DEFININDO OS BEST SELLERS

 «Un best seller é un libro xeralmente malo que se vende moi ben. Grazas a iso, o editor pode publicar outros libros igualmente malos pero que non se venden».

                      Robert Sabatier

PAUL AUSTER

O autor dun artigo sobre a morte de Paul Auster atopa algunhas similitudes entre a obra deste e a de Franz Kafka.

Tendo en conta que Kafka era un xudeu asquenazí de expresión alemá nacido en Praga, e que, aínda que nado nos Estados Unidos, Paul Auster era un xudeu descendente de pais asquenazís austríacos de lingua alemá, a uns quiñentos quilometros de Praga, algunha similitude tampouco é moi de estrañar.

A INCOMPRENSÍBEL PSICOLOXÍA DOS OBREIROS.

Os obreiros non hai quen chos entenda.


O día primeiro de maio bótanse á rúa tan felices.

E despois, cando un empresario, para facelos felices, os bota á rúa, póñense a protestar.

En fin, a típica incoherencia das clases baixas.

GIGI L'AMOROSO

                       (Banda sonora a escoitar co artigo: youtube.com › watch?v=L891xRMCV_Q)

Encántanme esas manifestacións madrilenses de loa ao líder, promovidas dun xeito espontáneo polas clases máis humildes (económica e mentalmente), que son ás que lles cómpre un líder, pois as clases potentadas (económica e intelectualmente) cos líderes limpan o cu.

Chegados á capital do reino, nos autobuses espontaneamente alugados cincuenta horas antes, pois as cousas espontáneas convén preparalas con tempo, xúntanse en Ferraz, na praza de Oriente ou noutro punto, segundo raza e pelaxe, xa que os borregos de cada rabaño teñen as súas manías á hora de elixiren o prado no que pacer.

A última destas manifestacións espontáneas foi o sábado 27 de abril. O propósito era expresarlle o seu arrimo, antes chamado adhesión inquebrantábel, ao líder máximo, o gran Gigi o amoroso, cantándolle a súa canción: 

Gigi o amoroso, conquistador,

ollar de veludo como unha caricia.

Gigi o amoroso, sempre vencedor,

ás veces sen corazón

mais non sen dozura.

Escóitaos, Gigi. É o teu pobo. Viñeron (espontaneamente) para te aclamaren. Para pedírenche que non te vaias, que non os deixes orfos.

Míraos, Gigi, están todos aí por ti, os guiñois mecánicos e as Maríamagdalenas en bágoas. E tamén os cinco autocares do Inserso que por un erro rematan sempre neste tipo de concentracións.

Encántanme estas manifestacións espontáneas de loa ao líder. O que non comprendo é porque aínda non as declararon festexo de interese nacional.

 

 ___________

1 – Nota respectuosa para o estimado Xosé M. Eyré: Borrego e guiñol  son lusismos, non castelanismos.

2 – Nota retrospectiva: na versión española desta canción do 1974, a viúva do coronel, que aparece na letra orixinal entre as mulleres admiradoras do Gigi, foi trocada por a viúva do concelleiro.

A DIMISIÓN DE PEDRO SÁNCHEZ (OU DAS PEQUENAS FARSAS PARA TEMPOS DE CRISE)

Toda españa sen alento á agarda de saber se finalmente dimitirá Pedro Romeo Sánchez o luns que vén.


 Non é para menos, porque deducir se un político que leva anos loitando por manterse no poder e agarrándose a el con uñas e dentes vai dimitir, resulta un enigma case tan complexo de resolver como o de saber se despois do luns virá o martes.

DEFININDO OS FRANCMASÓNS

«Un francmasón é alguén demasiado snob para ser católico e sen clase dabondo para ser xudeu».

Gaspard Proust nunha vella emisión de televisión xa desaparecida.

DE GALICIA, OS CELTAS E AS FADAS

O libro Avec les fées, de Sylvain Tesson, conta unha viaxe en veleiro polas costas dos chamados países celtas.

Quen eran os Celtas?

«Adoradores do crepúsculo, aqueles homes estaban condenados a desaparecer. Deles, non se sabía gran cousa. Os lingüistas pretendían que formaban un pobo unido. Os arqueólogos reconstituían os capítulos dos seus desprazamentos amosando torques e láminas de bronce. A universidade excitábase diante dos túmulos funerarios. O demais: unha construción de pequenos escritores fascinados polo reflexo da Lúa sobre os lamazais. O entusiasmo romántico atopaba na existencia dun pobo impreciso, refuxiado nos bordos do mundo e desaparecido nas fauces da orde romana, a invasión bárbara e o dogma cristián, un fermento ideal para as súas especulacións. Dos Celtas falábase moito, dicíase todo, non se sabía nada».

