Texto e fotos: Olegario Sotelo Blanco
Recentemente tiven a oportunidade de visitar a aldea de Peites e fíxeno a partir dunha información segundo a cal este lugar, que está abandonado, e en cuxa entrada loce un pretensioso cartel informando que estamos na Ruta do Ouro, alberga unha parte importante do noso patrimonio histórico e campesiño. Certamente, o apartado histórico arrinca na época dos romanos, que seguiron o curso do río Sil na busca de ouro. Atopárono e fixeron numerosas minas, nas que posiblemente traballaron os nativos da terra. Os capataces das obras dependían do Imperio Romano e, seguramente, facían que traballasen aqueles pobres campesiños en condicións de escravitude. Tras a caída do Imperio Romano, a aldea de Peites reencontrouse consigo mesma e viviu unha existencia simplemente campesiña ata o século XX. Esta existencia concretouse en traballar a terra, un feito que tivo que ser difícil de levar a cabo pola orografía do lugar a pesar de gozar dun microclima favorable que permitía a produción de árbores froiteiras. A agricultura e mais a gan

Fun a Peites atraído pola curiosidade de coñecer un muíño de aceite que leva moito tempo abandonado. Cómpre salientar que cada veciño da aldea contaba cunha pequena produción de aceite que obtiña das súas oliveiras e que elaboraba nun muíño como o que puiden visitar. Hoxe todo este microcosmos —as casas, as terras, os muíños ou as propias oliveiras— é vítima do abandono máis absoluto. Pero este abandono actual contrasta coa vitalidade que tivo Peites ata ben entrado o século XX. Nesta aldea chegaron a existir catro cantinas, o que dá unha idea de que alí viviu unha poboación numerosa. De todo isto apenas queda hoxe un número reducido de casas habitadas, pois os efectos da emigración chegaron tamén a esta terra.
Chegados a este punto, penso que sería bo salientar o que non se fixo e o que se debería de ter feito para recuperar Peites. É evidente que moitas das súas casas, tanto da aldea de arriba coma da aldea de abaixo, dificilmente poderán ser recuperadas, pero non é menos evidente que a beleza da paisaxe e a existencia do muíño de aceite poderían ofrecer hoxe unhas posibilidades para revitalizar estas terras, por exemplo, fomentando o turismo rural e tendo como aliciente antropolóxico a visita deste muíño, que debería de ser restaurado; deste xeito, os visitantes poderían comprender un pouco mellor a historia deste país. Trataríase, pois, de facer unha recuperación fiel do que foi Peites. Esta fidelidade esixiría que as casas fosen restauradas e acadar a primitiva imaxe que tiveron cando estaban habitadas. Trátase de rehabilitar e non de inventar obras faraónicas como as que se están a facer na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Gustaríame que os sisudos arquitectos da modernidade desen un paseo por Peites e coñecesen a arquitectura feita neste país con pedra, madeira, lousa e barro, é dicir, que visen os tabiques centenarios feitos de pallabarro, na primeira época con entrelazados de cana e logo con listóns de madeira, que puidesen contemplar a marabilla dunha fonte escavada na terra e que visitasen a igrexa de San Martiño, que alberga a obra de arte dun retablo maior renacentista do século XVII. Todo este conxunto —o muíño, as casas, a fonte e a igrexa— está perfectamente integrado na paisaxe e o visitante poderá admirar a natureza do lugar e a obra feita polo home integrada nela e sen ningunha ruptura. Esta aldea forma parte da nosa cultura e non podemos deixar que continúe o proceso de abandono total.
Non se trata só de recuperar realidades materiais, senón que estas realidades recuperadas poidan servir para poder dar a coñecer as formas de vida dos nosos antepasados, algúns dos cales conservan aínda a memoria do que supuxo a vida en Peites, porque eles mesmos viviron e traballaron alí ata que tiveron que emigrar. As obras dos encoros que se fixeron no curso do río Sil realizáronas moitos campesiños da zona, que foron recrutados para que traballasen nelas e, máis tarde, emprenderían o camiño da emigración; unha emigración masiva na década dos anos sesenta do século XX. Os poucos veciños que quedan en Peites aínda

