O GALEGO DA GALEGA

Para se referir aos roubos que en argot policial se coñecen como sirlas, aqueles en que o asaltante pon unha navalla no pescozo do asaltado, xeralmente baixo a queixada, que non é o punto máis perigoso aínda que si moi sensíbel para percibir a picadura do ferro, a prensa española popularizou a expresión Robo a punta de navaja. Por similitude e contaxio aparecería despois a forma incorrecta Robo a punta de pistola, incorrecta porque no caso das pistolas o elemento ameazante non é ningunha punta. Estes dous hispanismos, alleos ao galego e ao portugués e por tanto impropios, foron traducidos á nosa lingua e aparecen adoito na prensa e en obras de ficción.

O outro día deuse nun telexornal da Televisión galega un caso curioso, como se pode ver nesta imaxe pertencente ao mesmo. 

Mentres que na locución empregaban, para falar do asalto a un banco, o españolismo a punta de pistola, nos rótulos da parte inferior da imaxe aparecía a denominación correcta en galego e portugués para ese xeito de cometer o delito: á man armada.

Un roubo á man armada pode ser con calquera tipo de arma, mais, convencionalmente, enténdese que se trata dunha arma de fogo.

Ás veces, para precisalo mellor, recórrese as expresións armado de pistola ou pistola en man, expresión esta que, como se pode ver, se lía no rótulo do Galicia Noticias, en tanto que na locución porfiaban co hispanismo a punta de pistola.

A estes dous rótulos aínda lles sobra un españolismo.

En galego e portugués, atracar é o que fan os barcos e non ten relación con ningunha modalidade de roubo. O substantivo atraco non existe nin en portugués nin en galego (aínda que si aparece nos dicionarios de galeñol).

Para evitalo, chegaría con dicir:

Roubo á man armada na Caixa Rural. A garda Civil busca o asaltante, que levou polo menos 60.000 euros.

Buscan o asaltante que armado de pistola roubou case 90.000 euros nun banco.

(Obsérvese que o asaltante perdeu 30.000 euros na hora que decorreu entre as dúas informacións)

Coa querenza que os xornalistas lle colleron aos hispanismos a punta de navalla e a punta de pistola, non me estrañaría que un día destes comecen a referirse ás violacións como Asaltos a punta de nabo ou Asaltos a punta de pirola.