Eu tiña dos filólogos unha imaxe de xente pouca seria tras ler nun dicionario portugués que a palabra carambola procede do francés (carambole), e nun dicionario francés que carambole procede do portugués (carambola).
A miña opinión verbo deles mudou cando lle botei un ollo á primeira normativa da lingua galega. Alí podíase ler nunha páxina que, entre as variantes A e B dun vocábulo, se escollía como normativa a forma A, xa que se ben a forma B era a máis habitual no galego moderno, a forma A era a de maior tradición histórica.
Máis adiante indicábase que entre as variantes E e F doutra voz, se optaba pola forma E como normativa, pois se ben a forma F correspondía a unha maior densidade demográfica, o uso da forma E dábase nunha maior extensión xeográfica.
Na páxina do lado enunciábase que entre as variantes G e H doutra palabra, se elexía como normativa a forma H, pois se ben a forma G ocupaba unha maior extensión xeográfica, a forma H tiña máis presenza demográfica.
Apampado por este rigor de criterios mudei de parecer e ademais descubrín as voces potenciais.
Se un vocábulo presenta dúas variantes, unha que se utiliza, poñamos por caso, nos montes de Lugo e Ourense e a outra nas cidades da Coruña e Vigo, esta última ten, desde logo, maior presenza demográfica, o que podería xustificar a escolla como voz normativa. Mais, dado que a variante dos montes de Lugo e Ourense se emprega acotío mentres que un pode pasar o día enteiro polas rúas da Coruña ou Vigo sen sentirlle a ninguén unha papa de galego (quitado que por galego se entenda Ciao e outras délicatesses plurilingüísticas), encontrámonos con que a variante demográfica do vocábulo en cuestión é unha voz potencial, posto que sería a usada na Coruña e Vigo no caso hipotético de que algún día a esa xente se lle ocorrese falar galego por un ataque de desorientación mórbida, quenturas tifoides, obnubilación circunstancial ou outra calamidade polo estilo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario