CADA QUEN O SEU ARROALLO - ARTES PLASTICAS

Di un artista plástico do LGBTQIA+ (dez anos máis e esgotan o abecedario) que a exposición artística na que participa ten por obxecto concienciar e cambiar a mentalidade da xente salientando a existencia doutras tendencias e doutros xéneros sexuais.

Si?... De verdade?

Unha exposición de arte plástica para mudar a mentalidade social?

Supoñamos que á exposición vaia xente a carradas. Duascentas mil persoas, poñamos por caso. Iso, falando de España, sería un 0,4 por cento da poboación, cantidade curta para ter influencia social.

Por riba, hai un problema. Os apaixonados da pintura e da escultura foxen desa sorte de exposicións, pois saben que nelas van atopar moita reivindicación e pouquiña arte. Que poden topar, por exemplo, cun receptáculo cheo de auga no que unhas pezas de madeira aboian e outras están no fondo. Consultado o catálogo descóbrese, nun longo texto vindicativo sobre os dereitos dos inmigrantes, que  a obra representa as embarcacións e os inmigrantes mortos no mar. Alguén lle chamou a este tipo de mostras artísticas Exposicións de catálogo, porque dada a irrelevancia estética das obras expostas (as boas intencións non fan boas obras), o único interesante consiste en ler as longas explicacións que os catálogos fornecen. Logo, quen é o público maioritario nese xénero de exposicións?... Os simpatizantes dos movementos que as promoven, é dicir, os xa convencidos, polo que dificilmente poden ter un efecto de concienciación social.

Hai un segundo problema: a pintura e a escultura xamais foron artes populares (sacado un tipo artesán de escultura). Desenvolvéronse decote baixo as saias do Poder, tanto do relixioso, en igrexas e catedrais, como do político, en palacios, pazos e lugares públicos, até a chegada da burguesía, que as converteu en produtos comerciais e especulativos sen perderen o carácter elitista. Un obreiro non mercaba un Manet.

Que as artes plásticas non son populares pódese demostrar facendo unha enquisa na rúa de calquera cidade na que se lle pida á xente que cite o nome de tres pintores e de tres escultores galegos ou españois actuais. O resultado negativo pode rozar o cento por cento, o que non pasaría de preguntar sobre escritores, realizadores, actores, cantantes ou músicos –de música popular, ben entendido, pois a música clásica tamén foi sempre elitista, o que expresaba ben a canción francesa ao dicir que o acordeón é o piano do pobre.  

As artes plásticas non poden mudar nada, como non o mudaron xamais en toda a historia da humanidade, porque non teñen ningunha influenza social, por máis que catro galos fachendosos canten no poleiro.