UNHA VOLTA POLA CASA

Louis de Funès herdou o carácter da súa mai, serio e traballador, así como os seus valores, opostos aos do pai, por quen nunca sentiu afecto. Ao contrario que este, el foi unha persoa entregue á familia –a súa muller acompañábao mesmo nalgunhas rodaxes–. Era relixioso (de misa dominical) e fiel. E non só fiel á súa muller real senón tamén á de ficción, pois en varios filmes elixiu a mesma actriz, Claude Gensac, para interpretar o papel de muller súa en distintas personaxes. Chegue con dicir, en confirmación do anterior, que en toda a súa carreira houbo un papel que sempre rexeitou encarnar: o de adúltero.
En varias ocasións admitiu que, ademais dunha parte da súa personalidade, o seu talento cómico tamén llo debía á súa mai, Leonor Soto Reguera, quen tiña un carácter dado ao esaxero expresivo e xestual que el parodiaba desde neno, unhas veces para se divertiren xuntos e outras para enrabechala.
Cando, sendo rapaz, volvían os dous de comprar no mercado, entretíñanse logo na casa imitando os vendedores que visitaran e botaban unhas risas.
 

Nunha entrevista televisiva feita anos despois da morte de LDF, Michel Galabru contou que este lle dixera que para compor e interpretar a personaxe de L'avare (de Molière) se inspirara enteiramente na súa mai, Leonor.



TRABALLANDO EN ESPAÑA
Louis de Funès veu dúas veces a España por motivos profesionais. A primeira en 1958, cando internacionalmente era un descoñecido, para rodar durante tres semanas Taxi, roulotte et corrida, filme que poderiamos definir –tamén amabelmente, hoxe o día está así– como unha obra típica de época.

Trátase dun argumento de fío único:
Unha rapaza francesa tenta introducir en España un diamante roubado. Ao chegar á alfándega métello disimuladamente no peto lateral da chaqueta ao 
home que ten diante (de Funès). Cando sae, despois de facer os trámites, atópase con que este gardou a chaqueta na caravana na que viaxa xunto coa súa familia. A partir de aí, os ladróns seguirán o vehículo para recuperaren a xoia.

O taxi e a roulotte aos que fai alusión o título aparecen no filme, pola contra non hai corrida ningunha, aínda que si unha escena cun touro.
A interpretación de Louis de Funès lembra moito a que fixera o ano anterior en Ni vu ni connu, unha adaptación moi moi moi empobrecida do divertido relato L’affaire Blaireau, de Alphonse Allais, excelente humorista ao que volvo ás veces.
 




YVES MONTAND, O CAMARADA COMUNISTA
En 1971 fixo a segunda visita para filmar La folie des grandeurs, adaptación do Ruy Blas de Victor Hugo. Este era o terceiro filme que tiña que ter feito con Bourvil como partenaire, mais a morte deste, aos 54 anos, impediuno.
Pensaron en Yves Montand como substituto, aínda que sen moita fe, pois Montand acostumaba a traballar no que daquela se chamaba “cinema comprometido”,  e tamén porque había que rodar na España de Franco e Montand era comunista. Mesmo gravara unha canción dedicada aos exiliados españois, Le flamenco de Paris, na que, curiosamente, a única palabra española é en realidade italiana: pazienza.
 

O termo comunista equivale aquí ao que hoxe se chamaría “la gauche bobo” (a esquerda bohemio-burguesa). Unha anécdota un chisco maligna pero clarificadora para alumar o caso: 

Durante a rodaxe do filme As bruxas de Salem, actores e técnicos facían mesa común á hora de xantar e papaban xuntos, agás a parella de actores principais, os camaradas comunistas Yves Montand e a súa dona Simone Signoret, que se facían servir a comida na súa caravana e non se mesturaban coa plebe, segundo conta Mylène Demongeot no seu libro Mes monstres sacrés. Ben, non se mesturaban relativamente, pois, sempre segundo a Demongeot, o camarada Montand, ás agachadas da súa irascíbel dona, pasou pola pedra a varias das “bruxas” mozas do elenco.
Malia os temores, Montand aceptou á primeira encantado de traballar co actor cómico.


LEMBRANZAS GALEGAS
Estas dúas filmaxes realizáronse en Madrid e o sul de España, e Louis de Funès nunca chegou a visitar Galicia –a súa mai está enterrada en Madrid, no xacigo familiar dos Soto.
Porén, cando comezou a triunfar e a gañar algúns cartos –que foi no teatro con Oscar (1959) e non no cine– mercou unha casa na costa normanda para pasar o tempo libre coa familia. A esa casa púxolle, en recordación da súa mai, o nome de Santa Maria de Ortiguera, o cal, segundo conta o seu fillo Olivier, volvía un pouco tolos os de correos, pois o enderezo completo era:
Louis de Funès de Galarza
Santa Maria de Ortiguera
Rue Ocquart-de-Turot
Deauville.
 

                                                                                        –segue–

FOTOS E TAL
1) A carón de Michel Galabru en Le gendarme et les gendarmettes, rodado pouco antes da súa morte.
2) Escena da alfándega en Taxi, roulotte et corrida, o primeiro dos filmes que Louis de Funès fixo en España.
3) Fotograma de Nu vu ni connu, baseado nunha obra de Alphonse Allais da que non se mantivo o título orixinal, L’affaire Blaireau, para eludir o emparellamento co célebre affaire Dreyfus, de interminábel resonancia.
4) Con Yves Montand en La folie des grandeurs.
5) LDF participou en 1958 nun filme italo-franco-español que en Francia se chamou Totò à Madrid, interpretado por ese singular cómico un tanto Keatoniano que foi Totò. A acción decorre en Madrid, onde un estafador intenta convencer a unha millonaria de que Goya, ademais da Maja desnuda e a Maja vestida, pintou tamén a Maja en bata, cadro que trata de lle vender. Louis de Funès fai o papel de perito en pintura do Museo do Prado. Porén, aínda que a acción decorre en Madrid e aínda que certas rúas e monumentos desa cidade aparecen nalgunhas escenas e durante o xenérico de entrada, e mesmo se un letreiro ao final deste di (na versión francesa): "por se alguén no se deu de conta, estamos en España", o filme rodouse en Roma.

Ningún comentario: