A PRAIA MANOLITA

Panorámica da fermosa praia Manolita, en Coristanco.



Esta praia fluvial –a auga que se ve é da laga do Secundino, que recolle as chuvias do outono á primavera para as regas do verán–, é a máis peculiar de Galicia por varios motivos.

Primeiro, evidentemente, pola súa vexetación tropical, composta de mangleiros, palmeiras e coqueiros

Isto débese a unha casualidade. Resulta que cando a praia estaba en proxecto, a secretaria do concello de Coristanco viu en Amazon unha oferta de microclimas de ocasión, e decidiron comprar un microclima tropical para aplicar nos trescentos cincuenta metros que mide a praia. Grazas a ese microclima, a flora tropical medra sen problema e mesmo se ten visto por alí algún chimpancé cunha camiseta da orquestra París-Noia.


A segunda peculiaridade excepcional desta praia é a area


Trátase de area sintética composta de polímeros revestidos de nailon-seda. Un tipo de nailon suave, de tacto agradábel e, o que a xente aprecia máis, altamente erotizante. Deitarse alí, sentir a caricia da area no coiro e que o sangue comece a ferver, o sistema linfático a zumegar e os miolos a rebulir, é todo un. 


A terceira peculiaridade da praia Manolita é que, caso único en Galicia, só está aberta no inverno


Os dous primeiros anos abriuse no verán, o que provocou unha enxurrada de turistas; obviamente de turistas de verán, que son os que se acostuma a atopar no verán debido ao simplismo da sociedade, demostrado hai anos mediante a coñecida ecuación matemática de Constantinovski.


Para fuxir dese azoute universal, o concello decidiu suprimir toda a publicidade e toda mención escrita ou gráfica á praia Manolita, mesmo no sitio internet do propio concello –de feito hoxe, nin nas guías de turismo máis detalladas aparece–, e abrila só de decembro a primeiros de marzo, aproveitando o seu microclima tropical. Desta maneira atráese turismo de inverno, moi diferente do de verán. Entre o turismo de inverno e o de verán hai a mesma diferenza que entre un aristócrata inglés educado en altas escolas e unha chusma de cabreiros alcolizados. Explícoo eufemisticamente para non ferir a ninguén. 


Co fin de empecer que os turistas de estío profanen a praia Manolita, o concello retira toda a area ao chegar o mes de marzo e aproveita a veiga para sementar patacas, como se pode ver na foto inferior. De aí que os turistas de verán marchen convencidos de que a praia Manolita é unha lenda urbana.


 

_________
INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA: A praia Manolita de Coristanco está aberta do primeiro venres de decembro ao primeiro domingo de marzo. Cómpre autorización para acceder a ela.


O outono pasado, unha revista francesa de viaxes adicoulle un artigo a esta praia baixo o título Lorsque le paradis s’appelle Manolita, que outro día reproducirei.

Ningún comentario: