OS PROPÓSITOS DE ANINOVO

Nunca entendín a falla de autodisciplina desa xente que fai plans a realizar no ano entrante para despois abandonalos ás dúas semanas.

A min nunca me pasou. O único que cómpre para atinxilo é ter unha mínima forza de vontade. Por exemplo, para este ano que comeza, o 2025, eu fíxenme o firme propósito de NON aprender alemán. Sei que terei que esforzarme algo, mais estou seguro de que o vou conseguir.

VIGO: SOCIOLOXÍA DE PETO

Se camiñas polas rúas de Vigo calquera día a calquera hora, tes moitísimas máis probabilidades de ouvir a alguén falando español con acento arxentino que de ouvir a alguén falando galego.

MINORÍAS

 A estas alturas hai quen segue a confundir respectar as minorías con deificalas.

CANDO A VIDA É CASE FERMOSA


 Ai, eses restaurantes de espléndidas vistas e manxares gustosos nos que tes a impresión de que a vida é magnífica... até que che traen a conta.


INTELIXENCIA ARTIFICIAL

Valéndose da intelixencia artificial, en menos de setenta segundos escribiu un magnífico artigo denunciando o fraude que supón o emprego da intelixencia artificial para escribir artigos.

A ARAÑA VIOLINISTA

Leo nun xornal que chegou a España a araña violinista.

Agora só hai que agardar a que cheguen a araña acordeonista, a araña gaiteira e a araña do tamboril e xa temos un grupo de folk.

OS DEREITOS DOS VIAXEIROS DA RENFE

Na lista dos dereitos dos seus viaxeiros, a Renfe sempre esquece pór o primeiro deles:

O dereito a chegar á hora convida.

LINKEDINITE

Os datos que sobre os autores publican alguhas novelas, cada día parécense máis a unha páxina de LinkedIn.

HUMOR EN TEMPOS DE MORTE

Descubro nun xornal israelita unha especie de broma sobre a necesidade de que as mulleres dese país durman, mentres dure a ameaza dun ataque sorpresa aéreo por parte de Irán, co sostén (en galego subdialectal: suxeitador) posto.

Causa? Porque o tempo previsto para baixaren ao refuxio do edificio en que moren vai dos sesenta aos noventa segundos, e a demora por entreterse vestindo esa prenda podería resultar fatal.

E aquí comezan as dúbidas. 

Nun transo así, ten algunha importancia vestir ou non sostén? Por que habería de pórse? Talvez por aquel vello consello que recomendaba levar a roupa interior sempre limpa e en orde para, en caso de accidente, non ter que se avergoñar diante de estraños? Ou é porque os pequenos detalles de coquetería se deben conservar até nos peores instantes? Unha especie de, como cantaba a nena, antes muerta que sencilla.

A pseudocontroversia provocou a crítica dos rigorosos, que lembraron que nunha situación tan crítica para o país como a actual, ese xénero de frivolidades está fóra de sitio.

Dous vellos puntos de vista. O de quen pensan que a morte é algo moi serio co que non se debe chancear nunca e o de quen opinan que, se hai que morrer, mellor facelo rindo que chorando.

HOMENAXES

 As homenaxes deberían durar trinta minutos como moito, tempo que máis ou menos cómpre para lembrar as virtudes do ente deificado. A partir de aí comezan as repeticións, o desvarío e as baballadas. 

MÁIS PREMIOS

 

Actualmente hai tantos premios, que ninguén está libre de que nun momento de descoido lle dean un.

PREOCUPADO POR MADELEINE McCANN

Ando moi preocupado. Estamos a primeiros de xuño e o procurador público alemán Hans Christian Wolters aínda non resolveu a desaparición de Madeleine McCann no Algarve en 2007. 

Non o acabo de crer! Outros anos, a estas alturas, xa a resolvera tres ou catro veces.


 

CARAS QUE NON MENTEN

Ao ver a expresión destas tres caras, comprendín por primeira vez o que debían sentir quen se sentaban diante dun tribunal da Inquisición.


O COMITÉ OLÍMPICO REUNIDO DE URXENCIA

A política Ione Belarra acaba de pedirlle ao goberno que España non participe nos xogos olímpicos de París se o fai Israel.

Ante esta proposta, o Comité Olímpico Internacional reuniuse urxentemente e creou un gabinete de crise para estudar a evolución dos feitos.

Ao ser España a máxima potencia deportiva mundial a nivel olímpico, en caso de que finalmente decidise non participar, o COI consideraría a posibilidade de suspender a celebración das olimpíadas este ano, pois, como manifestou un alto membro dese comité:  Uns xogos olímpicos sen España non terían interese ningún. Serían como unha tortilla sen ovos ou unha cunilingua sen lingua nin cona. 

Ah, Ione Belarra, por se alguén non o sabe, é esa política que celebra os seus mitins electorais no interior dunha cabina de teléfonos, que é o espazo que precisa para meter o conxunto dos seus electores comodamente sentados.

DEFININDO OS BEST SELLERS

  

 «Un best seller é un libro xeralmente malo que se vende moi ben. Grazas a iso, o editor pode publicar outros libros igualmente malos pero que non se venden».

                      Robert Sabatier

PAUL AUSTER

O autor dun artigo sobre a morte de Paul Auster atopa algunhas similitudes entre a obra deste e a de Franz Kafka.

Tendo en conta que Kafka era un xudeu asquenazí de expresión alemá nacido en Praga, e que, aínda que nado nos Estados Unidos, Paul Auster era un xudeu descendente de pais asquenazís austríacos de lingua alemá, a uns quiñentos quilometros de Praga, algunha similitude tampouco é moi de estrañar.

A INCOMPRENSÍBEL PSICOLOXÍA DOS OBREIROS.

Os obreiros non hai quen chos entenda.


O día primeiro de maio bótanse á rúa tan felices.

E despois, cando un empresario, para facelos felices, os bota á rúa, póñense a protestar.

En fin, a típica incoherencia das clases baixas.

GIGI L'AMOROSO

                       (Banda sonora a escoitar co artigo: youtube.com › watch?v=L891xRMCV_Q)

Encántanme esas manifestacións madrilenses de loa ao líder, promovidas dun xeito espontáneo polas clases máis humildes (económica e mentalmente), que son ás que lles cómpre un líder, pois as clases potentadas (económica e intelectualmente) cos líderes limpan o cu.

Chegados á capital do reino, nos autobuses espontaneamente alugados cincuenta horas antes, pois as cousas espontáneas convén preparalas con tempo, xúntanse en Ferraz, na praza de Oriente ou noutro punto, segundo raza e pelaxe, xa que os borregos de cada rabaño teñen as súas manías á hora de elixiren o prado no que pacer.

A última destas manifestacións espontáneas foi o sábado 27 de abril. O propósito era expresarlle o seu arrimo, antes chamado adhesión inquebrantábel, ao líder máximo, o gran Gigi o amoroso, cantándolle a súa canción: 

Gigi o amoroso, conquistador,

ollar de veludo como unha caricia.

Gigi o amoroso, sempre vencedor,

ás veces sen corazón

mais non sen dozura.

Escóitaos, Gigi. É o teu pobo. Viñeron (espontaneamente) para te aclamaren. Para pedírenche que non te vaias, que non os deixes orfos.

Míraos, Gigi, están todos aí por ti, os guiñois mecánicos e as Maríamagdalenas en bágoas. E tamén os cinco autocares do Inserso que por un erro rematan sempre neste tipo de concentracións.

Encántanme estas manifestacións espontáneas de loa ao líder. O que non comprendo é porque aínda non as declararon festexo de interese nacional.

 

 ___________

1 – Nota respectuosa para o estimado Xosé M. Eyré: Borrego e guiñol  son lusismos, non castelanismos.

2 – Nota retrospectiva: na versión española desta canción do 1974, a viúva do coronel, que aparece na letra orixinal entre as mulleres admiradoras do Gigi, foi trocada por a viúva do concelleiro.

A DIMISIÓN DE PEDRO SÁNCHEZ (OU DAS PEQUENAS FARSAS PARA TEMPOS DE CRISE)

Toda españa sen alento á agarda de saber se finalmente dimitirá Pedro Romeo Sánchez o luns que vén.


 Non é para menos, porque deducir se un político que leva anos loitando por manterse no poder e agarrándose a el con uñas e dentes vai dimitir, resulta un enigma case tan complexo de resolver como o de saber se despois do luns virá o martes.

DEFININDO OS FRANCMASÓNS

«Un francmasón é alguén demasiado snob para ser católico e sen clase dabondo para ser xudeu».

Gaspard Proust nunha vella emisión de televisión xa desaparecida.