TEIMA COMPARATIVA

Escribía o humorista Pierre Dac que debemos desconfiar dos restaurantes que na porta anuncian: «Aquí cómese como na casa». Para comer como na casa, opinaba el, non fai falla andar saíndo a gastar os cartos fóra.

Lembrei a frase lendo o texto de promoción dunha novela publicada recentemente, onde se nos di, para gabar o estilo do autor, que nel se aprecian as pegadas de tres ou catro grandes novelistas do século vinte.

Para ler unha prosa que lembra a de Saul Bellow, mellor prescindir de intermediarios e gastar a pasta directamente nunha novela de Bellow, autor interesante, sobre todo se un sente curiosidade polas vicisitudes da vida dos xudeus emigrados a Norteamérica na primeira metade do século vinte procedentes de Europa.