«É un crime basear nun mito o nacemento dun pobo?»

O veleiro seguirá esas costas.

«Os promontorios de Galicia, a Bretaña, Cornualles, do país de Gales, da illa de Man, de Irlanda e de Escocia debuxan un arco».

«Un cordón litoral corre desde Galicia deica as Shetland escocesas, ourizado de toxos, salgado polos resalseiros, vixiado polas gaivotas».

«O litoral céltico é unha mesma patria, dalgúns quilómetros de ancha e dous mil quilómetros de longa, que se estende da Galicia a Escocia».

A viaxe comeza a pé en Galicia:

«Durmín no extremo oeste de España, en Galicia, no Castro de Baroña, sobre un saínte de granito que penetraba no mar. No século un antes de Cristo os homes vivían alí. Viñeran das profundidades da Idade de Bronce e da Europa central.»

«Os elementos do oeste atlántico achábanse dispostos arredor de min: o gastado granito, os fentos e as silveiras que esgazan o vento. Reinaba a xuventude nesta natureza bicuda. Ás veces, a cor malva dunha urce achegaba un toque de preciosismo na matriz de iodo e de fotón. Durante tres meses acompañaríame a heráldica deste tapiz.  Vivan a gaivota e o toxo!»

«Os trobadores do século XII sabíano: o vento e as ondas traen a lembranza da ben amada. Consello aos corazóns rotos: durmir na praia».

Pasa por cabo Ortegal camiño de Xixón, onde dous amigos o agardan no veleiro en que completarán a viaxe polo arco celta.

O autor desembarca de cando en cando para facer traxectos a pé ou en bicicleta durante unha ou máis xeiras seguindo a costa, costas de pescadores.

«Outrora, na Bretaña, unha muller casaba cun futuro afogado e despois criaba un fillo que casaría cunha futura viúva. A xeografía estaba estrañamente preparada para as mulleres. Había promontorios para agardar o retorno [dos barcos] e capelas para chorar os naufraxios».

E as fadas do título? 

É un concepto algo cambiante ao longo do relato.

As fadas son «unha calidade do real revelada por unha disposición da ollada. Hai un xeito de ver o mundo para descubrir o milagre. O reflexo do sol que o mar devolve, a fricción do vento nas follas dunha faia, o sangue sobre a neve e o resío perlado sobre a pel dun animal: aí están as fadas».

Malia o contado até aquí, este non é propiamente un libro de viaxes senón, moi no estilo de Sylvain Tesson, un conxunto de percepcións, de sensacións e de reflexións ao longo dun itinerario.

Tres frases:

«O monoteísmo descende do ceo. As lendas xorden da bruma».

«A alternancia das mareas é a proba de que Deus non estaba moi seguro de si mesmo».

«A navegación a vela é un medio para ir onde se quere, a condición de decidilo despois da chegada».

E unha nota de humor inglés nesta inscrición que o autor viu nun pub de Fishguard, no País de Gales:

Every man should marry. Happiness is not the only thing in life

 

__________

Outras entradas sobre libros neste blog:

- Le Mage du Kremlin (publicada en xullo do 23)

- A xélida Galicia e as galegas pequeniñas (publicada en marzo do 23)

CONFESIÓNS TERRORISTAS

(Todo listo: os terroristas xa asinaron a confesión. Agora só nos falta redactala.)

Debuxo de Xavier Gorce aparecido en Le Point [ lepoint.fr ]

O DECEPCIONANTE VLADIMIR PUTIN

Como me defraudou o Putin!

Despois de eliminar -nas diversas acepcións do verbo- os seus adversarios xornalísticos e políticos, gaña as eleccións cun miserábel 86% dos votos igual que un tiranucho bananeiro calquera.

Canto lle queda aínda por aprender de Franco, que sacaba adiante os seus referendos cun 94% de votos a favor e sen necesidade de invadir previamente Portugal.


ASASINOS VEXETARIANOS

 A intelixencia de Deus é inconcusa.

Unha mostra podémola atopar no libro do Bereshith, tamén chamado o libro da Xénese, cando se nos conta a historia dos irmáns Caín e Abel.

O Caín dedicábase á agricultura, traballo duro que obriga a vivir coa vista fixa na terra. O Abel era pastor, nobre oficio que vive ollando o ceo e ao que a humanidade lle debe tres achegas sublimes: a frauta, o churrasco e a zoofilia.

Autor: John Reilly

Desexoso de mostrar a Deus o seu agradecemento, o Caín ofreceulle algúns produtos da horta: espinacas, leitugas e mazás.

Deus ollou aquilo e preguntoulle:

—Que se supón que debo facer con isto?

—Podes facer un pastel de espinacas, unha ensaladiña de leituga e de sobremesa unha torta de mazás. Todo riquísimo.

Deus  –daquela chamado aínda Elohim– salaiou e respondeu:

—Todo iso falo para ti e logo cómelo.

Despois chegou o Abel. Para amosarlle a Deus a súa gratitude, ofreceulle un cordeiro do seu rabaño.

A Elohim acendéronselle os ollos, sorriu e dixo:

—Home, isto xa é outra cousa! Unhas costeletas de año á brasa...

Non esquezamos esta lección de Deus sobre o correcto camiño para a nutrición.

E non esquezamos tampouco que o Caín matou o Abel. É dicir, non esquezamos que o primeiro asasino da historia foi un vexetariano.

RAPAZ, FAITE MULLER!

Faite muller hoxe mesmo, rapaz. Tes diante de ti  unha ocasión de ouro. 

Grazas á lei Trans, para que o Estado te recoñeza como muller, xa non precisas o informe dun profesional médico, nin operación cirúrxica de tipo ningún, nin cambio de nome. Chega con que declares que te sentes muller. Se te chamas Xurxo Couto, seguirás chamándote Xurxo Couto no teu DNI, seguirás a ter o teu membro sexual masculino e levando roupa de home sen problema ningún. Só cambiará que no Rexistro Civil estarás inscrito como muller, e iso vai pór á túa disposición unha chea de vantaxes que non debes desaproveitar.

1 – Terás dereito a acceder aos postos de traballo reservados a persoas transxénero para evitar á súa marxinación ou exclusión.

2 – Poderás optar aos postos de traballo destinados a mulleres por paridade ou por outros motivos.

3 – Poderás acollerte á discriminación positiva para teres dereito a prazas e axudas que en caso contrario non serían para ti (discriminación positiva é o nome que se lle dá a un fraude universal, creado nos Estados Unidos hai uns corenta anos, grazas ao cal ilustres mediocridades, como certa exrrectora dunha universidade americana, chegaron a postos máis ou menos importantes).

4 – En caso de presentáreste a un posto de traballo que para acceder a el esixa pasar unhas probas físicas, ti deberás realizar ás correspondentes a unha muller, que son moito menos esixentes que as dos homes e que por tanto poderás superar con facilidade.

5 – No traballo, se o teu xefe che di calquera cousa que non che guste ou se mostra severo de máis, só terás que lembrarlle que lle podes arruinar a vida denunciándoo por transfobia e deixarate en paz para sempre.

6 – Terás dereito a usar todos aqueles servizos en que a muller ten un trato preferente a nivel de entrada, prezos, admisión, etc.

7 – Ninguén se atreverá a pórche trabas, por exemplo para entrar nunha discoteca, porque o poderías acusar de discriminación cunha persoa trans.

8 – Serás a nena mimada dalgúns sectores feministas.


Se estás casado, as túas vantaxes multiplícanse. Legalmente deixarás de ser o pai dos teus fillos. A túa muller, como mai biolóxica, pasará a ser a mai número 1 e ti serás a mai número 2.

Que gañas con isto?

1 – En caso de pelexa, non te poderán acusar nunca de violencia de xénero, pois será un problema entre dúas mulleres.

2 – No divorcio, non terás que deixar o piso conxugal nin pagar automaticamente unha pensión, pois deberá decidir o xuíz a cal das dúas mulleres lle corresponde facelo.

3 – En caso de divorcio con desacordo, podería deducirse que a patria potestade dos fillos se lle dará á mai número 1, por ser a mai biolóxica. Nin moito menos! Se o xuíz determinase iso, ti poderías presentar denuncia por discriminación dunha muller transxénero, algo que un goberno progresista non pode consentir (en política, progresista é sinónimo de narcisista, é dicir, de alguén que cree que el encarna a verdade e a luz do mundo), polo que tes moitas posibilidades de quedarte cos teus fillos e no piso conxugal.

O cambio de xénero ten outras vantaxes anecdóticas.

Poderás entrar nas duchas e nos servizos de mulleres por seren os que che corresponden polo teu xénero.

Se cometes un delito, ingresarante nun cárcere de mulleres por máis que te chames Xurxo Couto, e alí terás todo un mundo de posibilidades.

