Andaba eu o outro día cun amigo cando se nos abeirou un rapaz que sentía o devezo de ser escritor e quería que o aconsellasen (hai xente que non sabe equivocarse soa e precisa axuda).
—Queres escribir ou publicar?
A pregunta esmilagrouno.
—É o mesmo, non é?
—Ah, non!... Se queres escribir pódelo facer do xeito que queiras e sobre aquilo que te divirta porque escribes para ti. Publicar é distinto, pois, ademais de para ti, deberás escribir para outros que atoparás no camiño.
Como todo escritor novo, o que el arelaba era publicar e canto antes, así que se interesou polos argumentos mais atractivos para as editoriais.
Conteille que a min, hai anos, a responsábel de literatura infantil e xuvenil dunha editorial propúxome:
—Ti que traballas ben o humor, por que non creas un Manolito Gafotas galego e nós publicámolo.
A idea pareceume caralluda e, despois de me preocupar vivamente por se a embolia cerebral a deixaba levar unha vida normal ou lle daban aqueles ataques a miúdo, respondinlle:
—De acordo. Que che parece se facemos un personaxe transgresor e lle chamamos Xurxiño o reventa virgos? Os nenos gustan destas indirectas subtís.
O futuro escritor interrompeu. El quería triunfar na literatura para adultos.
O meu amigo, célebre crápula, compendiou:
—Non te compliques a vida. Se o que queres é publicar, escribe unha noveliña sentimentaloide sobre a guerra civil cun toque nacionalista e vinte quilos de tópicos simplistas de bos e maos, que iso calquera editorial cho colle... Ah! E preséntaa a algún concurso, que seguro que che dan o premio pola túa orixinalidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario