Resposta dun mediático crítico francés ao preguntarlle a súa opinión sobre un escritor conterráneo:
É o mellor vendedor de libros de Francia.
Resposta dun mediático crítico francés ao preguntarlle a súa opinión sobre un escritor conterráneo:
É o mellor vendedor de libros de Francia.
Cando un xornalista emprega unha terminoloxía sectaria para contar un conflito bélico, non está a vender información senón propaganda.
Escribía o humorista Pierre Dac que debemos desconfiar dos restaurantes que na porta anuncian: «Aquí cómese como na casa». Para comer como na casa, opinaba el, non fai falla andar saíndo a gastar os cartos fóra.
Lembrei a frase lendo o texto de promoción dunha novela publicada recentemente, onde se nos di, para gabar o estilo do autor, que nel se aprecian as pegadas de tres ou catro grandes novelistas do século vinte.
Para ler unha prosa que lembra a de Saul Bellow, mellor prescindir de intermediarios e gastar a pasta directamente nunha novela de Bellow, autor interesante, sobre todo se un sente curiosidade polas vicisitudes da vida dos xudeus emigrados a Norteamérica na primeira metade do século vinte procedentes de Europa.
Hai una banalización da linguaxe que provén da publicidade, do xornalismo e da necesidade de recorrer ao adxectivo extremo ou ao dramatismo para facerse ouvir nunha sociedade onde os reclamos de atención forman unha fraga mesta e caótica.
Nazi e nazismo (sempre en abreviatura para camuflar as connotacións ideolóxicas do nome completo) son dúas palabras que se encontran nesa fase de banalización e que se empregan para calquera trivialidade, desde un xefe esixente á conduta de catro membros dun partido.
Esta tarde cadroume de ver dous artigos nos que os autores empregan eses vocábulos falando da inmigración nos Estados Unidos.
O primeiro afirma que a actuación de Trump nese asunto é propia do nazismo.
Conviría lembrar que os nazis detiñan persoas nos seus lares dos Países Baixos, de Bélxica, de Francia, da Alemaña, de Austria, de Polonia e doutros países, para subilas CONTRA A SÚA VONTADE a un tren e conducilas a campos de exterminio.
No caso dos americanos a situación é xustamente a contraria: unhas persoas deixan a súa casa co fin de subirse VOLUNTARIAMENTE a un tren, malia que o responsábel lles notifique que ese tren non acepta viaxeiros e que montar á forza supón un perigo que pode ter consecuencias fatídicas. Polo tanto, nada que ver coa situación anterior.
Tamén aquí conviría lembrar que a ameaza que pendía sobre os prisioneiros dos campos nazis non era a de seren expulsados e devoltos aos seus países de orixe, o cal sería motivo de festa para eles, senón a morte, pois para a gran maioría as posibilidades de saíren de alí con vida estaban entre cero e ningunha.