Anímate, rapaz, e cambia de xénero mañá mesmo. Non renuncies ás vantaxes que o Estado che ofrece

Se tes aínda algunha dúbida, pensa que o cambio de xénero legal non é irreversíbel, xa que se basea nun sentimento persoal e ningún sentimento é inmutábel. Cando che pete, podes dicir que deixaches de sentirte muller e inscribirante de novo como home.

Cambia de xénero, rapaz. Se o fas, o futuro é teu!

TEMPOS REVOLTOS

 

 

 

Os sinais da fin do mundo son cada vez más evidentes.

Unha mostra:

No ano actual, como se pode ver neste calendario de Google, o Mércores de cinsas caeu en luns, polo que non sería de estrañar que o día primeiro de maio caese o catorce de outubro.

MAMADAS HISTÓRICAS

Tal día como hoxe, o 16 de febrero do 1899, hai pois 125 anos, Félix Faure, presidente de Francia, sufriu unha indisposición no palacio presidencial mentres a súa amante, Marguerite Steinheil, lle succionaba o chamado membro viril. Morrería minutos despois, o que a ela lle valería o alcume de Pompa Fúnebre, xogando co dobre senso en francés da palabra pompe (cerimonia solemne e felación). 

Marguerite Steinheil

A Steinheil, muller do pintor Adolphe Steinheil, levaba unha activa vida social no leito de diversos amantes, que, en compensación polo uso do material conxugal, lle facían encargos artísticos ben pagados ao seu home, polo que este non tiña queixa. Que te libren das obrigas conxugais e por riba che solten pasta, é unha felicidade que máis de un desexaría.

O final da historia foi menos feliz para o pintor. O 31 de marzo do 1908 produciuse un presunto roubo na súa casa. Pola mañá, a criada atopou os corpos do pintor e da súa sogra atados e estrangulados, mentres que a boa da Marguerite apareceu atada no seu cuarto sen dano ningún e dando diferentes versións do acontecido. 

A Policía sospeitou que fora ela quen preparara os asasinatos do seu home e da súa mai para ficar libre e poder casar de novo. O tribunal tivo que absolvela por falta de probas, aínda recoñecendo que o seu testemuño era unha chea de mentiras

O dobre asasinato nunca foi resolvido e Marguerite Steinheil, Mag para os achegados, foise a Inglaterra, onde casou cun Barón e se converteu en Lady Abinger.

Deus ten as súas debilidades á hora de aplicar xustiza.     

BESTEIRO EN CAMPAÑA


Besteiro
subiu a un barco e prometeu modernizar o sector pesqueiro.

Subiu logo a un tractor e prometeu modernizar o sector agrícola e gandeiro e combater polo benestar animal. Cando eu sexa presidente, dixo, as vacas galegas terán jacuzzi na corte, ar acondicionado e subscrición de balde a Netflix.

Subiu logo a un camión e prometeu modernizar o sector do transporte galego e loitar contra o cambio climático. Cando eu sexa presidente, dixo, todas as estradas de Galicia serán construídas  costa abaixo co fin de aforrar combustíbel e dese xeito minorar a polución.

Subiu logo á carretilla dunha fábrica e prometeu modernizar o sector industrial e mellorar as condicións laborais dos traballadores. Cando eu sexa presidente, dixo, os empregados galegos traballarán só cinco horas, un día á semana y en semanas alternas.

Logo subiu a unha ambulancia e prometeu modernizar o sector da sanidade pública aumentando o número de médicos e acabando coas listas de espera. Cando eu sexa presidente, dixo, cada galego terá un médico exclusivamente para el, e a todos os nenos e nenas de Galicia, ao faceren os quince anos, se lles implantará un marcapasos e próteses nas cadeiras co fin de realizar unha medicina preventiva e evitar no futuro as listas de espera.

Centrouse logo nos problemas do medio ambiente. Cando eu sexa presidente, dixo, só poderán circular por Galicia os avións a pedal e os transatlánticos a vela. Ademais, vou peanolizar o océano Atlántico entre Vigo, Cangas e as Cíes para que os galegos poidan gozar da natureza paseando tranquilamente sobre as augas.

NON SEI EU SE A PONTÓN...

Eu tiña fe na Ana Pontón, de entrada porque é de Lugo, e iso sempre supón un plus, ademais de compartirmos un mesmo apelido. Porén, desde que Suso de Toro lle dedicou un libro, e ponderando a vista que de Toro demostrou ter para os políticos no caso de Zapatero, comezo a temer o peor.

REGULARIDADES

 

A lingua galega ten unha maioría esmagadora de verbos da primeira conxugación.

