A cousa comezou así:
(Se fun violada polo medio irmán adoptivo da compañeira do meu pai transxénero convertido agora na miña mai, iso é un incesto?) |
Poucas horas despois de publicar Le Monde este debuxo de Xavier Gorce, retirouno. A directora de redacción emitiu un comunicado pedindo desculpas por ese debuxo «que non se debería publicar», xa que, segundo ela, relativiza a gravidade do incesto e pode ser ofensivo para as persoas transxénero.
Ao día seguinte, Gorce, quen publicaba un debuxo acotío en Le Monde desde o ano 2002, fixo unhas declaracións explicando que, despois de matinar sobre o asunto, decidira pór fin ás colaboracións nese xornal.
Era o vinte de xaneiro pasado. No mes de maio, Xavier Gorce publicaba un opúsculo, co título Raison et dérision, no que explica as causas que o levaron a tomar aquela decisión.
Sobre as protestas dos lectores polo seu debuxo escribe:
«... segundo o que eu puiden saber, a redacción non recibiu centos de correos de protesta senón apenas quince. Digamos cincuenta para termos unha marxe de erro (moi) longa. E iso sobre 200 000 subscritores? Somos serios?» [O debuxo apareceu na versión en liña de Le Monde para subscritores].
Logo explica como se xesta a indignación nas redes sociais. Os interesados en mover o tema, en crear o escándalo, poucos mais moi activos, póñense de acordo e comezan a producir e reproducir mensaxes indignadas sobre o mesmo. Logo toman como branco as contas dos xornalistas do periódico que publicou o debuxo para facerlles crer que hai «un tsunami de indignación pública». Créase así unha dobre presión: a das redes e a dos propio xornalistas que lle piden explicacións ao seu xornal pola inclusión do debuxo.
«Foi esta dobre presión, externa e interna, a que levou os responsábeis de Le Monde a presentar escusas incoherentes polo meu debuxo. O caso deste debuxo en particular sería anecdótico se non constituíse una nova mostra das manobras para restrinxir a liberdade de expresión, inscribíndoo nunha longa serie preocupante. Bloqueos de conferencias nas universidades, impedimentos de representacións teatrais, campañas contra profesores “incorrectos”, presión sobre os editores para impedir certas publicacións: é o conxunto da esfera intelectual a que é tomada como albo nos seus compoñentes artísticos, mediáticos, xornalísticos, editoriais, educativos...»
Sobre Internet e a realidade, comenta:
«Vivimos nun mundo mediatizado no cal a nosa relación co real mudou profundamente. A nosa “experiencia do mundo” faise a través das pantallas. Evidentemente, nós temos uns coñecementos máis vastos que os nosos antepasados, secasí, a nosa non é unha experiencia directa. E coa multiplicación de dispositivos, hai cada vez máis capas interpostas entre o obxectivo que capta a imaxe e a pantalla final.
Eis toda a ironía do dobre senso destas dúas palabras: o obxectivo nunca é obxectivo e a pantalla fai de pantalla. O que nos amosan é unha parte do real [...] un cacho, un anaco que outro escolleu».
«As pantallas forman unha fina capa invisíbel adherida á córnea, unha fina película [...] a imperceptibilidade da cal nos fai esquecer que elas non son o mundo real senón unha interface entre o mundo real e nós que ao mostrárnolo, paradoxalmente, nolo ocultan».
(Os feitos están totalmente desmentidos pola miña opinión) |