POR NÓS NON PASA O TEMPO

Esta mañá, vinte e tres de abril, falaban de libros no programa Galicia por diante, da Radio Galega. Alguén dicía que o que el botaba a faltar na literatura galega era novelas de humor.
Iso lembroume que hai trinta anos, cando se publicou Un pequeno favor e outras historias de humor perverso (que en varias referencias aínda aparece como ... outras historias de amor perverso, porque a xente pensa no que pensa), eran moitos os que valoraban por riba de todo que se tratase dun libro de humor, algo que parecía constituír un mérito en si mesmo nun país en que o humor literario non existía e onde, como alguén escribiu daquela: «calquera día imos morrer dun ataque de transcendencia».

Se coñece que, trinta anos despois, as cousas teñen mudado pouco.