IMBECILIDADES POLÍTICAS

Un político incapaz de comprender que unha lingua é en si mesma unha industria, pode ser considerado tranquilamente un imbécil.

CANDO OS MÉDICOS FUMABAN CAMEL

Que tempos aqueles cando CAMEL, na súa publicidade de 1946, fachendeaba de que, segundo unha enquisa feita de costa a costa entre máis de 113.597 médicos estadounidenses verbo da marca de tabaco que preferían, a maior parte deles optaban por Camel. E non só os médicos de familia ou os cirurxiáns, senón tamén os otorrinolaringólogos. Porque, como o anuncio subliña, é a túa gorxa quen che dirá canto debes fumar… 



Tempos de locais con fumaredas espermáticas, cheiros recios, voces femininas á clara de ovo, pianos lambeconas, trompetas mingas e coxas de leite… E tamén de médicos amigos que fumaban e che ofrecían tabaco. Se un médico te convida a un pito, unha de dúas: ou o tabaco non é tan mao ou o médico é un cabrón.

 (Reprodución gráfica collida de All-American Ads of the 40s [Jim Heimann, W.R. Wilkerson III])