A PRAIA MANOLITA

Panorámica da fermosa praia Manolita, en Coristanco.



Esta praia fluvial –a auga que se ve é da laga do Secundino, que recolle as chuvias do outono á primavera para as regas do verán–, é a máis peculiar de Galicia por varios motivos.

Primeiro, evidentemente, pola súa vexetación tropical, composta de mangleiros, palmeiras e coqueiros

Isto débese a unha casualidade. Resulta que cando a praia estaba en proxecto, a secretaria do concello de Coristanco viu en Amazon unha oferta de microclimas de ocasión, e decidiron comprar un microclima tropical para aplicar nos trescentos cincuenta metros que mide a praia. Grazas a ese microclima, a flora tropical medra sen problema e mesmo se ten visto por alí algún chimpancé cunha camiseta da orquestra París-Noia.


A segunda peculiaridade excepcional desta praia é a area


Trátase de area sintética composta de polímeros revestidos de nailon-seda. Un tipo de nailon suave, de tacto agradábel e, o que a xente aprecia máis, altamente erotizante. Deitarse alí, sentir a caricia da area no coiro e que o sangue comece a ferver, o sistema linfático a zumegar e os miolos a rebulir, é todo un. 


A terceira peculiaridade da praia Manolita é que, caso único en Galicia, só está aberta no inverno


Os dous primeiros anos abriuse no verán, o que provocou unha enxurrada de turistas; obviamente de turistas de verán, que son os que se acostuma a atopar no verán debido ao simplismo da sociedade, demostrado hai anos mediante a coñecida ecuación matemática de Constantinovski.


Para fuxir dese azoute universal, o concello decidiu suprimir toda a publicidade e toda mención escrita ou gráfica á praia Manolita, mesmo no sitio internet do propio concello –de feito hoxe, nin nas guías de turismo máis detalladas aparece–, e abrila só de decembro a primeiros de marzo, aproveitando o seu microclima tropical. Desta maneira atráese turismo de inverno, moi diferente do de verán. Entre o turismo de inverno e o de verán hai a mesma diferenza que entre un aristócrata inglés educado en altas escolas e unha chusma de cabreiros alcolizados. Explícoo eufemisticamente para non ferir a ninguén. 


Co fin de empecer que os turistas de estío profanen a praia Manolita, o concello retira toda a area ao chegar o mes de marzo e aproveita a veiga para sementar patacas, como se pode ver na foto inferior. De aí que os turistas de verán marchen convencidos de que a praia Manolita é unha lenda urbana.


 

_________
INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA: A praia Manolita de Coristanco está aberta do primeiro venres de decembro ao primeiro domingo de marzo. Cómpre autorización para acceder a ela.


O outono pasado, unha revista francesa de viaxes adicoulle un artigo a esta praia baixo o título Lorsque le paradis s’appelle Manolita, que outro día reproducirei.

IOLANDA ZÚÑIGA, OS SENTIMENTOS E O CAPITALISMO

Escribe Iolanda Zúñiga no seu libro Vidas post-it

O capitalismo aínda non foi quen de acabar co sentimentalismo. (páx. 98)

O capitalismo!


Quen pretendía esganar o sentimentalismo era o socialismo comunista, co seu orde rigoroso; a súa racionalidade; a súa vida orientada cara a produción; a súa arquitectura plana sen superfluidades nin adobíos; o seu  cine, amosando unha vida cotiá sen soños; o realismo da súa pintura e da súa literatura, sen espazo para o delirio. O desvarío e o absurdo só estaban permitidos, e mesmo aconsellados, nos balances económicos e nos plans de produción que argallaba o Partido. Aí empregábannos a esgalla.


Mais o capitalismo, por que había de acabar cos sentimentos? 


O capitalismo esterca, rega, cultiva os sentimentos. E non porque sexa sentimental, senón porque os sentimentos constitúen un gran negocio e o medio de manipulación por excelencia, como ben saben amantes, xornalistas, políticos e ONGs. 


Convencer a xente, da que os políticos maman, con razoamentos e datos, sería lento, traballoso e sen certeza de triunfo. Cos sentimentos, pola contra, é instantáneo. Só hai que botar man de profundas frases intelectuais, do tipo: é que nos están a roubar, é que nos odian, é que nos asoballan, é que nos envexan, é que mexan por nós, somos unhas vítimas, estamos oprimidos... e o sangue ponse a ferver. Cando o sangue ferve os miolos non furrulan.  

   
O capitalismo fornécenos infatigabelmente de material que atice os nosos sentimentos, que estimule o acoro, a congoxa, o compadecemento, porque nos quere adoito no frémito e na bágoa: 


Emigrantes á deriva que foxen de guerras (ás veces imaxinarias) ou da extrema miseria (o que o seu porte non sempre corrobora).


Outra muller escabechada.


Unhas pingas de desastre ecolóxico ou de maltrato animal.


Unha mai que afoga os fillos.


Os nenos! Ai, os nenos! Vaia veta! Que fonte de sentimentos! O neno soldado, o neno traballador, o neno explotado, o neno orfo de guerra, o neno famento, o neno estuprado, o neno abandonado, o neno prostituído, o neno asasinado. Só con isto algúns columnistas xa teñen material para as súas homilías dos próximos lustros.


Parece como se vivísemos anos de pioca demográfica, onde os nenos garanten a subsistencia da humanidade, e non unha época de superpoboación suicida onde ao Planeta xa lle sobran tres mil millóns de habitantes.


O capitalismo non couta aí o seu estímulo sentimental.


Creou o día da mai, o día do pai, o día dos namorados, o día da convivencia, o día da fraternidade, Nadal jingle bell jingle bell na na na naná.


E que dicir da contribución dos artistas ao sentimentalismo? Das toneladas de graos de area que achegan as súas almas zumentas de hipersensibilidade líquida gloic-gloic? 


Como na música, onde a maioría das cancións xiran arredor do amor, moi non plus.


Ou o cinema, coa súa mítica frase: Éche un filme moi bonito: chórase moito


E na literatura? (e non botarei man do recurso fácil a poetas ou a certas irmás carpideiras, xénero Nenuco cuíño fresco)


Aí están o melodrama e o folletín, inventos sentimentais que trouxo a burguesía, é dicir, o capitalismo, cando as xeracións fidalgas do pasado lle deixaron paso á xeración de tendeiros e esta á xeración de choromicas e de inquisidores encubertos que agora mangonea; cando a literatura se popularizou, no senso meliorativo e pexorativo do termo.


O capitalismo ama tanto os sentimentos que o propio libro de Iolanda Zúñiga, un produto cultural dirixido a un mercado capitalista, está todo el está estruturado arredor dos sentimentos.