CASTELANISMOS... OU NON TANTO?
Na súa crítica a Soamente unha vez, crítica máis abaixo reproducida parcialmente, Xosé M. Eyré sinala o seguinte:
[O autor] tamén usa vocabulario innecesariamente dependente do castelán (“boquiaberto”) e tamén na fraseoloxía (“fai unha diabrura”, “custase o que custase”, “con esas me vés agora”, “colle pan e molla”…)
Vexamos:
No caso de «colle pan e molla», o personaxe que pronuncia a frase indica que está a reproducir unha expresión de moda nun momento dado, polo que, ao ser unha citación literal, ten unha forma fixada.
A suposta dependencia do castelán de «con esas me vés agora» non a comprendo. Trátase dunha construción de uso común en galego popular, unhas veces co verbo vir e outras con saír:
Mira con que me vén agora, eh!
E mira agora con que me sae!
«Custase o que custase» sería o equivalente do portugués custe o que custar. Aquí, tendo en conta que a frase está pronunciada por un personaxe no curso dunha conversa coloquial, meter ese que custar daríalle un cariz literario pouco críbel.
FAI UNHA DIABRURA
(Dicio – dicionario de portugués):
DIABRURA [figurado] Travessura de criança (a criança enfurecía o professor fazendo diabruras).
Diabrura aparece tamén en varios dicionarios galegos.
BOQUIABERTO
(Dicionario Priberam de portugués):
BOQUIABERTO Adjectivo. 1) De boca aberta. 2) (figurado) Pasmado (Confesso que fiquei boquiaberto).
Boquiaberto atópase igualmente en dicionarios galegos, entre eles o antigo da RAG,
Por certo, no portugués brasileiro existe o verbo boquiabrir (apampar)
Lido o anterior, por que dicir que son castelanismos? Ou por que dicir que son castelanismos e non lusismos?
SOAMENTE UNHA VEZ - crítica de Xosé M. Eyré
DESMITIFICANDO
Crítica de SOAMENTE UNHA VEZ, de José Mondelo, en Xerais.
José Mondelo (...) é autor que sempre sorprende nos seus discursos. O seu corpus literario non é grande, mais todos son títulos que desafían o barullo cultural-social do momento.
Como neste caso. Soamente unha vez. (...) Sob o pretexto dun discurso policial, a investigación a propósito do corpo dunha muller que atopan dous cazadores e coa que se inicia e remata o romance, o decorrer dos feitos leva a que primeiro o inspector Paiana (...) desmitifique tópicos e lugares comúns (asumidos sen discusión ou aparentemente lóxicos) a redor do mundo da espionaxe e os corpos de seguranza creados para actuaren na sombra, e despois (...) o labor policial, do que en realidade coñecemos pouco e o que coñecemos está contaminado polas ficcións made in Hollywood.
(...) A min, concretamente, agrádame moito que para a desmitificación USA bote man da filmografía francesa, que sempre me contentou moito máis que a previsíbel hollywoodiana, tan de llaneros solitarios (expresión súa) que actúan nas marxes da prepotencia e da a-legalidade, cando a realidade é que @s policías sempre teñen mandos susperiores aos que obedecer. (...) Na ficción do romance, ofrécense datos moi críbeis acerca de decisións políticas que condicionaron investigacións policiais. (...) E na desmitificación hollywoodiana, nin o mestre Hitchcock se libra, nin el nin as escenas máis icónicas da súa filmografía.
Eis un romance que deberían ler, e ter moi en conta, as autorías que escriben novela negra ou policial. Deberían. Igual que deberían ler O ollo pecho ou, por sinal, o contributo de Antón Risco, tan inxustamente silenciado polo tempo, mais iso será tema para outro artigo.
Esta estrutura [da novela] condiciona en certa maneira que as personaxes non acaden todas o mesmo nivel de configuración psicolóxica. O inspector Paiana é o centro, o resto pivota a redor del. Mención especial merecen a xornalista e os dous sospeitosos. Alén diso, o autor bota man dunha ben rica fraseoloxía, tanto na narración como nos diálogos, a mágoa é que tamén usa vocabulario innecesariamente dependente do castelán (“boquiaberto”) e tamén na fraseoloxía (“fai unha diabrura”, “custase o que custase”, “con esas me vés agora”, “colle pan e molla”…)
Evidentemente non lles vou desvelar nada acerca da resolución do caso, simplemente lles direi que resulta moi coherente con todo o exposto con anterioridade.
Non agarden máis. É unha desas lecturas que sempre se agradecen.
ASDO.: Xosé M. Eyré
Crítica enteira en: https://ferradura.blog/2022/01/18/critica-de-soamente-unha-vez-de-jose-mondelo-en-xerais/
________________
Sobre o emprego dos presuntos castelanismos que Xosé M. Eyré amenta na súa amábel crítica, véxase neste blog a entrada: Castelanismos... ou non tanto?
HITCHCOCK EN "SOAMENTE UNHA VEZ"
Un amábel lector envíame un correo cunha explicación relativa aos comentarios que un dos personaxes da miña novela Soamente unha vez fai sobre o asasinato na ducha que aparece no filme Psycho (Psicose), do realizador inglés Alfred Hitchcock.
Antes de contestarlle, observemos estes dous fotogramas do filme.
No primeiro –cando o asasino xa se foi despois de a apuñalar–, pódese ver que a muller non ten coitelada ningunha no pescozo nin no terzo superior do peito (lembremos que as coiteladas se descargaban de arriba a abaixo).
No segundo, xa a piques de caer morta, apréciase que tampouco ten feridas nin sangue das nádegas aos ombros.
Cabería conxecturar que llo cravou no peito, que nunca se chega a ver ben. Mais iso resulta imposíbel porque, de cravarllo no corazón, ela caería de chope, e de cravarllo nos pulmóns, ela non podería alentar (o que como se ve na foto número un fai sen problema) e ademais posibelmente lle saíse o sangue dos pulmóns pola boca. Hai unha terceira causa para desbotar esta hipótese: a traxectoria do coitelo non se corresponde cunha ferida mortal no peito, aínda que si nas costas, nas que, como se evidencia na foto, non existen feridas. En realidade, a traxectoria do coitelo non se corresponde con nada. A concepción visual da escena parece pensada máis para a exhibición do corpo nu que para atinxir un asasinato cun mínimo de verosimilitude.
Argúe este lector que a razón de non verse feridas é consecuencia do código Hays, vixente naquel momento, que vetaba a súa ostentación nos filmes.
Iso non é exacto. O código Hays vedaba o abuso de sangue e recrearse nas feridas.
No caso de Psycho, tendo en conta que non se trata dun filme a cores senón en negro e branco (o que minimiza, e case que anula, o efecto morboso do sangue), para imitar unha coitelada chegaría con facer na pel da muller unha simple raia negra de cinco ou seis centímetros de longo cun chisco de líquido ao redor para simular o sangue que flúe. Isto dificilmente se podería considerar recrearse nas feridas, dado que planos como o do fotograma numero dous duran un segundo en pantalla. Así que a Hays as responsabilidades de Hays e a Hitchcock as de Hitchcock.
Por certo, esta escena, tal como está resolta, non é propia dun mago do suspense senón dun mago do efectismo.
POEMAS INTEMPORAIS
Maos tempos ao mundo se aveciñan
Servos serán os homes e libres as mulleres
Poucas landras, mirrados bosques, flores ruíns
Porcos fracos e infames dirixentes
feros ventos, húmidos veráns, trigo que non acaba de madurecer
Moito gado e escaso leite
Xente aborrecíbel por todas partes
Haberá maldade e crónicas matanzas
Será un mundo ermo ateigado de tumbas
(Anónimo irlandés – século 12)