Besteiro subiu a un barco e prometeu modernizar o sector pesqueiro.
Subiu logo a un tractor e prometeu modernizar o sector agrícola e gandeiro e combater polo benestar animal. Cando eu sexa presidente, dixo, as vacas galegas terán jacuzzi na corte, ar acondicionado e subscrición de balde a Netflix.
Subiu logo a un camión e prometeu modernizar o sector do transporte galego e loitar contra o cambio climático. Cando eu sexa presidente, dixo, todas as estradas de Galicia serán construídas costa abaixo co fin de aforrar combustíbel e dese xeito minorar a polución.
Subiu logo á carretilla dunha fábrica e prometeu modernizar o sector industrial e mellorar as condicións laborais dos traballadores. Cando eu sexa presidente, dixo, os empregados galegos traballarán só cinco horas, un día á semana y en semanas alternas.
Logo subiu a unha ambulancia e prometeu modernizar o sector da sanidade pública aumentando o número de médicos e acabando coas listas de espera. Cando eu sexa presidente, dixo, cada galego terá un médico exclusivamente para el, e a todos os nenos e nenas de Galicia, ao faceren os quince anos, se lles implantará un marcapasos e próteses nas cadeiras co fin de realizar unha medicina preventiva e evitar no futuro as listas de espera.
Centrouse logo nos problemas do medio ambiente. Cando eu sexa presidente, dixo, só poderán circular por Galicia os avións a pedal e os transatlánticos a vela. Ademais, vou peanolizar o océano Atlántico entre Vigo, Cangas e as Cíes para que os galegos poidan gozar da natureza paseando tranquilamente sobre as augas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario