O GALEGO DA GALEGA

Para se referir aos roubos que en argot policial se coñecen como sirlas, aqueles en que o asaltante pon unha navalla no pescozo do asaltado, xeralmente baixo a queixada, que non é o punto máis perigoso aínda que si moi sensíbel para percibir a picadura do ferro, a prensa española popularizou a expresión Robo a punta de navaja. Por similitude e contaxio aparecería despois a forma incorrecta Robo a punta de pistola, incorrecta porque no caso das pistolas o elemento ameazante non é ningunha punta. Estes dous hispanismos, alleos ao galego e ao portugués e por tanto impropios, foron traducidos á nosa lingua e aparecen adoito na prensa e en obras de ficción.

O outro día deuse nun telexornal da Televisión galega un caso curioso, como se pode ver nesta imaxe pertencente ao mesmo. 

Mentres que na locución empregaban, para falar do asalto a un banco, o españolismo a punta de pistola, nos rótulos da parte inferior da imaxe aparecía a denominación correcta en galego e portugués para ese xeito de cometer o delito: á man armada.

Un roubo á man armada pode ser con calquera tipo de arma, mais, convencionalmente, enténdese que se trata dunha arma de fogo.

Ás veces, para precisalo mellor, recórrese as expresións armado de pistola ou pistola en man, expresión esta que, como se pode ver, se lía no rótulo do Galicia Noticias, en tanto que na locución porfiaban co hispanismo a punta de pistola.

A estes dous rótulos aínda lles sobra un españolismo.

En galego e portugués, atracar é o que fan os barcos e non ten relación con ningunha modalidade de roubo. O substantivo atraco non existe nin en portugués nin en galego (aínda que si aparece nos dicionarios de galeñol).

Para evitalo, chegaría con dicir:

Roubo á man armada na Caixa Rural. A garda Civil busca o asaltante, que levou polo menos 60.000 euros.

Buscan o asaltante que armado de pistola roubou case 90.000 euros nun banco.

(Obsérvese que o asaltante perdeu 30.000 euros na hora que decorreu entre as dúas informacións)

Coa querenza que os xornalistas lle colleron aos hispanismos a punta de navalla e a punta de pistola, non me estrañaría que un día destes comecen a referirse ás violacións como Asaltos a punta de nabo ou Asaltos a punta de pirola.

O AQUECEMENTO GLOBAL

Sobre iso do aquecemento global esaxérase unha barbaridade. Por exemplo, a min, ver unha muller espida, déixame moito máis frío que hai vinte anos.

A PÉRFIDA SIÓN

Vendo o numeroso e ardente acollemento que houbo nalgúns aeroportos a quen participaron na flotilla Global Sumud a Gaza, diríase que en vez de acabar de chegar dunha viaxe enteiramente predicíbel, pois xa se sabía que á arribada os deterían para deseguido devolvelos a orixe, a moitos deles de moca (que sorte, carallo!), acababan de voltar da fronte de Stalingrado ou de facerlle morder o po á pérfida Sión.

A ARTE RELIXIOSA

 A arte relixiosa xa non é o que era.

ÓSCAR PUENTE, O INCIDENCIAS

O ministro de Transportes, Óscar Puente, declara que os problemas, incidencias e atrasos nos trens españois continuarán outros dous anos. Do cual se deduce que Óscar Puente será ministro de transportes dous anos máis.

OS PERIGOS DA MUDANZA CLIMÁTICA

Prensa:

Información número un:

«Debido á mudanza climática, os incendios forestais aumentarán máis dun 30% nos vindeiros anos».

Información número dous:

«Sospéitase que máis do 80% dos incendios forestais son intencionais.»

Conclusión:

Nos vindeiros anos, a mudanza climática terá unha incidencia sobre o cerebro dos pirómanos forestais que os levará a actuar un 30% máis de veces.

TARDOFRANQUISTAS

Quen lle había dicir a Franco que as súas falacias históricas:

«Os nosos tradicionais amigos árabes»

«A conxura xudía»

atoparían unha aceptación tan entusiasta entre a mocidade e políticos esquerdistas do futuro e que, cincuenta anos despois da súa morte, as bandeiras árabes ondearían nos eventos deportivos españois.    

ARDE LUCUS

 Facer festas ao grande, está ben. Pero este ano, co

ARDE LUCUS

pasáronse unha chisca.

BOAS NOVAS

 

 

Leo que a Intelixencia Artificial podería desencadear, dentro de dous ou tres anos,
unha guerra suicida para a humanidade.

Vaia, por fin unha nova esperanzadora!

A SUSCEPTIBILIDADE DAS FILLAS DO SÉCULO

Pardo de Vera denuncia diante do xuíz o trato de Koldo: 


«Mentiu sobre min e chamoume 'bonita'».

Porque mentise chamándolle bonita, tampouco é para pórse así.

RENDEMENTO COGNITIVO, ETC.

 

Lido en Internet, sobre as propiedades das noces pecanas:

«Se algo ten en común a familia das noces, é a súa forma cerebriforme, o cal nos dá unha pista infalíbel: son boas para o noso rendemento intelectual».

 

É o que ten a natureza, que ves os cogombros, as cabaciñas e as bananas, e coa súa feitura xa lle dan unha idea do rendemento que melloran.

O RUDO HUMOR RUSO

«Condenamos firmemente o emprego da forza por parte do Estado de Israel (contra o Irán), en violación da Carta das Nacións Unidas e do dereito internacional.»

«Os ataques militares non provocados contra un membro soberano da ONU, os seus cidadáns, cidades pacificamente durmidas e infraestruturas de enerxía nuclear son rotundamente inaceptábeis

Quen dixo isto?

Pois os rusos, autores dun ataque militar contra o país soberano de Ucraína, os seus cidadáns –dos que xa asasinaron miles–, as súas cidades pacificamente durmidas e as súas infraestruturas. E dixérono ao día seguinte de facer varios ataques nocturnos contra a poboación civil, que constitúe o seu albo habitual.

Para perfeccionar máis a cousa, Putin, agresor e causante da guerra con Ucraína, país que xa admite abertamente que quere conquistar enteiro (por se non estaba claro desde o primeiro día da invasión), ofreceuse como mediador para solucionar o conflito armado israelo-iraniano.

Decididamente, Staley Kramer tiña razón: This is a mad, mad, mad, mad world.

CANS E NENOS

Din que as familias de Ourense xa teñen máis cans ca nenos.

Paréceme unha decisión intelixente, porque se ben é verdade que, en caso de fame negra, un rapaz, debidamente fileteado e envasado  ao baleiro, dá para comer máis días, non menos verdade é que as autoridades acostuman pór menos pegas cando se fai iso mesmo cun can.

VOCÁBULOS MAXISTRAIS

Algunhas palabras foron tan ben paridas que non precisan de explicacións adxacentes.

Por exemplo:

Estapafurdio

Unha palabra que, aínda que ignores o que significa, chega con lela para saber que iso non pode ser nada bo.

PROPORCIONALIDADES

Curiosamente, o grande interese que nas últimas
décadas senten os países occidentais polo pobo palestino, sempre foi inversamente proporcional ao que senten os países árabes daquela zona.