O fillo de Leonor Soto, considerado hoxe o mellor actor cómico francés da segunda metade do século 20, segue a ser un punto de referencia para os humoristas de escenario e doutros eidos.
Son moitos os actores que teñen recoñecido a súa admiración por el, desde Jerry Lewis ou Christian Clavier a Gérard Depardieu, pasando por Antoine Duléry, quen confesaba nunha entrevista que cando se sente baixo de ánimo ve La grande vadrouille, porque a atopa divertida de cabo a rabo e a de Funès xenial. Ou Mylène Demongeot, que tamén nunha entrevista dicía: «A Louis de Funès temos que estarlle agradecidos a diario. Grazas a el non fomos esquecidos [refírese a que, dada a frecuente programación dos filmes de LDF na televisión, todos os actores que interviñeron neles continúan “vivos” na memoria da xente]. El atravesa o tempo. É case máis popular ca Charlie Chaplin. Era un xenio. Nos tres filmes que eu fixen con el, sempre me sorprendía, me marabillaba, me engaiolaba».
A HOMENAXE DE CHARLIE HEBDO
Con motivo do centenario do nacemento do actor, no 2014, ano fecundo en libros, artigos e documentais sobre Louis de Funès, o semanario de humor satírico Charlie Hebdo dedicáballe un número especial.
Unha homenaxe que comeza na capa con ese DE FUNÈS UN XENIO FRANCÉS, e que se compendia neste debuxo –unha caricatura do ultraxesticulador Sarkozy–, onde se pode ler: sempre imitado, xamais igualado, esixide o auténtico De Funès.
Algúns dos autores dese número especial de Charlie Hebdo morrerían asasinados apenas seis meses máis tarde nun atentado estúpido que fixo este semanario traxicamente famoso en todo o mundo. Honra e gloria tamén para eles.
UN ESPECIAL DE LE POINT
En 2018, lembrando o trixésimo quinto aniversario da súa morte, sería o hebdomadario Le Point o que lle dedicaría integramente un número extra baixo o título Louis de Funès, os secretos dun xenio.
Un repaso da súa vida e obra con testemuños de persoas que o coñeceron ou traballaron con el, opinións de xente do cinema, anécdotas das filmaxes e a reprodución dunha entrevista que en 1973 lle fixeran neste magazine.
–segue–
FOTOS E TAL
1) Capa do número especial de Charlie Hebdo dedicado a Louis de Funès no centenario do seu nacemento.
2) Un debuxo de Riss –actual director de Charlie Hebdo– nese número especial.
3) Capa do número extra que Le Point lle consagrou ao actor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario