GIGI L'AMOROSO

                       (Banda sonora a escoitar co artigo: youtube.com › watch?v=L891xRMCV_Q)

Encántanme esas manifestacións madrilenses de loa ao líder, promovidas dun xeito espontáneo polas clases máis humildes (económica e mentalmente), que son ás que lles cómpre un líder, pois as clases potentadas (económica e intelectualmente) cos líderes limpan o cu.

Chegados á capital do reino, nos autobuses espontaneamente alugados cincuenta horas antes, pois as cousas espontáneas convén preparalas con tempo, xúntanse en Ferraz, na praza de Oriente ou noutro punto, segundo raza e pelaxe, xa que os borregos de cada rabaño teñen as súas manías á hora de elixiren o prado no que pacer.

A última destas manifestacións espontáneas foi o sábado 27 de abril. O propósito era expresarlle o seu arrimo, antes chamado adhesión inquebrantábel, ao líder máximo, o gran Gigi o amoroso, cantándolle a súa canción: 

Gigi o amoroso, conquistador,

ollar de veludo como unha caricia.

Gigi o amoroso, sempre vencedor,

ás veces sen corazón

mais non sen dozura.

Escóitaos, Gigi. É o teu pobo. Viñeron (espontaneamente) para te aclamaren. Para pedírenche que non te vaias, que non os deixes orfos.

Míraos, Gigi, están todos aí por ti, os guiñois mecánicos e as Maríamagdalenas en bágoas. E tamén os cinco autocares do Inserso que por un erro rematan sempre neste tipo de concentracións.

Encántanme estas manifestacións espontáneas de loa ao líder. O que non comprendo é porque aínda non as declararon festexo de interese nacional.

 

 ___________

1 – Nota respectuosa para o estimado Xosé M. Eyré: Borrego e guiñol  son lusismos, non castelanismos.

2 – Nota retrospectiva: na versión española desta canción do 1974, a viúva do coronel, que aparece na letra orixinal entre as mulleres admiradoras do Gigi, foi trocada por a viúva do concelleiro.

Ningún comentario: