A GALICIA ESQUIZOFRÉNICA

Ocorreu nun restaurante de Sada:

Un camareiro e un home da cociña falan galego entre eles.
No comedor, un mozo e unha moza que ocupan unha das mesas falan tamén galego entre eles.
O camareiro achégase á parella e, falando español, dilles o menú. A moza, tamén en español, pregúntalle sobre os ingredientes dunha salada de bacallau. O camareiro, sempre en español, detállallos. A parella escolle e fai a encomenda en español. O camareiro anota e vaise.
A moza e o mozo volven falar galego entre eles.
O camareiro e o home da cociña seguen tamén a falar galego entre eles.

Conclusión? Nunca fales galego cun estraño.

A GALICIA PARVA DO CU

Aconteceu nun mesón de Vilagarcía da Arousa:

Unha moza séntase nunha mesa e pide unha auga mineral.
En Galicia, terra de augas minerais variadas, a camareira sérvelle unha auga… catalá.
A moza pide logo algo para comer.
A camareira pon sobre a mesa un manteliño de papel no que aparece a expresión BON PROVEITO en catro linguas: francés, alemán, español e… catalán.

A Galicia parva do cu en estado puro.