LEONOR SOTO REGUERA

Nada en Ortigueira o 21 de xaneiro de 1878, filla de boa familia (avogados, notarios, procuradores...), foi o que se chama «unha muller de temperamento».
Temperamento que comezou a amosar cando se namorou dun avogado andaluz, Carlos Luis de Funes de Galarza, sete anos máis vello ca ela, eventualmente reconvertido en comerciante de xoias (lato sensu).
 Os pais de Leonor Soto pecháronlle a cancela aos amores e a un posíbel casorio, pois se ben o andaluz viña de boa casta e era home de estudos e licenciaturas, o nomadismo e as actividades comerciais –algo fuleras–  ás que se dedicaba non lles enchían o ollo. 

O tempo, como nel é costume, acabou dando a razón aos pais.
 

Así as cousas, a Leonor díxolles aos seus proxenitores –estamos a falar dunha moza do ano 1904–, que o quixesen ou non, ela marchaba co andaluz (un dos seus netos escribiría un século máis tarde que, coñecendo a afouteza da súa avoa, podíase crer tranquilamente que era capaz de descolgarse pola xanela para fuxir co namorado).

Os pais de Leonor Soto, ante o inevitábel dos feitos, aviñéronse á voda e déronlle unha boa dote, ademais dunha renda mensual para que se estabelece co seu mozo... lonxe. En concreto, nunha especie de palacete, con criados incluídos, sito en Neuilly-Sur-Seine, localidade que París enguliu.
 

O pai, o avogado Teolindo Soto, esperaba que o seu xenro, xurista el tamén, sentase a cabeza e exercese como tal en París. Este transixiu –aínda que a cabeza seica a sentaba máis tempo nos bares e nas casas de xogo que nos xulgados– até que un día decidiu pendurar a toga, que moi gasta non a tiña, e tornar ao negocio das xemas.
Por aquel  tempo, a Leonor xa parira os dous primeiros fillos, María Teolinda Leonor Margarita e Teolindo Carlos.


CANDO OS VENTOS MUDAN
A historia foi furrulando até o día en que ao Carlos Luis lle desapareceron as alfaias, cedidas en depósito por un xoieiro para que as vendese –disque un cliente arramplou con elas sen pagarllas, mais vai saber ti–. O xoieiro (comprensibelmente, pois somos humanos)  non estaba disposto a perder o diñeiro, así que o bo do Carlos Luis, para saldar a débeda, botou man ao agacho da dote da Leonor e deixouna sen un can.
Cando ela o soubo, a piques andou de esganalo (o amor pasional ten eses ataques e as mulleres con temperamento, tamén).


Forzada pola conxuntura, Leonor Soto recorreu ao seu pai. A este deulle un infarto e morreu. Con el esvaéronse a posibilidade de valemento e a paga mensual que viñan recibindo desde que casara.
 A nova situación obrigouna a despedir o cocheiro (da calesa), a criada e a cociñeira e a mudarse do palacete a un apartamento en Courbevoie.


UNHA GUERRA PODERÍA NON VIR MAL
Os rumores de guerra intensificábanse naqueles días.
O Carlos Luis –o home era emprendedor– decidiu dedicarse á cría de coellos (de polos, segundo outras fontes), pois deduciu que coa guerra había vir de ganchete a fame e que a demanda de comida sería forte, polo tanto alí había negocio. A Leonor, preñe de oito meses, vendía mentres artigos de pel.

O trinta e un de xullo de 1914 nacíalle o terceiro e último fillo, Louis Germain David. Dous días despois a Alemaña declaráballe a guerra a Rusia e ao día seguinte a Francia, porén... os alemáns non asediaron París, a fame negra non deu vido e o negocio dos coellos foise ao carallo empobrecéndoos aínda máis.


Malia os infortunios e a penuria, Leonor  Soto educou os fillos como ela fora educada: aprendeunos a se comportaren conforme as regras da boa sociedade e até lles proporcionou clases de piano.

Ela seguía a vender artigos de pel mentres que o seu home, seica moi popular en todos os bares do distrito, decidiu, despois do revés cos coellos, volver á angueira das xoias, esta vez presentándose –a cousa varía segundo a fonte– como vendedor de esmeraldas ou negociante de perlas finas.
A auténtica perla fina, tal como os pais da Leonor osmaran, resultou ser el, pois por aquel entón a familia mantíñase das vendas que ela facía.



UN SUICIDIO DE SAINETE
Certo día de 1926, as alpargatas e a carta de identidade –ou unha carta de despedida, de crer outras versións– do Carlos Luis apareceron á beira dun canal no que tiña trazas de ser un suicidio, aínda que, como dixo o outro: querer matarse e pór tanto tento en non mollar as alpargatas, ben non cheira. E ben non cheiraba. O corpo non apareceu. Leonor Soto sabería meses despois que o seu home se fora a Cuba e de alí a Venezuela.

De carácter resoluto e cunha vontade de ferro, mercou unha pasaxe de barco na clase máis económica, pois cartos onde eles estaban!, e nunha viaxe de quince días para a ida e outros tantos para tornar, foise a América en busca do seu home ela soa, algo sorprendente naqueles anos, o que movería a outro dos seus netos, ao falar desta viaxe, a escribir que a súa avoa fora realmente unha muller admirábel. 

Atopouno e tróuxoo para Francia. O andaluz viña podre de saúde, tuberculoso seica, e morrería en 1934.

As desgrazas habían continuar. O trinta –o vinte segundo outras fontes– de maio de 1940, Carlos, o seu fillo grande, caía morto nos combates das Ardenas; un duro golpe para Leonor Soto Reguera e os seus.

                                                                                           –segue–


FOTOS E TAL
1) Leonor Soto Reguera de moza.
2) A foto da Leonor Soto madura, está tomada do libro de Patrick et Olivier de Funès: Ne parlez pas trop de moi, les enfants ! (éditions Le Cherche Midi)
3) A reprodución do certificado consular está collida do libro de Jean-Marc Loubier: Louis de Funès, petites et grandes vadrouilles (éditions Robert Laffont).

Ningún comentario: