Má hostia ten o Concello de Lugo, eh! Mira que foron plantar diante da porta da Axencia Tributaria.
"SOAMENTE UNHA VEZ" - Crítica de R. Nicolás
UN POLICIAL DIFERENTE
«Soamente unha vez», de José Mondelo, é unha proposta policial que subverte as normas do xénero (...), pois alén de nos conducir polo proceso que leva á resolución dun caso de asasinato hai, ao mesmo tempo, un exercicio de reconstrución biográfica referida ao atípico inspector Paiana, respecto do que se evoca a súa infancia mais tamén, e con moita atención, as súas experiencias profesionais vinculadas cos servizos de intelixencia destinados a combater o terrorismo en Francia.
(...) Dun ou doutro xeito recréase así a visión do mundo que abraza e defende; aquela que abala entre o escéptico e o retranqueiro, entre cultivo dun aquel de cinismo e de certo machismo. Aínda así hai igualmente espazo para se recrear en diversas consideracións, pouco transitadas ou canónicas no xénero, que pivotan entre as dinámicas desmitificadoras do traballo policial e os clixés que, de maneira inconsciente, sempre se asocian a aquel.
A enxeñosa resolución do caso —talvez entre o máis salientable da proposta por imprevisible e inesperada—, alén dun rexistro lingüístico excelente e un ritmo narrativo áxil, fóra do devandita vontade de afastarse de certos tópicos do xénero —tantas veces transmitidos polo cinema, ao que se alude con recorrencia nesta novela— son factores que cómpre situalos, non teño dúbida, no haber desta novela policial diferente.
Ramón Nicolás
Publicado en La Voz de Galicia
Texto completo:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/fugas/2022/05/06/policial-diferente/0003_202205SF6P6992.htm