O NARIZ XUDEU

Envíanme, cun pouco de atraso, o artigo dun blog no que Xesús González Gómez escribe sobre o antisemitismo nos escritores galegos. Nel reproduce estas palabras da miña novela Martín Coutinho en busca do sol: «narices xudeus e ollos debecidos de usureiros» (nos dicionarios dos oitenta aínda se escribía con b). 

Deixando a unha banda a discutíbel inclusión da frase nun artigo sobre o antisemitismo nos escritores galegos, cando na miña novela esas palabras corresponden a un tópico descritivo dun grupo de xente sen nexo ningún con tal pobo, vaiamos con ese célebre nariz, un lugar común que, ao igual que todos os lugares comúns, non xurdiu do nada como se pode ver nestes exemplos escollidos ao chou nalgúns autores xudeus.

Serge Gainsbourg
O premio Nobel Patrick Modiano escribe na súa obra Dora Bruder referíndose aos xudeus, dos que el forma parte:
«... ese monstro imaxinario, fantasmal, cuxa sombra se desprazaba sobre as paredes, co seu nariz ganchudo».

O bo compositor e esquecíbel cantante francés, e xudeu, Serge Gainsbourg, que para Brigitte Bardot creou o éxito mundial Je t’aime, moi non plus, tivo que se agochar, na Francia ocupada polos nazis durante a Segunda guerra mundial, porque a súa fraqueza e o seu nariz lle daban fasquía de xudeu.

Outro escritor desa etnia, Philip Roth, escribe en O mal de Portnoy

«Podo mentir co nome, co colexio, por suposto, mais como vou mentir co puto nariz?  (…) Levas a palabra X-U-D-E-U escrita na cara… Olla o cacho nariz que ten, polo amor de Deus!» 

«Por que pensas ti que pasan o día rindo entre elas? Por ti! O xudeíño fraco, o narigón que as persegue polo xeo».

«... ese cabaleiro resulta ser un xudeu sisudo, calvo incipiente, de nariz ganchudo…» 

Melissa Rauch e Mayim Bialik

Vexamos, finalmente, a serie de televisión The Big Bang Theory, creada e coescrita polo produtor xudeu Chuck Lorre, serie na que os dous personaxes principais levan os nomes de Leonard e Sheldon en homenaxe a Sheldon Leonard, outro lendario produtor xudeu de televisión e actor nos seus anos mozos. Aparece, por exemplo, ao lado de Humphrey Bogart e Lauren Bacall facendo de policía en To Have and Have Not, un relato de Hemingway, con William Faulkner entre os guionistas, que conta unha historia bastante entretida típica dos anos 40 sobre o paso clandestino de membros da resistencia.  

Simon Helberg  
Dos sete personaxes principais de The Big Bang Theory, tres están interpretados por actores xudeus: Melissa Rauch (Bernardette), Simon Helberg (Howard Wolowitz) e Mayim Bialik (Amy Farrah Fowler), excelente actriz esta que leva moi ben o paso dos anos, pois, algún quilo máis á parte, está case igual que cando en 1994 facía de filla de Woody Allen en Don’t Drink the Water.

Deses sete personaxes, só un deles é xudeu na ficción da serie, Howard Wolowitz, papel para o que Chuck Lorre escolleu a Simon Helberg, o actor que mellor encarna fisicamente a imaxe tópica do xudeu e que xa fixera de rabino no filme dos irmáns Coen A Serious Man.

Por certo, Mayim Bialik estreou hai pouco o seu primeiro filme como realizadora, As They Made Us, no que Simon Helberg aparece de protagonista ao lado doutros dous actores xudeus: Dianna Agron e o veterano e formidábel Dustin Hoffman.

ASASINOS TRABALLADORES

 

Reconforta ver que aínda quedan asasinos laboriosos aos que o volume de traballo non lles importa.

TARDOFRANQUISTAS

Quen lle había dicir a Franco que as súas falacias históricas:

«Os nosos tradicionais amigos árabes»

«A conxura xudía»

atoparían unha aceptación tan entusiasta entre a mocidade do futuro e se converterían nun credo case que orgásmico para moitos xornalistas.