LIBERDADE BAIXO SOSPEITA

Hai unhas semanas, a editora Grand Central Publishing, filial americana da francesa Hachette, anunciaba a inminente edición das memorias de Woody Allen, baixo o título Apropos of Nothing. Días despois renunciaba á súa publicación.

Por que?

Porque Ronan Farrow, fillo de Mia Farrow, a ex-parella de Allen, quen publica na mesma editora, ameazou con mudar de editorial se Grand Central Publishing lanzaba o libro. 


O anuncio da publicación orixinou protestas contra a editora. Algúns empregados da mesma chegaron a manifestarse en contra de sacar ao mercado as memorias dun apestado social, categoría á que Allen pertence despois das acusacións de pederastia feitas polos Farrow contra el. 
      
Por medo a un boicot promovido desde as redes sociais, a editora desistiu da publicación ao tempo que nun comunicado patético se xustificaba dicindo que eles pensaran publicar o libro porque a súa política consiste en que voces diversas e puntos de vista contraditorios poidan ser ouvidos. Faltoulles engadir: sempre e cando non amolen ao señor Farrow. 


Outra filial de Hachette, Stock, tiña previsto sacar a versión francesa esta primavera. En Francia, onde Allen é querido e admirado e onde o bo rendimento dalgúns dos seus filmes contrabalanzou as perdas no mercado americano, o libro non corre o risco de topar co rexeitamento dunha beataría fanática á americana , mais... a editorial deixou en suspenso a publicación. Suponse que para sopesar os efectos que esta podería ter no mercado USA. *


O caso de Woody Allen constitúe unha mostra exemplar de como funciona a Inquisición das redes sociais e dalgúns medios de prensa que lle andan á par.

 
Allen e Mia Farrow tiñan unha relación desde había anos e algún fillo adoptado en común, mais non convivían. Ao saber Farrow que Allen e unha das fillas adoptadas desta, Soon-Yi (daquela xa maior de idade), se namoraran, enfureceuse. Pouco despois acusou a Allen de ter abusado de Dylan, unha nena de sete anos filla adoptiva de ambos. Como demostración, gravou un vídeo en que a nena aparecía espida (o que sería moi criticado) confesando eses supostos abusos nun celeiro. 

O rebumbio da nova foi mundial e, como de costume en casos sexuais, o home foi socialmente declarado culpábel antes de saberse o que acontecera realmente.

As autoridades fixeron dúas investigacións exhaustivas que duraron catorce meses. Nelas recorreuse a institucións especializadas en abusos a menores e entrevistouse a todos os que trataban decote coa nena (pais, familiares, coidadores, mestres, persoal doméstico, etc. ) que contaron canto viran e observaran na relación de Allen coa súa filla.

Malia o empeño condenatorio do xuíz instrutor, quen, ante o renome do acusado e a publicidade conseguinte, estaba máis interesado en facer carreira mediática que en facer xustiza –en España houbo un xuíz que era un paradigma nese aspecto–, non se chegou a instruír unha causa penal contra Allen porque nas pescudas, que como digo duraron catorce meses, non se achou indicio ningún que permitise soster unha acusación para sentar o actor no banco dos reos. A Policía, pola súa parte, manifestou que as versións que a nena daba dos feitos eran vagas, contraditorias e nunha delas mesmo admitíu que nunca estivera co seu pai no celeiro.

Pese a que non houbo proceso, porque non se atoparon indicios de que nos feitos denunciados polos Farrow houbese o mínimo asomo de verdade, Allen xa fora declarado culpábel polo Inquisición popular. Por riba, cando xurdiu o movemento #MeToo, Dylan volveuno acusar daqueles abusos sexuais, engadindo desta vez un elemento novo: que Allen montara un tren en xoguete en todo o celeiro para entretela e abusar dela. Un irmán da rapaza desmentiría a desmontaría esta versión ao explicar que a distribución e o mal estado do celeiro imposibilitaban a montaxe dese suposto tren. 

A inquisición popular, na que se inclúen xornais coma o New York Times, facendo caso omiso das exhaustivas pescudas realizadas no seu día, que probaban a inexistencia de tales abusos, recomenzaron o linchamento público de Allen. Como consecuencia, Amazon, produtora do último film de Allen, A Rainy Day in New York, negouse a distribuílo, o que secundaron outras distribuídoras americanas, quedando o filme inédito nos EUA. Distribuidoras estranxeiras exhibiríano no resto do mundo. 

Allen pena agora para completar o reparto dos seus filmes, pois os actores americanos non queren traballar con el por medo a entraren na lista negra dos Mccarthystas.


Esta nova ditadura, que determina quen pode publicar, filmar ou cantar e quen debe ser confinado no Molokai dos leprosos, resulta, como dicía hai pouco un avogado, moito máis perniciosa que a censura estatal, pois mentres que nesta existe unha lexislación fronte á que se pode recorrer, fronte á outra a indefensión é absoluta

 

* Stock publicaría finalmente o libro en maio de 2020.

Ningún comentario: