O RUDO HUMOR RUSO

«Condenamos firmemente o emprego da forza por parte do Estado de Israel (contra o Irán), en violación da Carta das Nacións Unidas e do dereito internacional.»

«Os ataques militares non provocados contra un membro soberano da ONU, os seus cidadáns, cidades pacificamente durmidas e infraestruturas de enerxía nuclear son rotundamente inaceptábeis

Quen dixo isto?

Pois os rusos, autores dun ataque militar contra o país soberano de Ucraína, os seus cidadáns –dos que xa asasinaron miles–, as súas cidades pacificamente durmidas e as súas infraestruturas. E dixérono ao día seguinte de facer varios ataques nocturnos contra a poboación civil, que constitúe o seu albo habitual.

Para perfeccionar máis a cousa, Putin, agresor e causante da guerra con Ucraína, país que xa admite abertamente que quere conquistar enteiro (por se non estaba claro desde o primeiro día da invasión), ofreceuse como mediador para solucionar o conflito armado israelo-iraniano.

Decididamente, Staley Kramer tiña razón: This is a mad, mad, mad, mad world.

CANS E NENOS

Din que as familias de Ourense xa teñen máis cans ca nenos.

Paréceme unha decisión intelixente, porque se ben é verdade que, en caso de fame negra, un rapaz, debidamente fileteado e envasado  ao baleiro, dá para comer máis días, non menos verdade é que as autoridades acostuman pór menos pegas cando se fai iso mesmo cun can.

VOCÁBULOS MAXISTRAIS

Algunhas palabras foron tan ben paridas que non precisan de explicacións adxacentes.

Por exemplo:

Estapafurdio

Unha palabra que, aínda que ignores o que significa, chega con lela para saber que iso non pode ser nada bo.

PROPORCIONALIDADES

Curiosamente, o grande interese que nas últimas
décadas senten os países occidentais polo pobo palestino, sempre foi inversamente proporcional ao que senten os países árabes daquela zona.