Gustaríame agora que nos fixásemos no que tivo que significar para a xente de Peites ese muíño de aceite que hoxe está abandonado. O meu interese é, neste caso, interesado, e perdoen a redundancia, porque eu mesmo me preocupei de recuperar un muíño de auga na zona de Caldelas, máis concretamente no río Caldelas, é dicir, na miña terra natal. Nesta zona quedou demostrada a importancia que tiveron os muíños, pois tiñamos que acudir ata eles para moer o centeo. Nun percorrido de 15 quilómetros dese río moían sen parar 26 muíños a mediados do século XX e hoxe tan só se recuperaron tres deles, os demais están abandonados. A mesma inquedanza pola recuperación do noso patrimonio cultural fixo que crease na sede da Fundación e da editorial Sotelo Blanco, en Santiago de Compostela, o Museo de Antropoloxía, que alberga hoxe unha gran cantidade de pezas, ferramentas ou apeiros de labranza, así como obradoiros de zoqueiro, de fuseiro, de ferreiro, material dos afiadores, máquinas de mallar, etc. Son pezas todas elas procedentes de moi diversas zonas de Galicia porque, cando eu principiei este proceso de recuperación museística destas pezas de traballo, a maioría delas estaban xa condenadas ao abandono ou á ruína.
Coa mesma actitude, gustaríame poder trasladar o muíño de aceite de Peites para que formase parte desa visión antropolóxica que pretende ser a Fundación que me honro en presidir. Pero tendo en conta o respecto que debemos ter todos os cidadáns polo patrimonio das nosas aldeas e da súa xente, entendo que o máis honesto é que ese muíño permaneza onde estivo sempre, pero que o faga dunha maneira digna. Peites foi perdendo poboación paulatinamente e, do mesmo xeito, tamén deixaron de traballar as terras, o coidado das árbores froiteiras, as oliveiras etc. Hoxe en día debería de recuperarse ese muíño para que tivese outra vez unha función social. Hai anos este muíño tivo unha función básica: permitir a subsistencia dos aldeáns que acudían cos capachos cheos de olivas para convertelas en aceite, que era moi importante na alimentación básica das familias. Xa que falamos do aceite, considero que é de xustiza comentar aquí o valor que ten esta pequena construción. O muíño é unha verdadeira mostra de enxeñería popular porque, a pesar de que o edificio está case en ruínas, aínda se conserva ben. A súa construción garda un muíño de roda e un lagar. O muíño de roda, en tempos pasados, para facelo xirar e moer as olivas era impulsado por un burro e, ás veces, por catro homes; logo no lagar, unha grandísima trabe soporta o peso par

Imaxinemos por un momento que este muíño volve estar rehabilitado e funciona do mesmo xeito que o fixo durante anos e anos. Para as novas xeracións de galegos sería todo un descubrimento poder contemplar o proceso de produción de aceite tal e como o fixeron os seus devanceiros. Cómpre dicir aquí que xa se está producindo aceite e tamén recuperando algúns vellos muíños noutras aldeas da zona e da provincia de Ourense, pero sería dunha enorme importancia poder recuperar este muíño de Peites non só como unha peza produtiva, senón como o punto de arranque da revitalización desta aldea, que tería que ir acompañada da recuperación doutros elementos que foron tamén fundamentais no tecido social de Peites: a cantina, a fonte, a igrexa, a casa da escola e moitas vivendas, das que só quedan as paredes. A recuperación destes elementos ofreceríalle ao visitante unha visión directa e completa de como foi a vida nunha aldea, que dalgunha maneira tivo un carácter excepcional, precisamente, pola súa produción de aceite.
A situación xeográfica de Peites é inmellorable. Ten a beleza do medio físico e actualmente está ben comunicada. Certamente, atópase preto dos accesos a Galicia desde A Rúa a Monforte de Lemos, pero ademais dun xeito paralelo a estes accesos van construír un corredor de alta capacidade dentro dos plans das novas infraestruturas de comunicación. Durante anos non se produciu o proceso de recuperación da zona por mor da sangría que supuxo a emigración. Os emigrantes de Peites suficiente esforzo fixeron cando tiveron que marchar lonxe da súa terra natal. As condicións de vida durante o réxime anterior provocaron que marchasen da aldea, pero na actual etapa democrática tampouco se incentivou o retorno dos emigrantes, que podería servir de estímulo para a recuperación das casas abandonadas durante tantos anos. Hoxe as Administracións —municipal, provincial e autonómica— serían as únicas capaces de abordar o inicio desta recuperación que, insisto, no caso desta aldea estaría máis que xustificado polo seu atractivo paisaxístico e pola presenza deste muíño, que é unha excepción na vida aldeá de Galicia. A chegada de visitantes serviría, indubidablemente, para ver outra vez como renace unha aldea que hoxe está en vías de converterse en calquera cousa menos no que foi. Por desgraza, estamos asistindo en Galicia, e en xeral en todo o mundo por culpa das políticas globalizadoras, ao desmantelamento progresivo das nosas aldeas.
Deste xeito, podemos ver como a vida urbana das cidades se impón sobre a vida rural dos pequenos núcleos de poboación e das aldeas. É coma se Galicia estivese transformándose e renunciase á súa Historia, potenciando só os grandes núcleos de poboación, nos que se constrúen grandes edificios feitos por deseñadores de sona e sexan considerados como un símbolo da modernidade, ou restaurando os monumentos históricos situados nesas cidades; todo isto non se debería de facer se ignoramos o resto do patrimonio formado por pequenas pezas ou teselas que configuraron historicamente o mosaico do noso País. Hoxe en dí

Hoxe fálase con insistencia da necesidade de recuperar a memoria histórica só cun significado e para min o fundamental da memoria tamén é a recuperación da forma de vida que durante séculos tiveron os nosos devanceiros, é dicir, o traballo na terra ou no mar, os cultivos, os costumes, as formas de subsistencia, a emigración etc. Sen a suma de todo isto a memoria histórica pode quedar limitada a unha especie de curiosidade arqueolóxica e precisamente non se trata disto, senón de todo o contrario: de intentar converter en realidade actual algo que conformou a realidade da nosa identidade. Se seguimos condenando o mundo rural ao abandono e á ruína, acabaremos perdendo unha parte fundamental da Historia de Galicia; polo tanto, non podemos permitir que desaparezan aldeas como Peites, pois, se así o facemos, estaremos sendo cómplices da desaparición da esencia do que significou, e significa, ser galego.
-
Ningún comentario:
Publicar un comentario