde os reclamos de atención forman unha fraga mesta e caótica.

Nazi e nazismo (sempre en abreviatura para camuflar as connotacións ideolóxicas do nome completo) son dúas palabras que se encontran nesa fase de banalización e que se empregan para calquera trivialidade, desde un xefe esixente á conduta de catro membros dun partido.


Esta tarde cadroume de ver dous artigos nos que os autores empregan eses vocábulos falando da inmigración nos Estados Unidos.


O primeiro afirma que a actuación de Trump nese asunto é propia do nazismo. 

 
Conviría lembrar que os nazis detiñan persoas nos seus lares dos Países Baixos, de Bélxica, de Francia, da Alemaña, de Austria, de Polonia e doutros países, para subilas CONTRA A SÚA VONTADE a un tren e conducilas a campos de exterminio.


No caso dos americanos a situación é xustamente a contraria: unhas persoas deixan a súa casa co fin de subirse VOLUNTARIAMENTE a un tren, malia que o responsábel lles notifique que ese tren non acepta viaxeiros e que montar á forza supón un perigo que pode ter consecuencias fatídicas. Polo tanto, nada que ver coa situación anterior.


Para o segundo autor, os centros de internamento nos que os americanos pechan os inmigrantes ilegais, son auténticos campos de concentración nazis.

Tamén aquí conviría lembrar que a ameaza que pendía sobre os prisioneiros dos campos nazis non era a de seren expulsados e devoltos aos seus países de orixe, o cal sería motivo de festa para eles, senón a morte, pois para a gran maioría as posibilidades de saíren de alí con vida estaban entre cero e ningunha. 


Outra mostra de nazismo que o autor ve nos EUA, seguindo a unha congresista americana, é que os nenos dos inmigrantes clandestinos son arredados dos seus pais

Esta comparación ten algo de noxenta. Nos campos nazis, os nenos eran afastados dos pais debido a que os menores de idade, ao non seren aproveitábeis para o traballo, eran inmediatamente gaseados e queimados nos fornos. Comparar unha situación con outra non é esaxerado, é indecente.


Os acontecementos dos Estados Unidos pódense analizar con dureza sen necesidade de recorrer a comparacións absurdas (en realidade, os dous artigos aos que me refiro non eran análises senón anatemas).

Esta banalización da linguaxe forma parte da moda. Como alguén dicía hai pouco: Antes, unha catástrofe era un terremoto ou unha enxurrada con máis de cen mortos. Hoxe, unha catástrofe e quedarte sen batería no móbil. A ese extremo de frivolidade chegamos.

Ningún comentario: