Un amábel lector envíame un correo cunha explicación relativa aos comentarios que un dos personaxes da miña novela Soamente unha vez fai sobre o asasinato na ducha que aparece no filme Psycho (Psicose), do realizador inglés Alfred Hitchcock.
Antes de contestarlle, observemos estes dous fotogramas do filme.
No primeiro –cando o asasino xa se foi despois de a apuñalar–, pódese ver que a muller non ten coitelada ningunha no pescozo nin no terzo superior do peito (lembremos que as coiteladas se descargaban de arriba a abaixo).
No segundo, xa a piques de caer morta, apréciase que tampouco ten feridas nin sangue das nádegas aos ombros.
Cabería conxecturar que llo cravou no peito, que nunca se chega a ver ben. Mais iso resulta imposíbel porque, de cravarllo no corazón, ela caería de chope, e de cravarllo nos pulmóns, ela non podería alentar (o que como se ve na foto número un fai sen problema) e ademais posibelmente lle saíse o sangue dos pulmóns pola boca. Hai unha terceira causa para desbotar esta hipótese: a traxectoria do coitelo non se corresponde cunha ferida mortal no peito, aínda que si nas costas, nas que, como se evidencia na foto, non existen feridas. En realidade, a traxectoria do coitelo non se corresponde con nada. A concepción visual da escena parece pensada máis para a exhibición do corpo nu que para atinxir un asasinato cun mínimo de verosimilitude.
Argúe este lector que a razón de non verse feridas é consecuencia do código Hays, vixente naquel momento, que vetaba a súa ostentación nos filmes.
Iso non é exacto. O código Hays vedaba o abuso de sangue e recrearse nas feridas.
No caso de Psycho, tendo en conta que non se trata dun filme a cores senón en negro e branco (o que minimiza, e case que anula, o efecto morboso do sangue), para imitar unha coitelada chegaría con facer na pel da muller unha simple raia negra de cinco ou seis centímetros de longo cun chisco de líquido ao redor para simular o sangue que flúe. Isto dificilmente se podería considerar recrearse nas feridas, dado que planos como o do fotograma numero dous duran un segundo en pantalla. Así que a Hays as responsabilidades de Hays e a Hitchcock as de Hitchcock.
Por certo, esta escena, tal como está resolta, non é propia dun mago do suspense senón dun mago do efectismo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario