O DECEPCIONANTE VLADIMIR PUTIN

Como me defraudou o Putin!

Despois de eliminar -nas diversas acepcións do verbo- os seus adversarios xornalísticos e políticos, gaña as eleccións cun miserábel 86% dos votos igual que un tiranucho bananeiro calquera.

Canto lle queda aínda por aprender de Franco, que sacaba adiante os seus referendos cun 94% de votos a favor e sen necesidade de invadir previamente Portugal.


ASASINOS VEXETARIANOS

 A intelixencia de Deus é inconcusa.

Unha mostra podémola atopar no libro do Bereshith, tamén chamado o libro da Xénese, cando se nos conta a historia dos irmáns Caín e Abel.

O Caín dedicábase á agricultura, traballo duro que obriga a vivir coa vista fixa na terra. O Abel era pastor, nobre oficio que vive ollando o ceo e ao que a humanidade lle debe tres achegas sublimes: a frauta, o churrasco e a zoofilia.

Autor: John Reilly

Desexoso de mostrar a Deus o seu agradecemento, o Caín ofreceulle algúns produtos da horta: espinacas, leitugas e mazás.

Deus ollou aquilo e preguntoulle:

—Que se supón que debo facer con isto?

—Podes facer un pastel de espinacas, unha ensaladiña de leituga e de sobremesa unha torta de mazás. Todo riquísimo.

Deus  –daquela chamado aínda Elohim– salaiou e respondeu:

—Todo iso falo para ti e logo cómelo.

Despois chegou o Abel. Para amosarlle a Deus a súa gratitude, ofreceulle un cordeiro do seu rabaño.

A Elohim acendéronselle os ollos, sorriu e dixo:

—Home, isto xa é outra cousa! Unhas costeletas de año á brasa...

Non esquezamos esta lección de Deus sobre o correcto camiño para a nutrición.

E non esquezamos tampouco que o Caín matou o Abel. É dicir, non esquezamos que o primeiro asasino da historia foi un vexetariano.

RAPAZ, FAITE MULLER!

Faite muller hoxe mesmo, rapaz. Tes diante de ti  unha ocasión de ouro. 

Grazas á lei Trans, para que o Estado te recoñeza como muller, xa non precisas o informe dun profesional médico, nin operación cirúrxica de tipo ningún, nin cambio de nome. Chega con que declares que te sentes muller. Se te chamas Xurxo Couto, seguirás chamándote Xurxo Couto no teu DNI, seguirás a ter o teu membro sexual masculino e levando roupa de home sen problema ningún. Só cambiará que no Rexistro Civil estarás inscrito como muller, e iso vai pór á túa disposición unha chea de vantaxes que non debes desaproveitar.

1 – Terás dereito a acceder aos postos de traballo reservados a persoas transxénero para evitar á súa marxinación ou exclusión.

2 – Poderás optar aos postos de traballo destinados a mulleres por paridade ou por outros motivos.

3 – Poderás acollerte á discriminación positiva para teres dereito a prazas e axudas que en caso contrario non serían para ti (discriminación positiva é o nome que se lle dá a un fraude universal, creado nos Estados Unidos hai uns corenta anos, grazas ao cal ilustres mediocridades, como certa exrrectora dunha universidade americana, chegaron a postos máis ou menos importantes).

4 – En caso de presentáreste a un posto de traballo que para acceder a el esixa pasar unhas probas físicas, ti deberás realizar ás correspondentes a unha muller, que son moito menos esixentes que as dos homes e que por tanto poderás superar con facilidade.

5 – No traballo, se o teu xefe che di calquera cousa que non che guste ou se mostra severo de máis, só terás que lembrarlle que lle podes arruinar a vida denunciándoo por transfobia e deixarate en paz para sempre.

6 – Terás dereito a usar todos aqueles servizos en que a muller ten un trato preferente a nivel de entrada, prezos, admisión, etc.

7 – Ninguén se atreverá a pórche trabas, por exemplo para entrar nunha discoteca, porque o poderías acusar de discriminación cunha persoa trans.

8 – Serás a nena mimada dalgúns sectores feministas.


Se estás casado, as túas vantaxes multiplícanse. Legalmente deixarás de ser o pai dos teus fillos. A túa muller, como mai biolóxica, pasará a ser a mai número 1 e ti serás a mai número 2.

Que gañas con isto?

1 – En caso de pelexa, non te poderán acusar nunca de violencia de xénero, pois será un problema entre dúas mulleres.

2 – No divorcio, non terás que deixar o piso conxugal nin pagar automaticamente unha pensión, pois deberá decidir o xuíz a cal das dúas mulleres lle corresponde facelo.

3 – En caso de divorcio con desacordo, podería deducirse que a patria potestade dos fillos se lle dará á mai número 1, por ser a mai biolóxica. Nin moito menos! Se o xuíz determinase iso, ti poderías presentar denuncia por discriminación dunha muller transxénero, algo que un goberno progresista non pode consentir (en política, progresista é sinónimo de narcisista, é dicir, de alguén que cree que el encarna a verdade e a luz do mundo), polo que tes moitas posibilidades de quedarte cos teus fillos e no piso conxugal.

O cambio de xénero ten outras vantaxes anecdóticas.

Poderás entrar nas duchas e nos servizos de mulleres por seren os que che corresponden polo teu xénero.

Se cometes un delito, ingresarante nun cárcere de mulleres por máis que te chames Xurxo Couto, e alí terás todo un mundo de posibilidades.

Anímate, rapaz, e cambia de xénero mañá mesmo. Non renuncies ás vantaxes que o Estado che ofrece

Se tes aínda algunha dúbida, pensa que o cambio de xénero legal non é irreversíbel, xa que se basea nun sentimento persoal e ningún sentimento é inmutábel. Cando che pete, podes dicir que deixaches de sentirte muller e inscribirante de novo como home.

Cambia de xénero, rapaz. Se o fas, o futuro é teu!

TEMPOS REVOLTOS

 

 

 

Os sinais da fin do mundo son cada vez más evidentes.

Unha mostra:

No ano actual, como se pode ver neste calendario de Google, o Mércores de cinsas caeu en luns, polo que non sería de estrañar que o día primeiro de maio caese o catorce de outubro.