Ao ver a expresión destas tres caras, comprendín por primeira vez o que debían sentir quen se sentaban diante dun tribunal da Inquisición.
O COMITÉ OLÍMPICO REUNIDO DE URXENCIA
A política Ione Belarra acaba de pedirlle ao goberno que España non participe nos xogos olímpicos de París se o fai Israel.
Ante esta proposta, o Comité Olímpico Internacional reuniuse urxentemente e creou un gabinete de crise para estudar a evolución dos feitos.
Ao ser España a máxima potencia deportiva mundial a nivel olímpico, en caso de que finalmente decidise non participar, o COI consideraría a posibilidade de suspender a celebración das olimpíadas este ano, pois, como manifestou un alto membro dese comité: Uns xogos olímpicos sen España non terían interese ningún. Serían como unha tortilla sen ovos ou unha cunilingua sen lingua nin cona.
Ah, Ione Belarra, por se alguén non o sabe, é esa política que celebra os seus mitins electorais no interior dunha cabina de teléfonos, que é o espazo que precisa para meter o conxunto dos seus electores comodamente sentados.
DEFININDO OS BEST SELLERS
«Un best seller é un libro xeralmente malo que se vende moi ben. Grazas a iso, o editor pode publicar outros libros igualmente malos pero que non se venden».
Robert Sabatier
PAUL AUSTER
O autor dun artigo sobre a morte de Paul Auster atopa algunhas similitudes entre a obra deste e a de Franz Kafka.
Tendo en conta que Kafka era un xudeu asquenazí de expresión alemá nacido en Praga, e que, aínda que nado nos Estados Unidos, Paul Auster era un xudeu descendente de pais asquenazís austríacos de lingua alemá, a uns quiñentos quilometros de Praga, algunha similitude tampouco é moi de estrañar.
A INCOMPRENSÍBEL PSICOLOXÍA DOS OBREIROS.
Os obreiros non hai quen chos entenda.
O día primeiro de maio bótanse á rúa tan felices.
E despois, cando un empresario, para facelos felices, os bota á rúa, póñense a protestar.
En fin, a típica incoherencia das clases baixas.
GIGI L'AMOROSO
(Banda sonora a escoitar co artigo: youtube.com › watch?v=L891xRMCV_Q)
Encántanme esas manifestacións madrilenses de loa ao líder, promovidas dun xeito espontáneo polas clases máis humildes (económica e mentalmente), que son ás que lles cómpre un líder, pois as clases potentadas (económica e intelectualmente) cos líderes limpan o cu.
Chegados á capital do reino, nos autobuses espontaneamente alugados cincuenta horas antes, pois as cousas espontáneas convén preparalas con tempo, xúntanse en Ferraz, na praza de Oriente ou noutro punto, segundo raza e pelaxe, xa que os borregos de cada rabaño teñen as súas manías á hora de elixiren o prado no que pacer.
A última destas manifestacións espontáneas foi o sábado 27 de abril. O propósito era expresarlle o seu arrimo, antes chamado adhesión inquebrantábel, ao líder máximo, o gran Gigi o amoroso, cantándolle a súa canción:
Gigi o amoroso, conquistador,
ollar de veludo como unha caricia.
Gigi o amoroso, sempre vencedor,
ás veces sen corazón
mais non sen dozura.
Escóitaos, Gigi. É o teu pobo. Viñeron
(espontaneamente) para te aclamaren. Para pedírenche que non te vaias, que non os deixes orfos.
Míraos, Gigi, están todos aí por ti, os
guiñois mecánicos e as Maríamagdalenas en bágoas. E tamén os cinco autocares do Inserso que por un erro rematan sempre neste tipo de concentracións.
Encántanme estas manifestacións espontáneas de loa ao líder. O que non comprendo é porque aínda non as declararon festexo de interese nacional.
___________
1 – Nota respectuosa para o estimado Xosé M. Eyré: Borrego e guiñol son lusismos, non castelanismos.
2 – Nota retrospectiva: na versión española desta canción do 1974, a viúva do coronel, que aparece na letra orixinal entre as mulleres admiradoras do Gigi, foi trocada por a viúva do concelleiro.