Somos excesivamente simples  e  regulares.

E A RAG, COMO DE COSTUME

Os egrexios e nunca dabondo gabados membros da RAG, Real Academia da lingua Galega (isto último máis ou menos), decidiranse por fin no 2024 a alfabetizar correctamente o seu dicionario en liña e deixar de considerar os dígrafos ch e ll como letras? 

(Reproducido do dicionario da RAG o 1 de febreiro de 2024)
 

O NARIZ XUDEU

Envíanme, cun pouco de atraso, o artigo dun blog no que Xesús González Gómez escribe sobre o antisemitismo nos escritores galegos. Nel reproduce estas palabras da miña novela Martín Coutinho en busca do sol: «narices xudeus e ollos debecidos de usureiros» (nos dicionarios dos oitenta aínda se escribía con b). 

Deixando a unha banda a discutíbel inclusión da frase nun artigo sobre o antisemitismo nos escritores galegos, cando na miña novela esas palabras corresponden a un tópico descritivo dun grupo de xente sen nexo ningún con tal pobo, vaiamos con ese célebre nariz, un lugar común que, ao igual que todos os lugares comúns, non xurdiu do nada como se pode ver nestes exemplos escollidos ao chou nalgúns autores xudeus.

Serge Gainsbourg
O premio Nobel Patrick Modiano escribe na súa obra Dora Bruder referíndose aos xudeus, dos que el forma parte:
«... ese monstro imaxinario, fantasmal, cuxa sombra se desprazaba sobre as paredes, co seu nariz ganchudo».

O bo compositor e esquecíbel cantante francés, e xudeu, Serge Gainsbourg, que para Brigitte Bardot creou o éxito mundial Je t’aime, moi non plus, tivo que se agochar, na Francia ocupada polos nazis durante a Segunda guerra mundial, porque a súa fraqueza e o seu nariz lle daban fasquía de xudeu.

Outro escritor desa etnia, Philip Roth, escribe en O mal de Portnoy

«Podo mentir co nome, co colexio, por suposto, mais como vou mentir co puto nariz?  (…) Levas a palabra X-U-D-E-U escrita na cara… Olla o cacho nariz que ten, polo amor de Deus!» 

«Por que pensas ti que pasan o día rindo entre elas? Por ti! O xudeíño fraco, o narigón que as persegue polo xeo».

«... ese cabaleiro resulta ser un xudeu sisudo, calvo incipiente, de nariz ganchudo…» 

Melissa Rauch e Mayim Bialik

Vexamos, finalmente, a serie de televisión The Big Bang Theory, creada e coescrita polo produtor xudeu Chuck Lorre, serie na que os dous personaxes principais levan os nomes de Leonard e Sheldon en homenaxe a Sheldon Leonard, outro lendario produtor xudeu de televisión e actor nos seus anos mozos. Aparece, por exemplo, ao lado de Humphrey Bogart e Lauren Bacall facendo de policía en To Have and Have Not, un relato de Hemingway, con William Faulkner entre os guionistas, que conta unha historia bastante entretida típica dos anos 40 sobre o paso clandestino de membros da resistencia.  

Simon Helberg  
Dos sete personaxes principais de The Big Bang Theory, tres están interpretados por actores xudeus: Melissa Rauch (Bernardette), Simon Helberg (Howard Wolowitz) e Mayim Bialik (Amy Farrah Fowler), excelente actriz esta que leva moi ben o paso dos anos, pois, algún quilo máis á parte, está case igual que cando en 1994 facía de filla de Woody Allen en Don’t Drink the Water.

Deses sete personaxes, só un deles é xudeu na ficción da serie, Howard Wolowitz, papel para o que Chuck Lorre escolleu a Simon Helberg, o actor que mellor encarna fisicamente a imaxe tópica do xudeu e que xa fixera de rabino no filme dos irmáns Coen A Serious Man.

Por certo, Mayim Bialik estreou hai pouco o seu primeiro filme como realizadora, As They Made Us, no que Simon Helberg aparece de protagonista ao lado doutros dous actores xudeus: Dianna Agron e o veterano e formidábel Dustin Hoffman.

ASASINOS TRABALLADORES

 

Reconforta ver que aínda quedan asasinos laboriosos aos que o volume de traballo non lles importa.

TARDOFRANQUISTAS

Quen lle había dicir a Franco que as súas falacias históricas:

«Os nosos tradicionais amigos árabes»

«A conxura xudía»

atoparían unha aceptación tan entusiasta entre a mocidade do futuro e se converterían nun credo case que orgásmico para moitos xornalistas.