IMBECILIDADES POLÍTICAS
CANDO OS MÉDICOS FUMABAN CAMEL
Tempos de locais con fumaredas espermáticas, cheiros recios, voces femininas á clara de ovo, pianos lambeconas, trompetas mingas e coxas de leite… E tamén de médicos amigos que fumaban e che ofrecían tabaco. Se un médico te convida a un pito, unha de dúas: ou o tabaco non é tan mao ou o médico é un cabrón.
(Reprodución gráfica collida de All-American Ads of the 40s [Jim Heimann, W.R. Wilkerson III])
A TRADICIÓN CULTURAL GALEGA
Lamentábase o grisallo do descoñecemento que moitos autores novos teñen da nosa tradición cultural, e desa teima de imitaren modelos de fóra.
«Máis que descoñecemento, eu chamaríalle desprezo», particularizou o segundo.
«É de vergoña», seguiu o outro, «cando tanto terían que aprender de escritores como Cunqueiro».
Deixei de escoitalos para matinar na causa da súa preocupación: a tradición cultural galega. De paso, antes de que se desen de conta, troquei o café que tomaba, elemento foráneo e frívolo, por unha enxebre cunca de Ribeiro, pois, aínda que o Ribeiro foi de sempre sospeitoso de alianzas transfronteirizas, ninguén lle pode negar a prosapia de tasca autóctona.
Se lles pedimos a varias persoas que nos precisen os modelos (imitábeis ou esquecíbeis) que ao seu parecer compoñen a nosa tradición, posibelmente darán contestacións moi dispares e nalgúns aspectos contraditorias. Pasaría como coa retranca, elemento característico do humor galego para moitos, e até aí imos ben, o problema comeza cando cada un debe explicar o que entende por retranca, pois as respostas son diferentes e na maioría dos casos aplicábeis ao humor de calquera país do mundo.
A primeiros dos anos cincuenta (século 20), a galaxia musical dun mozo da parte de San Clodio, no sul de Lugo, compúñana os gaiteiros de Trives ou Monforte, o acordeonista dos bailes, algunha cantiga do folclore local, a orquestriña da festa do santo padroeiro e o frouxísimo eco que chegaba dos aínda escasos e pouco escoitados aparatos de radio... Na mesma época, para un mozo de Astorga, a cento cincuenta quilómetros escasos de alí, o mundo musical constituíano os tamborileiros, as cantigas rexionais, as orquestras da festa local e a música española que lle viña da radio, do cine e dalgunha das compañías ambulantes de cupletistas, copleiros ou variétés (oh là là les variétés!) que actuaban en teatriños ou bares... Para un mozo de Nova York, naquel momento, a música era o jazz e as melodías americanas popularizadas por unha potentísima industria musical nas radios, teatro, cinema e televisión.
Tres universos, tres circunstancias, tres sensibilidades.
Hoxe un mozo de Nova York, un de Astorga e un de San Clodio, conectados na Internet, poden ter un substrato musical común de máis do setenta por cento (e pornográfico case seguro que tamén). Se isto non estandardiza, pois hai unha idiosincrasia local, que fai que un mesmo fenómeno se perciba en cada rexión de xeito distinto, e un filtro individual, que adapta o recibido á personalidade de cada quen, esa fonte común ten o seu peso.
Un incipiente escritor galego de hoxe, cando faga os vinte e cinco anos, pode ter lido cincuenta obras das que os tipos do bar integrarían na tradición cultural galega. No mesmo período terá visto máis de mil quiñentos filmes norteamericanos, a maioría deles nesa idade acrítica en que o cerebro é unha caixa na que se vai amoreando de todo ao chou.
Os filmes americanos, ou o cinema en xeral porque o padrón americano está asimilado na totalidade do planeta quitado en obras moi locais ou persoais, poden marcar o estilo e mesmo as temáticas do noso incipiente autor tanto por un efecto directo, o gran número de filmes vistos, como por un indirecto, a influencia do cinema americano na narrativa de autores foráneos que á súa vez poden actuar sobre o noso escritor.
Para este autor galego, cal é a tradición cultural que debe prevalecer á hora de crear? A composta polos elementos que el acumulou nos seus curtos anos de vida ou a que a sociedade da que procede forxou na súa ampla historia? (dito en versión popular de groseira retórica e fina síntese: de onde é vaca, de onde nace ou de onde pace?)
Os tipos do bar non tiñan dúbida: é de onde nace. Outros argumentarán que é de onde pace, porque o nacemento non se escolle e o pasto si.
E xa que nomearon a Cunqueiro, poderiamos nos preguntar: se Cunqueiro fose hoxe un autor de vinte e cinco anos, sería cunqueirián no senso que eles parecían darlle? Escribiría cantigas de amigo e as andanzas de Fanto Fantini ou andaría moi lonxe en formas e temas?
Chi lo sa!... O que está claro é que o Cunqueiro actual sería, por ser Cunqueiro, un elegantísimo estilista, un irónico retratista de tipos humanos (alleos e propios, presentes e pretéritos) e un escritor imaxinativo que non escribiría historias choromiqueiras con heroes de opereta sobre a guerra civil.
TERCEIRO ANDAR, UNHA HISTORIA SEN HISTORIA
Nos primeiros días de 1980, Aurelio Fariñas decide pór en escena a obra de Varela Buxán A xustiza dun muiñeiro. Para o elenco reúne socios que coma el tiñan colaborado noutras actividades teatrais do CG. Ao non dispor de xente dabondo, incorpora novos socios ao proxecto. Foi daquela cando entramos no grupo Eva Carral e Anxo Baranga, como actores, e mais eu, que me faría cargo da dirección da obra.
A raíz desa montaxe –na que empregamos efectos musicais, luces ultravioleta e tintas fluorescentes nun escenario de lixeiro esbozo simbolista (algo innovador nas representacións teatrais do CG, que até o momento consistiran en postas en escena tópicas con realistas decorados de aluguer, e máis innovador aínda se temos en conta que se trataba dunha obra do ruralista Varela Buxán)– acordamos a creación de TERCEIRO ANDAR*.
O grupo de teatro do CG tiña nome por primeira –e única– vez. Deixábase atrás a política teatral anterior de pezas costumistas ou do teatro cómico comercial español (o típico daquela nunha casa rexional) para apostar por un teatro en galego con textos propios ou traducións feitas por nós (Adonais perdoe os nosos pecados) en versión fiel ou libre, coidando desde os carteis anunciadores (algo tamén novo no CG) até o deseño de escenarios e postas en escena, onde non se esquecía que o teatro é unha obra plástica e se estudaba a utilización de luces e cores –isto último, as cores, unha teima miña e un aspecto moi neglixenciado mesmo polo teatro profesional– para crear a atmosfera axeitada.
Por unha desas trangalladas do destino, TERCEIRO ANDAR atopou o seu carreiro grazas á mesma persoa que nos reunira: o Fariñas. Foi un sábado en que tiñamos programadas as representacións de Pedido de casamento (obra que mais adiante fariamos con Xoán Xil, home nervioso pero de gran potencial cómico) e outra obra curta. O principal actor da primeira era o Fariñas, quen, ás nove da mañá dese sábado, nos comunicou a súa innegociábel resolución de non actuar aquela noite. Representar unicamente a segunda peza era imposíbel, pola súa brevidade, e suspender o acto provocaría que a moita xente que daquela viña ás funcións teatrais se desprazase para nada, pois non había maneira de avisalos con tempo. Cancelar a actuación tiña por cima o inconveniente de que nos deixaba mal diante da xunta do CG, unha parte da cal non nos vía con bos ollos. Daquela, botei man da miña experiencia como creador de sketchs humorísticos (todos temos un pasado) e escribín dous que puidesen servir de base para un espectáculo de media hora co que completar a sesión.Cando ás catro da tarde lle anunciei ao grupo que actuaríamos aquela noite, desatouse o pánico. Expliqueille ao Baranga a liña dos sketchs e comezamos a desenvolvelos e perfeccionalos. Ás seis pasamos a ensaialos cos actores.
A falta de fe era total e os cuba-libres corrían nos intervalos dos ensaios, algo que podía ser bo, se producían unha bebedeira eufórica que os desinhibise no escenario, ou unha calamidade, de ser a chea depresiva. Así foi como me encontrei dirixindo a media ducia de alcohólicos, unha desas experiencias emocionantes e interesantísimas que con vivilas unha vez ben lle chega.
Aquela improvisación forzada, Circo!, foi un éxito.
A partir dese día TERCEIRO ANDAR combinou montaxes de obras para rapaciños e adultos (as mellores críticas foron para Interpretando a Karin –do brasileiro de orixe xudeu Arieh Chen, que morrera en Xerusalén tres anos antes–, na que Baranga e María Jesús García fixeron un traballo óptimo) con teatro de rúa. Entre os proxectos de futuro había teatro de cabaré e unha curtametraxe da que chegamos a escribir as dúas primeiras escenas nunha tarde chea de risos, como tantas tardes daquela época.
En guerra máis aberta, algúns membros da xunta comezaron a espallar a andrómena de que TERCEIRO ANDAR non era un grupo do CG, sen xustificaren como, de ser certo, o CG financiaba un grupo teatral que non era da casa. Tiñan o cerebro que tiñan, tampouco se lles podía pedir dous pensamentos á vez.
Meses despois o CG publicou un traballiño sobre a historia do teatro no Centro. A TERCEIRO ANDAR non o amentaba. Segundo os datos daquel informe, que se habían prolongar na páxina web até o día de hoxe, do ano 1980 ao 1983 o teatro non existiu no CG. Pénsese, para comprender a ruindade e má fe dos autores, que nunca nun período tan curto houbo alí tantas e tan diferentes representacións teatrais como as que fixo TERCEIRO ANDAR en menos de catro anos.
Coa chegada á presidencia de Olegario Sotelo Blanco (home a quen tanto lle debo), que en 1983 editara a miña obra Un pequeno favor, ben acollida por crítica e lectores –polo que supuña de texto completamente distinto ao que naquel momento se facía e por ser un libro puramente de humor, xénero tan deficitario na nosa literatura–, a información da páxina web podería corrixirse. O Sotelo colaborara na proxección de TERCEIRO ANDAR, posibelmente o que fora o grupo de teatro máis orixinal e vangardista en toda a historia da emigración galega en calquera país, e que posteriormente, en Barcelona, serviría de xerme, alicerce e guía para outros grupos que aínda perduran. Mais o Sotelo, que, como bo construtor, ten maior fraqueza polas luminarias e os santóns que polos dinamiteiros, deixou a información como estaba.
* Logo souben que en Polonia había naqueles días un grupo teatral co mesmo nome.
FOTOS:
1 - Baranga e Xoán Xil en Pedido de casamento.
2 - Eva Carral e José Antonio González durante unha lectura de A Xustiza dun muiñeiro.
3 - Carmen Boixet nun ensaio de As mazás de D. Abundio.
4 - María Jesús García en Interpretando a Karin.
5 - Sara
Sanjurjo en As
mazás de D. Abundio.
UN PEQUENO FAVOR / DESPARPAJO

Antonio E. Martínez, director da montaxe, fixo a tradución de UN PEQUENO FAVOR, que interpretaron os actores Javier Díaz e Javier García (na foto) xunto con Laura Dopico.





