CANDO O FURACÁN ESTOUPA

Os papeis medraban en longura, tanto no teatro como no cine, para o fillo de Leonor Soto Reguera. E así, aos poucos, foi desenvolvendo a personaxe que o había facer célebre:  un bulebule rosmón de mímica profusa, egocéntrico, lambecús cos xefes, farruco e aldraxante cos inferiores e con trazas de estar sempre anoxado (isto último foi definido por alguén como “algo moi francés”). Unha personaxe que aínda sendo a priori negativa e desagradábel, o público encontraba feiticeira.
 

Comezaban a chegarlle os primeiros papeis de protagonista, aínda que en filmes de baixo presuposto –é un xeito cortés de dicilo–. O gran triunfo resistíuselle até que chegou o trienio prodixioso que principiou en 1964.

Ese ano interveu como segundo actor en Fantômas e Le Corniaud, dous grandes éxitos comerciais, e, mormente, esta vez de protagonista, nun filme cuns diálogos asinados por un vello coñecido: Jacques Vilfrid. Louis de Funès fixera o papel de servente na súa peza teatral Sans cérémonie (1952). En 1962 participara no filme dialogado por el Nous irons à Deauville, unha historia bastante aburrida malia o elenco o incombustíbel Claude Brasseur, Michel Serrault (que actorazo!) e ademais Michel Galabru, Jean Carmet e o estadounidense Eddie Constantine, da que hoxe se poderían salvar un par de escenas. En 1963 protagonizara Pouic-Pouic (a versión cinematográfica de Sans cérémonie), unha obra que nalgúns puntos argumentais lembra vagamente a Oscar, e que como esta se conserva bastante ben, sobre todo na divertida parte final, malia ser previsíbel.
  O novo guión de Vilfrid era para un filme humorístico de presuposto medio sen grandes aspiracións. Porén, para aglaio de actores e pracer de produtores, ese filme converteuse nun bombazo internacional: Le gendarme de Saint-Tropez. Louis de Funès foi así empolicado ao andel dos actores cómicos máis populares do século 20.
 

Con todo, o maior dos éxitos chegaríalle en 1966 cando Gérard Oury, despois dos bos resultados de Le corniaud, o emparellou por segunda vez con Bourvil –por segunda vez como protagonistas, pois en papeis menores cadraran anteriormente noutros filmes: Les hussards, La traversée de Paris (cunha escena antolóxica dos dous xunto a Jean Gabin) Poisson d’avril, etc.
O novo filme era La grande vadrouille, que, ademais de consagralo definitivamente, se convertería no que se chama un filme de culto e no filme francés máis rendíbel de todos os tempos, récord que mantivo durante máis de corenta anos –en 2008 foi avantaxado por ese pequeno rei Midas que é Dani Boon co simpático Bienvenue chez les Ch’tis–, e que aínda hoxe, cando o pasan na televisión, ten moi boas audiencias.


ENTRADAS POR MILLÓNS
Estes catro filmes de 1964 e 1966, Fantômas, Le corniaud, Le gendarme de Saint-Tropez e La grande vadrouille, venderon máis de trinta millóns de entradas (deles, dezasete millóns e pico La grande vadrouille).

Tiña tal popularidade Louis de Funès naqueles anos, que unha de cada dez entradas de cine que se vendían en Francia era para ver un filme seu. E algo inimaxinábel hoxe en día: a xente madrugaba para facer fila nos cines co fin de conseguir unha entrada.

   A serie de Fantômas é inmellorábel para medir a medra da fama de Louis de Funès. Polo primeiro dos filmes, Fantômas (1964), cobrou menos da metade que o protagonista, Jean Marais. No terceiro, Fantômas contre Scotland Yard (1966), o papel de Jean Marais acurtárase considerabelmente e o guión estaba ao servizo de De Funès. El era quen atraía máis espectadores e, en consecuencia, os seus emolumentos eran os máis altos.
Preparábase un cuarto filme para ser rodado en 1968, Fantômas en Russie –ou, segundo Mylène Demongeot, Fantômas à Moscou–. Nunca se chegaría a facer porque Jean Marais, coa súa prestixiosa traxectoria profesional, non estaba disposto a actuar de comparsa de Louis de Funès. E tamén porque os tres protagonistas, Louis de Funès, Jean Marais e Mylène Demongeot, pediron unhas retribucións que os produtores non xulgaron amortizábeis.

                                                                                     -segue-



FOTOS E TAL
1) Louis de Funès en Ah ! les belles bacchantes, unha obra de Robert Dhéry, quen se convertería en amigo da familia. Oito anos despois chamaríao para intervir na súa peza teatral La grosse Valse e daríalle un dobre papel no seu filme La Belle Américaine.
2) Escena mítica de La grande vadrouille, ao lado (máis ben por riba) dese entrañábel actor e cantante que foi Bourvil, de quen estes meses se conmemora, na súa Normandía natal, o centenario do nacemento.
3) O terceto protagonista dos filmes de Fantômas –Jean Marais, Mylène Demongeot e Louis de Funès– en Fantômas se déchaîne, acompañados por Olivier de Funès, o fillo do actor, que tamén actuaba.
4) Nalgunhas filmografías, Bourvil e Louis de Funès tamén aparecen xuntos en Un clair de lune à Maubeuge. Este é un deses filmes comerciais que se fan aproveitando o éxito previo dunha canción para construír unha historia co mesmo título e interpretada polo cantante que popularizou o tema. Xoga tamén un pouco a denunciar a manipulación do artista por parte dos produtores, mais o seu interese é mínimo, sacado por ver a unha noviña Sylvie Vartan dándolle ao twist ou a Bernardette Laffont, que axiña se había converter nunha das musas da "nouvelle vague". Bourvil sae durante uns segundos, case ao final, facendo de si mesmo na súa faceta de cantante –interpreta o tema do filme, Un clair de lune à Maubeuge, un tango que deseguida se pega á orella e do que posteriormente outros cantantes farían a súa versión–. Pola contra, Louis de Funès non aparece nin no xenérico nin no filme. A escena na que seica participou foi suprimida na montaxe.
5) No ano 2016, os cines franceses venderon máis de douscentos quince millóns de entradas.

Ningún comentario: