Na Rusia postsoviética, coas mafias político-económico-criminais impóndose no país, algúns oligarcas deciden buscar un home enérxico, ao gusto do pobo ruso, para que dirixa a nación, poña orde e, de paso, defenda os intereses dos oligarcas que lle van dar o poder.
Escollen un home dos Servizos de intelixencia, Putin, pola súa experiencia e carácter, ao que esperan ir axeitando para que exerza o papel que para el teñen previsto.
O problema máis importante naqueles días constituíano os Chechenos, quen, para atinxiren a independencia da súa república, levaran o terrorismo a Moscova causando centos de mortos ao voaren edificios civís.
Cando os asesores lle advirten ao elixido que ande con ollo con ese asunto, pois xa lles complicou o mandato aos seus antecesores, el responde que solucionará o problema porque vai combater os chechenos, mais non ao estilo americano, con ataques cirúrxicos a obxectivos determinados, senón cunha guerra tradicional, é dicir: unha guerra sen prensa na que calquera individuo ou propiedade será un obxectivo bélico e os posibles danos colaterais non se terán en conta.
Quen o escolleron comezan a comprender que o monicreque que crearon axiña romperá as cordas e que, no futuro, oporse aos seus desexos vai resultar perigoso e mortal.
Interesante novela sobre as comenencias, os intereses, as mentiras e as manipulacións do poder escrita por un autor con experiencia no tema.
Segundo un criterio bastante xeralizado, Le mage du Kremlin debeu levar o premio Goncourt do 2022. A liga da igualdade e bos costumes decidiu, conforme aos tempos de posturismo que corren, darllo a Brigitte Giraud por Vivre vite, obra definida por un membro do xurado como unha noveliña de pobre escritura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario