Amosando publicacións coa etiqueta Lingua. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lingua. Amosar todas as publicacións

O GALEGO DA GALEGA

Para se referir aos roubos que en argot policial se coñecen como sirlas, aqueles en que o asaltante pon unha navalla no pescozo do asaltado, xeralmente baixo a queixada, que non é o punto máis perigoso aínda que si moi sensíbel para percibir a picadura do ferro, a prensa española popularizou a expresión Robo a punta de navaja. Por similitude e contaxio aparecería despois a forma incorrecta Robo a punta de pistola, incorrecta porque no caso das pistolas o elemento ameazante non é ningunha punta. Estes dous hispanismos, alleos ao galego e ao portugués e por tanto impropios, foron traducidos á nosa lingua e aparecen adoito na prensa e en obras de ficción.

O outro día deuse nun telexornal da Televisión galega un caso curioso, como se pode ver nesta imaxe pertencente ao mesmo. 

Mentres que na locución empregaban, para falar do asalto a un banco, o españolismo a punta de pistola, nos rótulos da parte inferior da imaxe aparecía a denominación correcta en galego e portugués para ese xeito de cometer o delito: á man armada.

Un roubo á man armada pode ser con calquera tipo de arma, mais, convencionalmente, enténdese que se trata dunha arma de fogo.

Ás veces, para precisalo mellor, recórrese as expresións armado de pistola ou pistola en man, expresión esta que, como se pode ver, se lía no rótulo do Galicia Noticias, en tanto que na locución porfiaban co hispanismo a punta de pistola.

A estes dous rótulos aínda lles sobra un españolismo.

En galego e portugués, atracar é o que fan os barcos e non ten relación con ningunha modalidade de roubo. O substantivo atraco non existe nin en portugués nin en galego (aínda que si aparece nos dicionarios de galeñol).

Para evitalo, chegaría con dicir:

Roubo á man armada na Caixa Rural. A garda Civil busca o asaltante, que levou polo menos 60.000 euros.

Buscan o asaltante que armado de pistola roubou case 90.000 euros nun banco.

(Obsérvese que o asaltante perdeu 30.000 euros na hora que decorreu entre as dúas informacións)

Coa querenza que os xornalistas galegos lle colleron aos hispanismos a punta de navalla e a punta de pistola, non me estrañaría que un día destes comecen a referirse ás violacións como Asaltos a punta de nabo ou Asaltos a punta de pirola.

VOCÁBULOS MAXISTRAIS

Algunhas palabras foron tan ben paridas que non precisan de explicacións adxacentes.

Por exemplo:

Estapafurdio

Unha palabra que, aínda que ignores o que significa, chega con lela para saber que iso non pode ser nada bo.

A RAG E OS BOLSEIROS

O día que quedan os bolseiros facendo as definicións, lense cousas como esta no dicionario da RAG:

pancreatina

Substancia que obtén encimas, se obtén do páncreas de certos animais e se utiliza con fins terapéuticos.

_________

Para entendernos:

PANCREATINA –  Mestura de enzimas, xeralmente orixinadas no páncreas, que, por conter fermentos dixestivos deste, é empregada no tratamento de certas dispepsias.

ISTO SI QUE É UNHA PALABRA

 Esta si que che é unha palabra! Olla pra acó:


Pneumoultramicroscopicossilicovulcanoconiótico,

que, como o su nome indica e calquera pode deducir, significa:

Relativo á pneumoultramicroscopicossilicovulcanoconiose,

é dicir, o que che pode pasar se inhalas a cinsa dun volcán.

 

Seguindo as rudas e inxenuas analoxías dos antigos, a cinsa dun volcán debería ser afrodisíaca, tanto polo símbolo do lume como pola forma do volcán.  

En calquera caso, esta é unha desas doenzas que, con tal de non ter que escribir o seu nome completo, case que é preferíbel morrer.

O GALEGO E AS REGULARIDADES

 

A lingua galega ten unha maioría esmagadora de verbos da primeira conxugación.

Somos excesivamente simples  e  regulares.

E A RAG, COMO DE COSTUME

Os egrexios e nunca dabondo gabados membros da RAG, Real Academia da lingua Galega (isto último máis ou menos), decidiranse por fin no 2024 a alfabetizar correctamente o seu dicionario en liña e deixar de considerar os dígrafos ch e ll como letras? 

(Reproducido do dicionario da RAG o 1 de febreiro de 2024)
 

A RAG, OS ISRAELITAS E O LADINO

A RAG debería aproveitar vindeiras modificacións do seu dicionario para eliminar del a palabra Israelí e os seus significados (un dos múltiples copia-e-pega do español que aparecen no dicionario), e deixar só a voz israelita, engadindo as variantes israeliense e israeliano.

E podería tamén suprimir do dicionario a inventada acepción ladino = individuo sefardita, xa que o termo ladino fai referencia (neste contexto) unicamente á lingua e non ás persoas (confróntese co portugués, español, francés ou inglés).

Sinagoga sefardita de Exipto

PARABÉNS E SUXESTIÓNS Á RAG

A RAG anuncia que, en 2022, incorpora ao seu dicionario á voz Aeroxerador... que xa aparecía no dicionario de Xerais do ano 2010.

Anuncia tamén que en Compoñedor engade a acepción: persoa que pon de acordo dúas ou máis partes… que tamén aparecía no dicionario de Xerais do ano 2010.

Parabéns; iso chámase rapidez de reflexos. 

E unha suxestión:

Postos a engadir acepcións, podían meter na voz Pero, o seu valor interxectivo, de amplo uso no galego popular: Pero mira que pantalóns foi pór!

AS CINCO PALABRAS MÁIS BUSCADAS NA RAG

 Segundo a páxina da RAG, as cinco palabras máis buscadas no seu dicionario hoxe, 17-2-22, foron as seguintes:

Soma

cona

pene

cuncha

máis

 

Que nivelazo!

Só faltan cu e puta para atinxir a matrícula de honra.