CADA QUEN O SEU ARROALLO - TEATRO

Dicía hai pouco un actor que o PP subira o IVE do teatro porque a Dereita ten medo da cultura, pois sabe que a xente culta non se deixa manipular?

Si?... De verdade?

Medo do teatro, un espectáculo de minorías que desde hai décadas pena por sobrevivir e que en parte o fai grazas ás subvencións?  Que ten pouquiño público, e dese público a maioría só vai ver comedias musicais e comedias comerciais?


Alguén imaxina un goberno de calquera parte do mundo reunindo o seu gabinete de crise para dicir:
«Temos que subirlle o IVE ao teatro a todo correr porque aí pódenos estoupar unha revolución en calquera momento

En canto á brincadeira de que a xente culta non se deixa manipular, só hai que botar un ollo a algunhas das cousas que a xente culta publica nas redes sociais durante determinados acontecementos para fartarse de rir.

CADA QUEN O SEU ARROALLO - FOTÓGRAFOS

Comentaba un fotógrafo de prensa que esta é a hora dos reporteiros gráficos, porque nunha época na que abundan as papelicadas, só eles, coas súas fotos, poden amosar a realidade dos feitos.

Si?... De verdade?

Unha foto para amosar a realidade dos feitos, hoxe, que chega con sentarse dez minutos diante dun computador para engadirlle ou quitarlle persoas a unha fotografía, e quen di persoas di cadáveres, animais ou o que a un lle pete. Hoxe que se pode cambiar doadamente o fondo dunha foto e converter unha praia nun deserto ou unha rúa de Vigo nunha de Gaza?



É agora o momento de crer na fotos, cando a maioría das manipulacións se fan precisamente con fotografías trampeadas ou que non pertencen ao contexto co que se vencellan?

Podería aducirse que o prestixio do reporteiro aboa a veracidade da foto, mais quen lle garante ao receptor que a foto que ve é a mesma que quitou o reporteiro e que non foi logo photoshopeada?

Nunca a frase «vino cos meus propios ollos» tivo menos valor que hoxe.

AGARDAR SEN ESPERAR

No vello galego aldeán facíase, igual que en francés ou inglés, a diferenza entre esperar (ter esperanza de...) e agardar (facer tempo até ou para...). Consecuentemente, dicíase: agardo o mañá sen esperar nada del, mais non: espero o mañá sen agardar nada del. Espero que veñades á festa mais: agardade por min; agarda até mañá; hai que agardar a que chova; agarda que te agardarás, agardar os sete agardares; agardar a súa.
 
Pola influencia do español, esperar foi chapando o territorio de agardar e diminuíndo o seu uso. Así chegaron os espera pola túa irmá; hai que esperar a que pare de chover, etc.

Converter esperar en sinónimo de agardar constitúe un empobrecemento (máis) do galego. 

GALEGO CHULAPO

Ademais de importar de Madrid coronavirus por xunto, Galicia tamén está a incorporar sen présa pero sen apouso o leísmo madrideiro.

Nunha mesma tarde, tres mostras:


Un cronista deportivo di na televisión que un futbolista non lle pasou o balón a outro
... porque non LLE viu a tempo.


Dous homes parolan na rúa dun terceiro, e din que o fillo deste
... marchou da casa sen avisarLLE.


Na radio falan duns grupos musicais e contan que Vigo
... foi a cidade que LLES acolleu por primeira vez.


Está a abrollar o galego chulapo.