POR TI


Por ti
que te queimas
na soedade
digo todo o que calo.
Por ti
que baixas cando terías
que subir
río todo o que choro.
Por ti
que te encerras
no teu cárcere
de frialdade
soño todo o que ignoro.
Por ti
que vives a tua morte
con indiferencia
escribo todo o que borro.


María Xosé Viña Queixo

MARTÍN COUTINHO E A RELATIVIDADE DO TEMPO

Nun traballo sobre literatura galega infantil e xuvenil, a autora, Montse Pena Presas, ao datar o comezo da produción de literatura xuvenil en Galicia, escribe este paradoxal comentario:

Un ano antes, tal e como indicamos no epígrafe anterior, vería a luz Martín Coutinho en busca do sol, «sen dúbida a primeira novela de aventuras para un público xuvenil que se escribe en galego», como nos di a súa contracapa. Porén, o feito de que fose editada en Barcelona propiciou un grande descoñecemento dunha novela que, de ser tirada do prelo no país, non tería pasado tan desapercibida. Por este motivo, e a pesar de recoñecérmoslle o seu carácter inaugural, propoñemos 1985 como data da novela para a mocidade en Galicia.

Por que, se algo comezou en 1984, tal como indicamos no epígrafe anterior, a señora Pena propón como data de inicio 1985?... Porque o tempo é relativo?... Porque as novelas galegas editadas fóra de Galicia pertencen a unha dimensión cósmico-temporal non equiparábel?... Ou, simplemente, porque llo pide o corpo, e o corpo
–particularmente o feminino– ten os seus propios períodos?

O INFORME DO EMPREGADO MENDES


«Colección de relatos escritos nun moi elaborado e rico galego (no que non faltan licencias seguramente discutibles). Son, logo, todos eles contos de gran alento literario».

«As dúas historias de Bana Nnagú, inclúen un personaxe realmente orixinal e un uso do fantástico ao servizo dun humor, baseado no absurdo ou no inagardado, que me lembra algúns contos Zen (una tradición esta á que si resulta novidoso recorrer no noso contexto literario)».

I.E.X
_____

«Este Informe do empregado Mendes posúe unha lectura adulta tan fascinante como a dun cativo. Cun engadido, lonxe de referirnos á posibilidade de proxectar unha lectura adulta de contos para nenos, aquí a lectura adulta está tan presente como a infantil. Poucos, moi poucos e escollidos títulos deste xénero, fan gala dunha maxia tal».


X.M. Eyré - A NOSA TERRA

_____

Un dos deseños de Fernando Llorente que ilustran o libro.

UN PEQUENO FAVOR / FURAFOLLAS


Aos vinte e cinco anos da estrea de Un pequeno favor, feita en Barcelona polo grupo Terceiro Andar –coas interpretacións de Anxo Baranga, Mercedes García e Manolo García, quen morrería meses máis tarde con apenas vinte anos–, e despois dalgunha que outra posta en escena por rapaces de institutos galegos, o grupo Furafollas representou novamente esta peza de humor negro que no programa de man anunciaban como:

Unha historia de humor perverso, surrealista, absurda que bebe do teatro de Ionesco. Unha comedia delirante, esperpéntica, crítica e rupturista, non apta para nenos pequenos nin para cristiáns practicantes

Unha peza aceda, con chiscadelas ao cine negro, á mediática figura do psycho killer, aos clásicos do suspense e mesmo aos asasinatos entre veciños. Unha perfecta pescuda do crime imperfecto na que nada escapa da sátira demoledora que nos propón o seu autor.


Respecto do texto orixinal, a montaxe de Furafollas mantén as escenas das dúas personaxes masculinas, anteponlles un prólogo multimedia e suprime as da personaxe feminina (e con ela o desenlace da obra textual), producindo o que unha repórter definiu como «final forzado».


(Foto: Manolo García na versión de 1983)

COMEDIA / SÁLVAME!

A miña peza teatral Comedia foi adaptada, en formato de curtametraxe, no ano 2006 co título de Sálvame! Unha curtametraxe «de diálogos trepidantes» e «solidez narrativa e acerto formal», segundo algúns dos xurados que a premiaron en festivais.

A adaptación mantense fiel á obra orixinal. A maioría dos diálogos son os de Comedia, fóra das chamadas “palabras malsoantes”, engadidas polo adaptador baixo a discutíbel escusa de que dan naturalidade.

Proxectada en diversos festivais, atinxiu case cincuenta premios en todas as categorías (mellor curtametraxe por votación do xurado e do público, mellor interpretación masculina e feminina, mellor realización e mellor guión) e foi elixida (segundo información da páxina www.culturagalega.org) unha das cinco mellores curtametraxes do ano 2007 polo programa de Radio Nacional de España El séptimo vicio.


[Sálvame! está dispoñíbel en Vimeo e en Youtube]


 

HAY QUE MATAR A LOS PADRES


 

 
 
«Un libro de humor que te fai chorar coa risa (comprobado empiricamente)».
 
Rubén Valverde - A NOSA TERRA

 
 

COMEDIA


«Diálogos vivos, constantes, eficaces en boca da parella protagonista.
Na segunda parte, José Mondelo introduz o absurdo cun brillante humor grouchiano».

Carlos Fernández - TEATRO EN RED
-

O OLLO PECHO

«Unha historia desacougante, abafante, terrible... A antítese entre o senso ácrata
do mundo de Rauleme e a propia realidade obxectiva, é dicir, do xeito de entende-la realidade dos personaxes e dos lectores, resulta dunha eficacia sorprendente, inesperada».


Xavier Castro Rodríguez (?) – EL CORREO GALLEGO

___________


«A novela breve O ollo pecho é un dos mellores exemplos que se poden atopar de novela negra, (iconoclasta de escrita aceda e moi persoal, constrúe un discurso de estrutura case impecábel cun enxeñoso e acertado dominio da lingua, tanto de rexistros cultos como da xiria dos delincuentes urbanos)».

Historia da literatura - Ed. A Nosa Terra

___________


«O ollo pecho é desde todos os pontos de vista unha novela das máis orixinais que se teñen escrito nas últimas décadas».

Xosé Manuel Eyré – A NOSA TERRA

MARTÍN COUTINHO EN BUSCA DO SOL

«Martín Coutinho… é a primeira novela de aventuras escrita en galego. O estilo é directo, áxil, souril, o mesmo acontece cos diálogos e un humor lene percorre moitas das mellores páxinas».


Xesús González Gómez – A NOSA TERRA

______

 
(Anxo L. Baranga ilustrou este libro)

UN PEQUENO FAVOR

«Conxunto de relatos que supón unha radical innovación no panorama literario galego do momento.
O máis salientable do libro é o peculiar humor, a seriedade jardielponceliana, con que se aborda o absurdo, de escasos precedentes na nosa tradición literaria».

(DICCIONARIO DA LITERATURA GALEGA - Ed. Galaxia)

________


«Construído a base de múltiples xogos de palabras e tópicos que o autor manipula para conseguir, cun humor sarcástico, a disección de determinados comportamentos sociais.

A pesar dos esforzos da editorial (segundo a contraportada) por emparentar estes relatos coa tradición humorística galega, Un pequeno favor... aliméntase de estéticas moi heteroxéneas e utiliza estratexias novidosas no ámbito das letras galegas.
Nada escapa ao tratamento iconoclasta do autor: institucións sociais, comportamentos colectivos, determinadas ideoloxías, falsas imaxes e idealizacións da realidade».

(A NARRATIVA GALEGA ACTUAL 1975-1984 - UNHA HISTORIA SOCIAL , por X. González-Millán - Ed. Xerais)