DESMITIFICANDO
Crítica de SOAMENTE UNHA VEZ, de José Mondelo, en Xerais.
José Mondelo (...) é autor que sempre sorprende nos seus discursos. O seu corpus literario non é grande, mais todos son títulos que desafían o barullo cultural-social do momento.
Como neste caso. Soamente unha vez. (...) Sob o pretexto dun discurso policial, a investigación a propósito do corpo dunha muller que atopan dous cazadores e coa que se inicia e remata o romance, o decorrer dos feitos leva a que primeiro o inspector Paiana (...) desmitifique tópicos e lugares comúns (asumidos sen discusión ou aparentemente lóxicos) a redor do mundo da espionaxe e os corpos de seguranza creados para actuaren na sombra, e despois (...) o labor policial, do que en realidade coñecemos pouco e o que coñecemos está contaminado polas ficcións made in Hollywood.
(...) A min, concretamente, agrádame moito que para a desmitificación USA bote man da filmografía francesa, que sempre me contentou moito máis que a previsíbel hollywoodiana, tan de llaneros solitarios (expresión súa) que actúan nas marxes da prepotencia e da a-legalidade, cando a realidade é que @s policías sempre teñen mandos susperiores aos que obedecer. (...) Na ficción do romance, ofrécense datos moi críbeis acerca de decisións políticas que condicionaron investigacións policiais. (...) E na desmitificación hollywoodiana, nin o mestre Hitchcock se libra, nin el nin as escenas máis icónicas da súa filmografía.
Eis un romance que deberían ler, e ter moi en conta, as autorías que escriben novela negra ou policial. Deberían. Igual que deberían ler O ollo pecho ou, por sinal, o contributo de Antón Risco, tan inxustamente silenciado polo tempo, mais iso será tema para outro artigo.
Esta estrutura [da novela] condiciona en certa maneira que as personaxes non acaden todas o mesmo nivel de configuración psicolóxica. O inspector Paiana é o centro, o resto pivota a redor del. Mención especial merecen a xornalista e os dous sospeitosos. Alén diso, o autor bota man dunha ben rica fraseoloxía, tanto na narración como nos diálogos (...)
Evidentemente non lles vou desvelar nada acerca da resolución do caso, simplemente lles direi que resulta moi coherente con todo o exposto con anterioridade.
Non agarden máis. É unha desas lecturas que sempre se agradecen.
ASDO.: Xosé M. Eyré
Crítica enteira en: https://ferradura.blog/2022/01/18/critica-de-soamente-unha-vez-de-jose-mondelo-en-xerais/
Ningún comentario:
Publicar un comentario