A intelixencia de Deus é inconcusa.
Unha mostra podémola atopar no libro do Bereshith, tamén chamado o libro da Xénese, cando se nos conta a historia dos irmáns Caín e Abel.
O Caín dedicábase á agricultura, traballo duro que obriga a vivir coa vista fixa na terra. O Abel era pastor, nobre oficio que vive ollando o ceo e ao que a humanidade lle debe tres achegas sublimes: a frauta, o churrasco e a zoofilia.
Autor: John Reilly |
Desexoso de mostrar a Deus o seu agradecemento, o Caín ofreceulle algúns produtos da horta: espinacas, leitugas e mazás.
Deus ollou aquilo e preguntoulle:
—Que se supón que debo facer con isto?
—Podes facer un pastel de espinacas, unha ensaladiña de leituga e de sobremesa unha torta de mazás. Todo riquísimo.
Deus –daquela chamado aínda Elohim– salaiou e respondeu:
—Todo iso falo para ti e logo cómelo.
Despois chegou o Abel. Para amosarlle a Deus a súa gratitude, ofreceulle un cordeiro do seu rabaño.
A Elohim acendéronselle os ollos, sorriu e dixo:
—Home, isto xa é outra cousa! Unhas costeletas de año á brasa...
Non esquezamos esta lección de Deus sobre o correcto camiño para a nutrición.
E non esquezamos tampouco que o Caín matou o Abel. É dicir, non esquezamos que o primeiro asasino da historia foi un vexetariano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario