Dinme un par de lectores que, en Soamente unha vez, son excesivamente crítico coa verosemellanza das novelas policiais.
Na novela policial, como nas demais novelas, hai autores que senten un gran respecto polo lector, e coidan a verosimilitude, e outros que pensan que o lector traga co que lle boten e polo tanto non hai necesidade de se eslombar.
A credulidade do lector vén ás veces dada polo descoñecemento do tema tratado, e resulta comprensíbel. Tomemos como exemplo unha novela detectivesca que se publicou hai uns anos. Se alguén fixese na vida real o que fai a protagonista desa novela, antes de setenta e dúas horas estaría detido e posto a disposición xudicial por un delito continuado e gravísimo de ocultación de probas e obstrución á xustiza. Obviamente, un lector non ten por que coñecer as diferentes lexislacións e pódenselle escapar incongruidades coma esta. No caso dun crítico sería máis discutíbel, pois suponse que debe coñecer a materia que xulga para que non lle dean estopa por liño (quitado que a súa crítica sexa exclusivamente técnica, é dicir, sobre a linguaxe e a estrutura narrativa da obra).
Volvendo a Soamente unha vez e a se os comentarios do seu protagonista sobre a consistencia das novelas policiais son excesivos ou non, voume referir á última que lin: Travail soigné.
A base argumental desa novela é, grosso modo, a seguinte:
Alguén comete unha sarta de asasinatos. Cada un deses asasinatos agocha unha pista, de xeito que cando o policía que os pescuda as descifre, descubrirá que a derradeira vítima vai ser el.
Por certo, esta base argumental (2010) é cuspida á do filme americano The Bone Collector (1999), só que o asasino da novela francesa copia cada un dos asasinatos dunha novela diferente mentres que o asasino do filme americano vai reproducindo todos os asasinatos dunha mesma novela.
Nos dous casos a gaitada é semellante porque, ollo co que nos están a contar!:
Unha persoa quere vingarse dun policía. En lugar de actuar dereitamente contra el e consumar a vinganza, o que fai é cometer unha serie de asasinatos. En cada un deses asasinatos déixalle, ou constitúe, unha pista para que, unha vez descifrada, o policía chegue a conclusión de que a derradeira vítima vai ser el.
É dicir: o asasino quere vingarse de alguén, e xa de paso aproveita para matar alegremente catro ou cinco persoas que pasaban por alí e que non teñen nada que ver co asunto.
Ese xogo absurdo ten un risco. A finalidade do criminal é a vinganza, e se o collen despois do primeiro asasinato, non só non se vinga senón que vai oito ou dez anos á gaiola. E se o collen despois de terceiro crime, non só non se vinga senón que lle cae unha cadea perpetua, o que no caso do filme, que decorre nos EUA, significa que o asasino vai saír do cárcere cando morra e camiño do cemiterio.
Que debe facer un lector crítico ao atoparse con algo así? Dicirlle ao autor: pero ti que me estás a contar, Nicolás, e pórse a ler outra cousa?
Debe salaiar con resignación e dicir: vale, por esta vez aceptarei bolígrafo como ferramenta agrícola, e continuar coa lectura?
Ou debe pensar, como dicía hai pouco un crítico francés, que unha novela policial é un divertimento de fin de semana ao que tampouco hai por que pedirlle máis? Que é simplemente o que alí chaman unha novela de estación (das que se mercan nas librerías das estacións ferroviarias co único propósito de entreterse durante a viaxe). Denominación que non sirve para España, onde as librerías das estacións de ferrocarril desapareceron. Na de Sants, en Barcelona, a segunda estación máis importante do país, de dúas librerías que había, unha pechou hai tempo. A outra deixou menos dun terzo do espazo para libros e revistas e ocupou o resto con bebidas, lambetadas, recordos da cidade e maletas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario