OS NÚMEROS ROMANOS

Os números romanos, ese ridículo anacronismo que tan ben reflicte o espírito conservador da intelectualidade oficial, resístense á relegación malia iren perdendo terreo. 
Nos anos sesenta aínda eran empregados nas datas dalgunhas cartas, xeralmente substituíndo o mes (14-VI-1965). Hollywood usounos até os anos oitenta nos copyrights dos filmes –aqueles ilexíbeis MCMLXXIX– e até non hai moito no número de orde dos mesmos (The Godfather part II, The Godfather part III. Hoxe: Red 2, Lethal Weapon 4). 

Na linguaxe decotío, sobreviven principalmente no número de orde dos séculos e de papas e reis.

Dilema: que son os números romanos, cardinais ou ordinais?

En francés está claro: son ordinais cando se refiren aos séculos (século VIIIº, século XVIIIº) e cardinais cando se refiren a reis ou papas (Louis IV, Louis XIV, Paul VI, Jean XXIII).

E en galego? Non atopei referencias ao tema.

O uso manifesta que nisto, como en tantas outras cousas, o galego segue o español, ese haraquiri ao que a nugalla nos debroca. Así pois os números romanos serían ordinais, no caso de reis e papas, e cardinais ou ordinais no caso dos séculos (século VIIIº xunto a século VIII).

Porén, cos ordinais hai un problema: moita xente descoñéceos porque están a caer en desuso despois do décimo.

Por mor deste descoñecemento, os números romanos son na práctica, no caso de reis e papas, ordinais até o número dez e cardinais a partir de aí; é dicir, ordinais até onde chega o coñecemento e cardinais onde comeza a preguiza ou a ignorancia: Alfonso Xº, mais Alfonso XI; Pío IXº, mais Pío XI.

Para rematar con esta incongruencia, e recorrendo á economía da linguaxe (é máis sinxelo pronunciar noventa e nove que nonaxésimo nono), chegaría con considerar todos os números romanos como cardinais independentemente do seu uso, ou, máis doado aínda, suprimilos dunha vez e escribir e pronunciar directamente os cardinais: século 8, século 18, Benedito 4, Benedito 16, Pío 3, Pío 12.
Propolo é sinxelo. Mover a ferruxenta engrenaxe dos popes da lingua, iso... iso róncachelle o carallo!