A XÉLIDA GALICIA E AS GALEGAS PEQUENIÑAS

 A imaxe de Galicia non está nun gran momento en Francia. Despois da sombría visión de O que arde, seguida da de As bestas, onde os túzaros aldeáns autóctonos se opoñen ás ideas progresistas dos estranxeiros, debido, penso eu, a que a Xunta non se ocupou de pagarlle á cantina da aldea unha subscrición ao New York Times, e por tanto non tiñan acceso à Biblia que predica o evanxeo do becerro moderno (os dous filmes están producidos parcialmente por Francia), súmase agora a novela de María Larrea Les gens de Bilbao naissent où ils veulent (Os de Bilbao nacen onde lles peta).

A novela conta a historia da Maria, unha rapaza parisiense filla dunha galega e dun vasco emigrados en París, e comeza narrando a súa orixe por liña materna.
A avoa, que habita na ría do Ferrol, fronte desta cidade, colle un polbo nas rochas e marcha cara ao búnker de formigón que lle servía de casa (os textos en grosa son traducións literais da novela; as frases ou palabras en español aparecen así no orixinal). E ía cos brazos nus malia o frío de xaneiro, ese frío invernal, húmido e asasino das costas galegas

A autora debe situar o literal galego á altura de Escocia. Sorprende máis a nota meteorolóxica tratándose dunha parisiense. Por curiosidade consultei a humidade e temperatura do día en que lin esas páxinas, 27 de xaneiro de 2023. Humidade no Ferrol: 75%. Humidade en París: 88%. Temperatura mínima no Ferrol: 7º. Temperatura mínima en París: 2º cunha sensación térmica de 0º. Se o inverno da costa galega é húmido e asasino, París debe ser o corazón de Siberia.

A avoa está grávida. Ao comezar a mallar o polbo sente as primeiras contraccións, mais segue co choio até que as dores llo impiden. Daquela chama polo seu único fillo, que era deficiente mental, para que vaia buscar a parteira coa agarimosa exhortación: ¡Date prisa imbécil! 

A parteira chega e ponse de xeonllos ante a mai, que está de pé coas pernas abertas, pídelle que puxe e dun golpe expulsa a criatura. 

Comunícalle que se trata dunha nena. A mai, que esperaba un fillo, un de verdade, un forte e non iso. Non unha rapaza, dille que lla leve ás monxas, que ela non a quere.

A parteira saca do peto do mandil un coitelo de folla denegrida, corta o cordón, envurulla a nena nun pano e entrégalla á recepcionista do convento con esta explicación: A miña veciña non a quere, non ten cartos, o seu home está no mar e o seu único fillo é tonto

A monxa faise cargo da nena sen ningunha pregunta nin obxección porque, dado que estaban a finais dos anos corenta, época aínda de fame, debeu pensar: «Carallo, que sorte: outra boca que encher». As autoridades parece que tampouco pintaban nada nun asunto de abandono de fillos.

Como a gran pobreza da rexión non atraía pais dispostos a adoptar, Victoria, a nena que logo será a mai da protagonista, ficou no convento malia que tiña un físico fóra do común. Unha ollada de cine. Unha beleza divina. Era simplemente irresistíbel. Aínda que tamén era baixiña, como todas as galegas. Seica en estatura estamos por debaixo da media nacional.

Aos dez anos a súa mai véna buscar para que volva á casa. Alí ve que ten dez irmáns. 

O seu pai, pescador embrutecido pola augardente, desexábaa. Victoria sacrificábase sobre o altar do desexo paterno pensando así librar os seus irmáns dos mesmos asaltos.

Antes había a falsa idea de que o habitual nunha familia era que o pai e a mai se levasen máis ou menos ben, que loitasen por saír adiante e por educar os fillos o mellor que sabían, que ás veces non era moito, e por darlles estudos na medida das súas posibilidades para que tivesen unha vida mellor ca deles. Agora vemos que non era así. Nas familias, o habitual era que o home mallase na muller da mañá á noite e que as fillas fosen violadas polo pai, os avós, os irmáns, os tíos, os curmáns até o terceiro grao e por un afiador de Caldelas que pasaba por aló. Hai unha especie de literatura que comeza a lembrar eses diálogos das salas de espera dos centros médicos, onde os pacientes rivalizan entre eles para ver quen tivo máis e máis calamitosas doenzas. 

Por sorte, cando Victoria se arredaba da familia paseando, case que levitaba. Mentres cantaba unha canción galega que falaba do vento, das nubes, dos rochedos, da soidade e do mar, ela convertíase en xigante. Xuntábase daquela coa súa amiga Rosalía, as dúas vestidas de negro. Rosalía aprendíalle a Victoria o seu dialecto, porque no convento o galego estaba prohibido, razón pola cal se sentira dobremente estranxeira ao retornar xunto á horda familiar, no medio de descoñecidos que ladraban esa lingua descoñecida e antiespañola. (Dous contrasentidos. Un: as frases da mai e da parteira aparecen en español na novela. Dous: se na familia falaban todos galego, non precisaba ningunha amiga que llo aprendese).

Vai a San Andrés de Teixido, porque quen non van de vivos deben ir de mortos transformados en réptiles. E collía moita herba de namorar (as únicas palabras en galego que hai na novela) para facer ramiños. 

Malia as olleiras, os ataques do vinagre, do bicarbonato e da lixivia, a moza galega conservaba unha beleza luminosa, case que irreal. Tanta que, posteriormente, e xa en París, un descoñecido a para na rúa para expresarlle a admiración pola súa fermosura, e ese descoñecido era nin máis nin menos que Jean Marais, o daquela aínda mundialmente célebre actor. Dobre mérito, tendo en conta que Marais era homosexual.

A galega Victoria casa co vasco e teñen unha filla, María, a protagonista da novela. Filla à que unha botadora de cartas lle revelará que é adoptada. Aí comeza a segunda parte, na que a protagonista busca os pais biolóxicos. 

Unha anécdota: a actriz Mireille Darc contaba no seu libro Mon père que fora unha médium a que lle revelara a identidade do seu pai biolóxico.

Esta é unha novela de vocabulario variado en diferentes rexistros e lectura agradábel, malia o quilo de tópicos que contén e a imaxe primitiva que dá de Galicia.

EXPERTOS IGNORANTES

Primeiro co asunto da Covid e agora co da guerra en Ucraína, puidemos comprobar na radio, prensa e televisión o gran número de expertos ignorantes que hai en ambos temas.

BUCZACZ, GALICIA

Shmuel Yosef Agnon

Volvendo á débeda da literatura coa Galicia austrohúngara-rusa-ucraína-polaca, que amentaba no artigo GALICIA / GALICIA,  lembro agora o caso da pequena vila de Buczacz, da que, ademais de Simon Wiesenthal, o soado perseguidor de criminais nazis, saíron cinco ou seis escritores, entres eles Shmuel Yosef Agnon, o primeiro escritor de Israel que gañou un premio Nobel.

Buczacz era unha pequena vila histórica cunha poboación maioritariamente xudía (un 50%), ademais de polonesa (30%) e ucraína o resto. Na Segunda Guerra Mundial, os seus habitantes xudeus foron totalmente exterminados (uns 8000) polos nazis coa colaboración dos ucraínos. Estes últimos, tras o asasinato dos xudeus e a fuxida da poboación polaca, temerosa das limpezas étnicas dos nacionalistas ucraínos, poboaron a vila, apropiándose das casas e pertenzas de xudeus e polacos, e aló seguen.

 Shmuel Y. Agnon, foi quen dixo aquilo de: 

Hai dous tipos de oradores: os que antes de falar xa se sabe o que van dicir e os que despois de falar aínda non se sabe o que quixeron dicir.

SOAMENTE UNHA VEZ - ECOS

«Soamente unha vez (…) é unha novela ben distinta ás que adoito ler do xénero policíaco, e por iso que ao rachar as miñas expectativas e por ser diferente, a vou recomendar».


Da reseña de Carmen S.A. en:

leeryrecomendar.com


[A foto adxunta, co libro, a escopeta, o coitelo e o anel, pertencen á mesma web]