ETIQUETAS DE CONSERVAS: INTERPRÉTAO COMO CHE PETE

Esta lata de conservas de Cabo de Peñas, que para os mercados español e portugués contén mexillóns en mollo de vieira,
  para os mercados de Inglaterra, Francia e Alemaña contén... mexillóns en mollo galego.



A lata de Javimar, contén mexillóns en mollo de vieira tanto para o mercado español coma para o inglés, mais...


para o mercado francés contén mexillóns en mollo galego.

 A lata de conservas Albo, que para o mercado español contén mexillóns en mollo galego,


para o mercado internacional ten simplemente... mexillóns en mollo (o cal, como información ao consumidor, non se pode dicir que sexa gran cousa). 


Unha mención especial merece conservas Cuca, que, estes si, son mexillóns en mollo galego tanto para o mercado nacional coma internacional.
 


Porén, obsérvese que son mexillóns en aceite de xirasol, pese ao cal, na parte frontal da caixa, indican que se trata de mexillóns...
 


  Este raposeiro rótulo, aínda que de dubidosa ética comercial, e unha salientábel  mostra de enxeño pois, quen o fixo, sabe que o consumidor vai ler: «mexillóns en aceite de oliva», mesmo se, como se pode comprobar nos ingredientes, é falso. Mais non se pode acusar á conserveira de mentir, posto que os mexillóns talvez foron fritidos en aceite de oliva antes de seren envasados en aceite de xirasol, co cal trataríase dun exemplo magnífico de como mentir sen deixar de dicir a verdade.

A segunda peculiaridade desta caixa é a proposta de presentación. Cuca suxire que debemos ter na casa cascas baleiras de mexillón para, cando veñan os convidados, enchelas cun mexillón en conserva e cun pouco de mollo por riba e presentalo coma unha especie de produto fresco. Suponse que esas cascas de segunda boca estarán ben limpas.


 Estas catro latas de mexillóns levan un mollo co mesmo nome, mollo galego, mais, como se pode ver, os ingredientes son distintos, e polo tanto tamén o son o sabor e a textura.  

As autoridades de comercio e industria de Galicia deberían tomarse máis en serio o etiquetado das caixas para evitar este caos na denominación dos produtos
.