LEONOR SOTO REGUERA
Temperamento que comezou a amosar cando se namorou dun avogado andaluz, Carlos Luis de Funes de Galarza, sete anos máis vello ca ela, eventualmente reconvertido en comerciante de xoias (lato sensu).
Os pais de Leonor Soto pecháronlle a cancela aos amores e a un posíbel casorio, pois se ben o andaluz viña de boa casta e era home de estudos e licenciaturas, o nomadismo e as actividades comerciais –algo fuleras– ás que se dedicaba non lles enchían o ollo.
O tempo, como nel é costume, acabou dando a razón aos pais.
Así as cousas, a Leonor díxolles aos seus proxenitores –estamos a falar dunha moza do ano 1904–, que o quixesen ou non, ela marchaba co andaluz (un dos seus netos escribiría un século máis tarde que, coñecendo a afouteza da súa avoa, podíase crer tranquilamente que era capaz de descolgarse pola xanela para fuxir co namorado).
Os pais de Leonor Soto, ante o inevitábel dos feitos, aviñéronse á voda e déronlle unha boa dote, ademais dunha renda mensual para que se estabelece co seu mozo... lonxe. En concreto, nunha especie de palacete, con criados incluídos, sito en Neuilly-Sur-Seine, localidade que París enguliu.
O pai, o avogado Teolindo Soto, esperaba que o seu xenro, xurista el tamén, sentase a cabeza e exercese como tal en París. Este transixiu –aínda que a cabeza seica a sentaba máis tempo nos bares e nas casas de xogo que nos xulgados– até que un día decidiu pendurar a toga, que moi gasta non a tiña, e tornar ao negocio das xemas.
Por aquel tempo, a Leonor xa parira os dous primeiros fillos, María Teolinda Leonor Margarita e Teolindo Carlos.
CANDO OS VENTOS MUDAN
A historia foi furrulando até o día en que ao Carlos Luis lle desapareceron as alfaias, cedidas en depósito por un xoieiro para que as vendese –disque un cliente arramplou con elas sen pagarllas, mais vai saber ti–. O xoieiro (comprensibelmente, pois somos humanos) non estaba disposto a perder o diñeiro, así que o bo do Carlos Luis, para saldar a débeda, botou man ao agacho da dote da Leonor e deixouna sen un can.
Cando ela o soubo, a piques andou de esganalo (o amor pasional ten eses ataques e as mulleres con temperamento, tamén).
Forzada pola conxuntura, Leonor Soto recorreu ao seu pai. A este deulle un infarto e morreu. Con el esvaéronse a posibilidade de valemento e a paga mensual que viñan recibindo desde que casara.
A nova situación obrigouna a despedir o cocheiro (da calesa), a criada e a cociñeira e a mudarse do palacete a un apartamento en Courbevoie.
UNHA GUERRA PODERÍA NON VIR MAL
Os rumores de guerra intensificábanse naqueles días.
O Carlos Luis –o home era emprendedor– decidiu dedicarse á cría de coellos (de polos, segundo outras fontes), pois deduciu que coa guerra había vir de ganchete a fame e que a demanda de comida sería forte, polo tanto alí había negocio. A Leonor, preñe de oito meses, vendía mentres artigos de pel.
O trinta e un de xullo de 1914 nacíalle o terceiro e último fillo, Louis Germain David. Dous días despois a Alemaña declaráballe a guerra a Rusia e ao día seguinte a Francia, porén... os alemáns non asediaron París, a fame negra non deu vido e o negocio dos coellos foise ao carallo empobrecéndoos aínda máis.
Malia os infortunios e a penuria, Leonor Soto educou os fillos como ela fora educada: aprendeunos a se comportaren conforme as regras da boa sociedade e até lles proporcionou clases de piano.
Ela seguía a vender artigos de pel mentres que o seu home, seica moi popular en todos os bares do distrito, decidiu, despois do revés cos coellos, volver á angueira das xoias, esta vez presentándose –a cousa varía segundo a fonte– como vendedor de esmeraldas ou negociante de perlas finas.
A auténtica perla fina, tal como os pais da Leonor osmaran, resultou ser el, pois por aquel entón a familia mantíñase das vendas que ela facía.
UN SUICIDIO DE SAINETE
Certo día de 1926, as alpargatas e a carta de identidade –ou unha carta de despedida, de crer outras versións– do Carlos Luis apareceron á beira dun canal no que tiña trazas de ser un suicidio, aínda que, como dixo o outro: querer matarse e pór tanto tento en non mollar as alpargatas, ben non cheira. E ben non cheiraba. O corpo non apareceu. Leonor Soto sabería meses despois que o seu home se fora a Cuba e de alí a Venezuela.
De carácter resoluto e cunha vontade de ferro, mercou unha pasaxe de barco na clase máis económica, pois cartos onde eles estaban!, e nunha viaxe de quince días para a ida e outros tantos para tornar, foise a América en busca do seu home ela soa, algo sorprendente naqueles anos, o que movería a outro dos seus netos, ao falar desta viaxe, a escribir que a súa avoa fora realmente unha muller admirábel.
Atopouno e tróuxoo para Francia. O andaluz viña podre de saúde, tuberculoso seica, e morrería en 1934.
As desgrazas habían continuar. O trinta –o vinte segundo outras fontes– de maio de 1940, Carlos, o seu fillo grande, caía morto nos combates das Ardenas; un duro golpe para Leonor Soto Reguera e os seus.
–segue–
FOTOS E TAL
1) Leonor Soto Reguera de moza.
2) A foto da Leonor Soto madura, está tomada do libro de Patrick et Olivier de Funès: Ne parlez pas trop de moi, les enfants ! (éditions Le Cherche Midi)
3) A reprodución do certificado consular está collida do libro de Jean-Marc Loubier: Louis de Funès, petites et grandes vadrouilles (éditions Robert Laffont).
OS PAXAROS DEIXAN O NIÑO
María Teolinda, a filla grande de Leonor Soto, xa encamiñara o seu mañá. Traballaba como modelo e cultivaba as altas amizades.
A Louis Germain, o fillo pequeno, sen carreira nin oficio, as cousas non lle roulaban tan ben.
Achegábase aos trinta anos, divorciado e cun raparigo (quen morreu en xaneiro de 2017), e probara sorte en diferentes empregos, o último como decorador de aparadores. Co estalido da guerra o mundo non estaba para aparadores e choio non había.
Daquela, as clases de piano que a Leonor lle procurara de neno resultaron providenciais, pois un restaurante de Neuilly contratouno algunhas noites para animar a freguesía. Iso decidiuno a probar sorte noutros locais e foi atopando traballo.
O fraco da paga compensábase coa oportunidade de coñecer xente e de facer amigos entre os afeccionados ao jazz e no mundo da farándula.
Un destes, vendo que gañar algúns francos non lle viría mal, propúxolle ofrecerse nos estudios de cinema como figurante. Pagábanlles catro patacos e xeralmente participaban nunha escena, é dicir, unha mañá de choio, aínda que se o fulano de produción era amigo, facíase o louco e apuntáballes dúas para que embolsasen un chisco máis.
A paga mellorou cando pasou de ser un figurante posto alí para facer vulto a un figurante que dicía algunha palabra ou unha pequena frase, como en Les compagnes de la nuit (1953), onde estaba a botar unha partida de cartas no momento do crime e os policías lle preguntan se viu algo.
Herdeiro da forza de vontade da súa mai, pronto chamou a atención nos platós pola súa perseveranza e polo afervoamento co que interpretaba aqueles papeis mínimos que lle ofrecían, proporcionándolles ás personaxes unha xesticulación rica e orixinal.
Sacha Guitry, o corrosivo rei do cinema e do teatro na época, foi unha das persoas que reparou nel e que lle ofreceu pequenos papeis nos seus filmes e nunha peza de teatro.
Desta maneira, comezou a aparecer no xenérico, primeiro só co apelido e despois, ao principio dos anos 50, tamén co nome: Louis de Funès (o acento fora engadido en Francia por razóns de prosodia). -segue-
FOTOS E TAL
1) A filla de Leonor Soto Reguera, María Teolinda Leonor Margarita, contra 1938.
2) Louis de Funès na época de piano e penuria que relembraría a miúdo.
3) LDF nos anos 40.
4) Sacha Guitry era un tipo orixinal. Nos seus filmes igual contaba el a historia de cabo a rabo, sen diálogo ningún (Le roman d’un tricheur), ou nos dez primeiros minutos do filme unha serie de actores célebres, alleos ao argumento, ían soltando esas frases características de Guitry –tipo: o peor que lle podes facer a alguén que che rouba a muller, é deixar que se quede con ela (Faisons un rêve)–, ou dicía el de viva voz o nome dos actores e técnicos que participaban no filme coas súas respectivas funcións, o que Jean-Luc Godard imitaría anos despois en Le mépris.
CANDO O FURACÁN ESTOUPA
Comezaban a chegarlle os primeiros papeis de protagonista, aínda que en filmes de baixo presuposto –é un xeito cortés de dicilo–. O gran triunfo resistíuselle até que chegou o trienio prodixioso que principiou en 1964.
Ese ano interveu como segundo actor en Fantômas e Le Corniaud, dous grandes éxitos comerciais, e, mormente, esta vez de protagonista, nun filme cuns diálogos asinados por un vello coñecido: Jacques Vilfrid. Louis de Funès fixera o papel de servente na súa peza teatral Sans cérémonie (1952). En 1962 participara no filme dialogado por el Nous irons à Deauville, unha historia bastante aburrida malia o elenco –o incombustíbel Claude Brasseur, Michel Serrault (que actorazo!) e ademais Michel Galabru, Jean Carmet e o estadounidense Eddie Constantine–, da que hoxe se poderían salvar un par de escenas. En 1963 protagonizara Pouic-Pouic (a versión cinematográfica de Sans cérémonie), unha obra que nalgúns puntos argumentais lembra vagamente a Oscar, e que como esta se conserva bastante ben, sobre todo na divertida parte final, malia ser previsíbel.
O novo guión de Vilfrid era para un filme humorístico de presuposto medio sen grandes aspiracións. Porén, para aglaio de actores e pracer de produtores, ese filme converteuse nun bombazo internacional: Le gendarme de Saint-Tropez. Louis de Funès foi así empolicado ao andel dos actores cómicos máis populares do século 20.
O novo filme era La grande vadrouille, que, ademais de consagralo definitivamente, se convertería no que se chama un filme de culto e no filme francés máis rendíbel de todos os tempos, récord que mantivo durante máis de corenta anos –en 2008 foi avantaxado por ese pequeno rei Midas que é Dani Boon co simpático Bienvenue chez les Ch’tis–, e que aínda hoxe, cando o pasan na televisión, ten moi boas audiencias.
ENTRADAS POR MILLÓNS
Estes catro filmes de 1964 e 1966, Fantômas, Le corniaud, Le gendarme de Saint-Tropez e La grande vadrouille, venderon máis de trinta millóns de entradas (deles, dezasete millóns e pico La grande vadrouille).
Tiña tal popularidade Louis de Funès naqueles anos, que unha de cada dez entradas de cine que se vendían en Francia era para ver un filme seu. E algo inimaxinábel hoxe en día: a xente madrugaba para facer fila nos cines co fin de conseguir unha entrada.
A serie de Fantômas é inmellorábel para medir a medra da fama de Louis de Funès. Polo primeiro dos filmes, Fantômas (1964), cobrou menos da metade que o protagonista, Jean Marais. No terceiro, Fantômas contre Scotland Yard (1966), o papel de Jean Marais acurtárase considerabelmente e o guión estaba ao servizo de De Funès. El era quen atraía máis espectadores e, en consecuencia, os seus emolumentos eran os máis altos.
Preparábase un cuarto filme para ser rodado en 1968, Fantômas en Russie –ou, segundo Mylène Demongeot, Fantômas à Moscou–. Nunca se chegaría a facer porque Jean Marais, coa súa prestixiosa traxectoria profesional, non estaba disposto a actuar de comparsa de Louis de Funès. E tamén porque os tres protagonistas, Louis de Funès, Jean Marais e Mylène Demongeot, pediron unhas retribucións que os produtores non xulgaron amortizábeis.
-segue-
FOTOS E TAL
1) Louis de Funès en Ah ! les belles bacchantes, unha obra de Robert Dhéry, quen se convertería en amigo da familia. Oito anos despois chamaríao para intervir na súa peza teatral La grosse Valse e daríalle un dobre papel no seu filme La Belle Américaine.
2) Escena mítica de La grande vadrouille, ao lado (máis ben por riba) dese entrañábel actor e cantante que foi Bourvil, de quen estes meses se conmemora, na súa Normandía natal, o centenario do nacemento.
3) O terceto protagonista dos filmes de Fantômas –Jean Marais, Mylène Demongeot e Louis de Funès– en Fantômas se déchaîne, acompañados por Olivier de Funès, o fillo do actor, que tamén actuaba.
4) Nalgunhas filmografías, Bourvil e Louis de Funès tamén aparecen xuntos en Un clair de lune à Maubeuge. Este é un deses filmes comerciais que se fan aproveitando o éxito previo dunha canción para construír unha historia co mesmo título e interpretada polo cantante que popularizou o tema. Xoga tamén un pouco a denunciar a manipulación do artista por parte dos produtores, mais o seu interese é mínimo, sacado por ver a unha noviña Sylvie Vartan dándolle ao twist ou a Bernardette Laffont, que axiña se había converter nunha das musas da "nouvelle vague". Bourvil sae durante uns segundos, case ao final, facendo de si mesmo na súa faceta de cantante –interpreta o tema do filme, Un clair de lune à Maubeuge, un tango que deseguida se pega á orella e do que posteriormente outros cantantes farían a súa versión–. Pola contra, Louis de Funès non aparece nin no xenérico nin no filme. A escena na que seica participou foi suprimida na montaxe.
5) No ano 2016, os cines franceses venderon máis de douscentos quince millóns de entradas.
UNHA VOLTA POLA CASA
En varias ocasións admitiu que, ademais dunha parte da súa personalidade, o seu talento cómico tamén llo debía á súa mai, Leonor Soto Reguera, quen tiña un carácter dado ao esaxero expresivo e xestual que el parodiaba desde neno, unhas veces para se divertiren xuntos e outras para enrabechala.
Cando, sendo rapaz, volvían os dous de comprar no mercado, entretíñanse logo na casa imitando os vendedores que visitaran e botaban unhas risas.
Nunha entrevista televisiva feita anos despois da morte de LDF, Michel Galabru contou que este lle dixera que para compor e interpretar a personaxe de L'avare (de Molière) se inspirara enteiramente na súa mai, Leonor.
TRABALLANDO EN ESPAÑA
Louis de Funès veu dúas veces a España por motivos profesionais. A primeira en 1958, cando internacionalmente era un descoñecido, para rodar durante tres semanas Taxi, roulotte et corrida, filme que poderiamos definir –tamén amabelmente, hoxe o día está así– como unha obra típica de época.
Trátase dun argumento de fío único:
Unha rapaza francesa tenta introducir en España un diamante roubado. Ao chegar á alfándega métello disimuladamente no peto lateral da chaqueta ao
home que ten diante (de Funès). Cando sae, despois de facer os trámites, atópase con que este gardou a chaqueta na caravana na que viaxa xunto coa súa familia. A partir de aí, os ladróns seguirán o vehículo para recuperaren a xoia.
O taxi e a roulotte aos que fai alusión o título aparecen no filme, pola contra non hai corrida ningunha, aínda que si unha escena cun touro.
A interpretación de Louis de Funès lembra moito a que fixera o ano anterior en Ni vu ni connu, unha adaptación moi moi moi empobrecida do divertido relato L’affaire Blaireau, de Alphonse Allais, excelente humorista ao que volvo ás veces.
YVES MONTAND, O CAMARADA COMUNISTA
En 1971 fixo a segunda visita para filmar La folie des grandeurs, adaptación do Ruy Blas de Victor Hugo. Este era o terceiro filme que tiña que ter feito con Bourvil como partenaire, mais a morte deste, aos 54 anos, impediuno.
Pensaron en Yves Montand como substituto, aínda que sen moita fe, pois Montand acostumaba a traballar no que daquela se chamaba “cinema comprometido”, e tamén porque había que rodar na España de Franco e Montand era comunista. Mesmo gravara unha canción dedicada aos exiliados españois, Le flamenco de Paris, na que, curiosamente, a única palabra española é en realidade italiana: pazienza.
O termo comunista equivale aquí ao que hoxe se chamaría “la gauche bobo” (a esquerda bohemio-burguesa). Unha anécdota un chisco maligna pero clarificadora para alumar o caso:
Durante a rodaxe do filme As bruxas de Salem, actores e técnicos facían mesa común á hora de xantar e papaban xuntos, agás a parella de actores principais, os camaradas comunistas Yves Montand e a súa dona Simone Signoret, que se facían servir a comida na súa caravana e non se mesturaban coa plebe, segundo conta Mylène Demongeot no seu libro Mes monstres sacrés. Ben, non se mesturaban relativamente, pois, sempre segundo a Demongeot, o camarada Montand, ás agachadas da súa irascíbel dona, pasou pola pedra a varias das “bruxas” mozas do elenco.
Malia os temores, Montand aceptou á primeira encantado de traballar co actor cómico.
LEMBRANZAS GALEGAS
Estas dúas filmaxes realizáronse en Madrid e o sul de España, e Louis de Funès nunca chegou a visitar Galicia –a súa mai está enterrada en Madrid, no xacigo familiar dos Soto.
Porén, cando comezou a triunfar e a gañar algúns cartos –que foi no teatro con Oscar (1959) e non no cine– mercou unha casa na costa normanda para pasar o tempo libre coa familia. A esa casa púxolle, en recordación da súa mai, o nome de Santa Maria de Ortiguera, o cal, segundo conta o seu fillo Olivier, volvía un pouco tolos os de correos, pois o enderezo completo era:
Louis de Funès de Galarza
Santa Maria de Ortiguera
Rue Ocquart-de-Turot
Deauville.
–segue–
FOTOS E TAL
1) A carón de Michel Galabru en Le gendarme et les gendarmettes, rodado pouco antes da súa morte.
2) Escena da alfándega en Taxi, roulotte et corrida, o primeiro dos filmes que Louis de Funès fixo en España.
3) Fotograma de Nu vu ni connu, baseado nunha obra de Alphonse Allais da que non se mantivo o título orixinal, L’affaire Blaireau, para eludir o emparellamento co célebre affaire Dreyfus, de interminábel resonancia.
4) Con Yves Montand en La folie des grandeurs.
5) LDF participou en 1958 nun filme italo-franco-español que en Francia se chamou Totò à Madrid, interpretado por ese singular cómico un tanto Keatoniano que foi Totò. A acción decorre en Madrid, onde un estafador intenta convencer a unha millonaria de que Goya, ademais da Maja desnuda e a Maja vestida, pintou tamén a Maja en bata, cadro que trata de lle vender. Louis de Funès fai o papel de perito en pintura do Museo do Prado. Porén, aínda que a acción decorre en Madrid e aínda que certas rúas e monumentos desa cidade aparecen nalgunhas escenas e durante o xenérico de entrada, e mesmo se un letreiro ao final deste di (na versión francesa): "por se alguén no se deu de conta, estamos en España", o filme rodouse en Roma.
O RONSEL DA GLORIA
O fillo de Leonor Soto, considerado hoxe o mellor actor cómico francés da segunda metade do século 20, segue a ser un punto de referencia para os humoristas de escenario e doutros eidos.
Son moitos os actores que teñen recoñecido a súa admiración por el, desde Jerry Lewis ou Christian Clavier a Gérard Depardieu, pasando por Antoine Duléry, quen confesaba nunha entrevista que cando se sente baixo de ánimo ve La grande vadrouille, porque a atopa divertida de cabo a rabo e a de Funès xenial. Ou Mylène Demongeot, que tamén nunha entrevista dicía: «A Louis de Funès temos que estarlle agradecidos a diario. Grazas a el non fomos esquecidos [refírese a que, dada a frecuente programación dos filmes de LDF na televisión, todos os actores que interviñeron neles continúan “vivos” na memoria da xente]. El atravesa o tempo. É case máis popular ca Charlie Chaplin. Era un xenio. Nos tres filmes que eu fixen con el, sempre me sorprendía, me marabillaba, me engaiolaba».
A HOMENAXE DE CHARLIE HEBDO
Con motivo do centenario do nacemento do actor, no 2014, ano fecundo en libros, artigos e documentais sobre Louis de Funès, o semanario de humor satírico Charlie Hebdo dedicáballe un número especial.
Unha homenaxe que comeza na capa con ese DE FUNÈS UN XENIO FRANCÉS, e que se compendia neste debuxo –unha caricatura do ultraxesticulador Sarkozy–, onde se pode ler: sempre imitado, xamais igualado, esixide o auténtico De Funès.
Algúns dos autores dese número especial de Charlie Hebdo morrerían asasinados apenas seis meses máis tarde nun atentado estúpido que fixo este semanario traxicamente famoso en todo o mundo. Honra e gloria tamén para eles.
UN ESPECIAL DE LE POINT
En 2018, lembrando o trixésimo quinto aniversario da súa morte, sería o hebdomadario Le Point o que lle dedicaría integramente un número extra baixo o título Louis de Funès, os secretos dun xenio.
Un repaso da súa vida e obra con testemuños de persoas que o coñeceron ou traballaron con el, opinións de xente do cinema, anécdotas das filmaxes e a reprodución dunha entrevista que en 1973 lle fixeran neste magazine.
–segue–
FOTOS E TAL
1) Capa do número especial de Charlie Hebdo dedicado a Louis de Funès no centenario do seu nacemento.
2) Un debuxo de Riss –actual director de Charlie Hebdo– nese número especial.
3) Capa do número extra que Le Point lle consagrou ao actor.
DEDICATORIAS OU NON TANTO
O texto da dedicatoria é cuspido, como se pode comprobar, mais nin a letra nin a asinatura semellan da mesma persoa.
Desbotemos a segunda foto, que non paga a pena comentar, e fixemos a atención na primeira.
Para comezar, choca que o texto e a asinatura parecen feitos cun bolígrafo ou rotulador diferentes. Logo que, na asinatura, o apelido apareza sen acento (os autores dos artigos que acompañan estas fotos, tampouco empregan nunca o acento). Isto pode ter unha relevancia miúda para un galego, mais non para un francés, xa que nesa lingua a pronunciación de Funès e Funes é moi distinta.
Na asinatura aparece engadido (con outro rotulador) o apelido da mai: Soto. Louis –véxase o enderezo reproducido nunha entrada anterior– apelidábase De Funès de Galarza, o apelido do pai.
Tamén resulta curioso o Santa Marta de Ortigueira, pois el referíase á vila da súa mai co nome de Santa María, e, segundo a nomenclatura da época –véxase o certificado consular e o nome da casa–, de Ortiguera, o topónimo español, aínda que isto podería terllo ditado quen lle pediu o autógrafo.
INDEPENDENCIAS, PENDENCIAS E CENORIAS
Cadroume o venres de vir nun tren Vigo-Ourense cheo de estudantes, supoño que camiño da casa dos pais para colleren muda limpa e euros frescos.