Nos primeiros días de 1980, Aurelio Fariñas decide pór en escena a obra de Varela Buxán A xustiza dun muiñeiro. Para o elenco reúne socios que coma el tiñan colaborado noutras actividades teatrais do CG. Ao non dispor de xente dabondo, incorpora novos socios ao proxecto. Foi daquela cando entramos no grupo Eva Carral e Anxo Baranga, como actores, e mais eu, que me faría cargo da dirección da obra.
A raíz desa montaxe –na que empregamos efectos musicais, luces ultravioleta e tintas fluorescentes nun escenario de lixeiro esbozo simbolista (algo innovador nas representacións teatrais do CG, que até o momento consistiran en postas en escena tópicas con realistas decorados de aluguer, e máis innovador aínda se temos en conta que se trataba dunha obra do ruralista Varela Buxán)– acordamos a creación de TERCEIRO ANDAR*.
O grupo de teatro do CG tiña nome por primeira –e única– vez. Deixábase atrás a política teatral anterior de pezas costumistas ou do teatro cómico comercial español (o típico daquela nunha casa rexional) para apostar por un teatro en galego con textos propios ou traducións feitas por nós (Adonais perdoe os nosos pecados) en versión fiel ou libre, coidando desde os carteis anunciadores (algo tamén novo no CG) até o deseño de escenarios e postas en escena, onde non se esquecía que o teatro é unha obra plástica e se estudaba a utilización de luces e cores –isto último, as cores, unha teima miña e un aspecto moi neglixenciado mesmo polo teatro profesional– para crear a atmosfera axeitada.
Cando ás catro da tarde lle anunciei ao grupo que actuaríamos aquela noite, desatouse o pánico. Expliqueille ao Baranga a liña dos sketchs e comezamos a desenvolvelos e perfeccionalos. Ás seis pasamos a ensaialos cos actores.
A falta de fe era total e os cuba-libres corrían nos intervalos dos ensaios, algo que podía ser bo, se producían unha bebedeira eufórica que os desinhibise no escenario, ou unha calamidade, de ser a chea depresiva. Así foi como me encontrei dirixindo a media ducia de alcohólicos, unha desas experiencias emocionantes e interesantísimas que con vivilas unha vez ben lle chega.
Aquela improvisación forzada, Circo!, foi un éxito.
A partir dese día TERCEIRO ANDAR combinou montaxes de obras para rapaciños e adultos (as mellores críticas foron para Interpretando a Karin –do brasileiro de orixe xudeu Arieh Chen, que morrera en Xerusalén tres anos antes–, na que Baranga e María Jesús García fixeron un traballo óptimo) con teatro de rúa. Entre os proxectos de futuro había teatro de cabaré e unha curtametraxe da que chegamos a escribir as dúas primeiras escenas nunha tarde chea de risos, como tantas tardes daquela época.
En guerra máis aberta, algúns membros da xunta comezaron a espallar a andrómena de que TERCEIRO ANDAR non era un grupo do CG, sen xustificaren como, de ser certo, o CG financiaba un grupo teatral que non era da casa. Tiñan o cerebro que tiñan, tampouco se lles podía pedir dous pensamentos á vez.
Meses despois o CG publicou un traballiño sobre a historia do teatro no Centro. A TERCEIRO ANDAR non o amentaba. Segundo os datos daquel informe, que se habían prolongar na páxina web até o día de hoxe, do ano 1980 ao 1983 o teatro non existiu no CG. Pénsese, para comprender a ruindade e má fe dos autores, que nunca nun período tan curto houbo alí tantas e tan diferentes representacións teatrais como as que fixo TERCEIRO ANDAR en menos de catro anos.
Coa chegada á presidencia de Olegario Sotelo Blanco (home a quen tanto lle debo), que en 1983 editara a miña obra Un pequeno favor, ben acollida por crítica e lectores –polo que supuña de texto completamente distinto ao que naquel momento se facía e por ser un libro puramente de humor, xénero tan deficitario na nosa literatura–, a información da páxina web podería corrixirse. O Sotelo colaborara na proxección de TERCEIRO ANDAR, posibelmente o que fora o grupo de teatro máis orixinal e vangardista en toda a historia da emigración galega en calquera país, e que posteriormente, en Barcelona, serviría de xerme, alicerce e guía para outros grupos que aínda perduran. Mais o Sotelo, que, como bo construtor, ten maior fraqueza polas luminarias e os santóns que polos dinamiteiros, deixou a información como estaba.
* Logo souben que en Polonia había naqueles días un grupo teatral co mesmo nome.
FOTOS:
1 - Baranga e Xoán Xil en Pedido de casamento.
2 - Eva Carral e José Antonio González durante unha lectura de A Xustiza dun muiñeiro.
3 - Carmen Boixet nun ensaio de As mazás de D. Abundio.
4 - María Jesús García en Interpretando a Karin.
5 - Sara
Sanjurjo en As
mazás de D. Abundio.