«Napoleón, que era Robespierre montado a caballo...», escribiu Raúl del Pozo o outro día, e supoño que quedou tan satisfeito desa gaitada.
Napoleón e Robespierre, á parte de seren franceses os dous, non tiñan case nada en común nin no carácter, nin na moral nin na ideoloxía.
Robespierre era rancoroso, inseguro e covarde. Nos acontecementos transcendentes para a Revolución (o asalto ao palacio real, por exemplo) agochábase durante uns días para reaparecer cando o perigo e a incerteza pasaran e apropiarse do acontecido como se el estivese en primeira liña. Napoleón era un home seguro de si mesmo, ousado e resolutivo.
Moralmente, Robespierre era un rigorista puritano e inflexíbel que se propuña crear a república da virtude. Napoleón, pola contra, era un militar ambicioso e con poucos miramentos que pretendía construír un imperio. A disparidade dos obxectivos ilustra ben a diferenza de caracteres.
Ideoloxicamente, Robespierre era antimonárquico e un republicano extremista, mentres que Napoleón era un conservador pragmático e absolutista que se ben defendía a república, creou o imperio –realmente unha monarquía con seus títulos de nobreza– e casou cunha arquiduquesa.
De teren cadrado no tempo as súas puxanzas –na
época de Robespierre, Napoleón era un simple tenente, aínda que contribuíu á desfeita dos xacobinos–, o primeiro tentaría arredar ou guillotinar o segundo, como fixo con outros xenerais dos anos iniciais da Revolución cando estes comezaron a ter ambicións ou amizades perigosas para a República, e o segundo serviríase de Robespierre mentres lle fose de proveito e logo afastaríao do poder e prescindiría del.
De calquera xeito, tanto o un coma o outro considerarían unha aldraxe persoal a comparación, obviamente por motivos moi diferentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario