INDEPENDENCIAS, PENDENCIAS E CENORIAS


Cadroume o venres de vir nun tren Vigo-Ourense cheo de estudantes, supoño que camiño da casa dos pais para colleren muda limpa e euros frescos.
Tres deles falaban con entusiasmo da posíbel independencia de Cataluña.
Escoitándoos, pensaba eu nos miles de galegos que un día colleron as súas cousas e marcharon probar fortuna en terras catalás con sortes moi diferentes. E en moitos dos fillos deses galegos, hoxe independentistas cataláns activos.
Isto último lembroume a escena dun filme español dos anos sesenta non recordo o título que transcorre na costa Brava. Nel, un autocar de inmigrantes andaluces chega á vila. Dous homes con forte acento catalán, sentados nun café, observan o rebumbio dos andaluces descendendo coas súas bagaxes. Un coméntalle ao outro: «Estes tipos vannos invadir». O outro responde: «Pois os fillos destes, van ser máis catalanistas ca ti». O primeiro oféndese: «Máis ca min! Iso habería que velo».  O acompañante reafírmase: «Ten por seguro que os fillos destes van ser máis catalanistas ca ti».
O tempo deulle a razón, porque neste movemento independentista, que alguén chamou A revolta dos xarnegos, un gran número de compoñentes son fillos de inmigrantes de primeira xeración ou inmigrantes eles mesmos chegados hai algúns anos, o cal quere dicir que o seu avoengo catalán é exactamente o mesmo que o dunha cenoria de Milwaukee plantada en Mollerusa. Porén, xa se sabe que cando os sentimentos entran en xogo, a lóxica ten as patas curtas, e que se ben a adopción de meniños é tarefa complexa e longa, a adopción de devanceiros é rápida e doada.
Estrañoume o entusiasmo dos rapaces do tren, porque o rico non foi xamais un personaxe polo que os movementos épicos ou románticos devecesen; e estrañoume sobre todo porque non sei se eran conscientes de que, cunha Cataluña independizada, eles, ao contrario que os seus antepasados, xa non poderían ir traballar alá se un día decidisen facelo, pois cumpriríalles obter, previamente, unha autorización de residencia e outra de traballo. Se cadra algún o atinxiría; a maior parte, non (por razóns numéricas e de estratexia política), o que os obrigaría a probar fortuna noutros lugares. 
Cada vez que se ergue unha nova fronteira, o mundo vólvese máis pequeno, pois é precisa a autorización de máis xente para moverse por el.
É esta unha antiguísima loita entre dúas concepcións da vida: a dos espíritos errabundos para quen o camiño é un fogar, a dos nómades que por patria teñen as rexións do vento, e a dos chantadores de arame de espiños que fechan pasos e acoutan as terras. A vella loita entre os cazadores e pastores transhumantes, que como moitas outras especies van de acá para alá seguindo as estacións, as choivas e os pastos, e os sementadores de patacas, que erguen barreiras, eses lindes polos que se mostran dispostos a morrer e sobre todo a matar.
Este planeta está cada día máis aramado, máis privatizado. Os sementadores de patacas están a gañar o combate, o cal é triste; e máis triste aínda é que iso lles produza entusiasmo a uns rapaces de vinte anos.