Dous tipos, encanecido un, o outro de cabelo aparentemente pintado, cincuentóns os dous, falaban da literatura galega nun bar.
Lamentábase o grisallo do descoñecemento que moitos autores novos teñen da nosa tradición cultural, e desa teima de imitaren modelos de fóra.
«Máis que descoñecemento, eu chamaríalle desprezo», particularizou o segundo.
«É de vergoña», seguiu o outro, «cando tanto terían que aprender de escritores como Cunqueiro».
Deixei de escoitalos para matinar na causa da súa preocupación: a tradición cultural galega. De paso, antes de que se desen de conta, troquei o café que tomaba, elemento foráneo e frívolo, por unha enxebre cunca de Ribeiro, pois, aínda que o Ribeiro foi de sempre sospeitoso de alianzas transfronteirizas, ninguén lle pode negar a prosapia de tasca autóctona.
Se lles pedimos a varias persoas que nos precisen os modelos (imitábeis ou esquecíbeis) que ao seu parecer compoñen a nosa tradición, posibelmente darán contestacións moi dispares e nalgúns aspectos contraditorias. Pasaría como coa retranca, elemento característico do humor galego para moitos, e até aí imos ben, o problema comeza cando cada un debe explicar o que entende por retranca, pois as respostas son diferentes e na maioría dos casos aplicábeis ao humor de calquera país do mundo.
A primeiros dos anos cincuenta (século 20), a galaxia musical dun mozo da parte de San Clodio, no sul de Lugo, compúñana os gaiteiros de Trives ou Monforte, o acordeonista dos bailes, algunha cantiga do folclore local, a orquestriña da festa do santo padroeiro e o frouxísimo eco que chegaba dos aínda escasos e pouco escoitados aparatos de radio... Na mesma época, para un mozo de Astorga, a cento cincuenta quilómetros escasos de alí, o mundo musical constituíano os tamborileiros, as cantigas rexionais, as orquestras da festa local e a música española que lle viña da radio, do cine e dalgunha das compañías ambulantes de cupletistas, copleiros ou variétés (oh là là les variétés!) que actuaban en teatriños ou bares... Para un mozo de Nova York, naquel momento, a música era o jazz e as melodías americanas popularizadas por unha potentísima industria musical nas radios, teatro, cinema e televisión.
Tres universos, tres circunstancias, tres sensibilidades.
Hoxe un mozo de Nova York, un de Astorga e un de San Clodio, conectados na Internet, poden ter un substrato musical común de máis do setenta por cento (e pornográfico case seguro que tamén). Se isto non estandardiza, pois hai unha idiosincrasia local, que fai que un mesmo fenómeno se perciba en cada rexión de xeito distinto, e un filtro individual, que adapta o recibido á personalidade de cada quen, esa fonte común ten o seu peso.
Un incipiente escritor galego de hoxe, cando faga os vinte e cinco anos, pode ter lido cincuenta obras das que os tipos do bar integrarían na tradición cultural galega. No mesmo período terá visto máis de mil quiñentos filmes norteamericanos, a maioría deles nesa idade acrítica en que o cerebro é unha caixa na que se vai amoreando de todo ao chou.
Os filmes americanos, ou o cinema en xeral porque o padrón americano está asimilado na totalidade do planeta quitado en obras moi locais ou persoais, poden marcar o estilo e mesmo as temáticas do noso incipiente autor tanto por un efecto directo, o gran número de filmes vistos, como por un indirecto, a influencia do cinema americano na narrativa de autores foráneos que á súa vez poden actuar sobre o noso escritor.
Para este autor galego, cal é a tradición cultural que debe prevalecer á hora de crear? A composta polos elementos que el acumulou nos seus curtos anos de vida ou a que a sociedade da que procede forxou na súa ampla historia? (dito en versión popular de groseira retórica e fina síntese: de onde é vaca, de onde nace ou de onde pace?)
Os tipos do bar non tiñan dúbida: é de onde nace. Outros argumentarán que é de onde pace, porque o nacemento non se escolle e o pasto si.
E xa que nomearon a Cunqueiro, poderiamos nos preguntar: se Cunqueiro fose hoxe un autor de vinte e cinco anos, sería cunqueirián no senso que eles parecían darlle? Escribiría cantigas de amigo e as andanzas de Fanto Fantini ou andaría moi lonxe en formas e temas?
Chi lo sa!... O que está claro é que o Cunqueiro actual sería, por ser Cunqueiro, un elegantísimo estilista, un irónico retratista de tipos humanos (alleos e propios, presentes e pretéritos) e un escritor imaxinativo que non escribiría historias choromiqueiras con heroes de opereta sobre a guerra civil.
O OLLO PECHO E OUTRAS HISTORIAS DESAGRADABLES
(Publicado en COLÓQUIO)
Autor: Xesús González Gómez
O ollo pecho é o primeiro relato do volume. É a historia dun marxinado, dun pequeno delincuente. A partir de aquí o A(utor) deita na escrita dúas cousas: unha conceición tráxica do acontecer e mais unha linguaxe vívida, viva, moderna. A conceición tráxica do acontecer que deitan as narracións ven dada porque non há nos personaxes narrativos nen esperanza nen fe: todo é falso. E esta falsidade é suliñada polo que pensa Rauleme, o protagonista do relato: o sistema engole todo, mesmo o contra-sistema, daí que non haxa esperanza, daí que Rauleme sexa un personaxe tráxico como tráxicos son todos os seus actos (e as consecuéncias destes actos). Porque ao cabo, todos os protagonistas destes relatos levan, como os personaxes da traxédia clásica, en si próprios os elementos da sua própria destrución, ainda que sexan "destruidos" por outra mao.Mas, aparte desta conceición tráxica (a primeira na literatura galega moderna), o A. ten un dominio total das técnicas narrativas que lle permeten contar liñalmente a sua história a meio de montaxes várias e un certo uso de flash-back, conseguindo en certos momentos desestruturar o tempo narrativo. E, finalmente, há un domínio da língua que leva ao Autor a forzar os seus límites léxicos e peder axuda (como debe ser) ao portugués (vexa-se o apéndice sobre a xerga usada nesta narración.) O ollo pecho é, xa que logo, unha pequena obra mestra, pola linguaxe, polas técnicas narrativas, pola descrición interna do personaxe principal e porque se introduce, por vez primeira, unha conceición tráxica do acontecer na narrativa galega. Nunca se ve nos relatos do A. o camiño que conduce da noite para a aurora, ou, talvez —con grande clarividéncia— o narrador ven dicer que non existe aurora, abrente, que tudo é noite. Noite fecha e escura.
O segundo relato, Flamingo, é o máis frouxo do volumen. Unha história xa contada, dunha ou outra maneira, muitas veces. (…) Ven despois A señorita R, un relato traxi-cómico; non contén o pesimismo da primeira narración ou este está apagado por un humor (humor negro) que atravesa o relato non deixando ver as arestas máis duras deste. (…)
A cuarta narración, Saída ao espacio exterior, pode ligar-se coa primeira tanto en canto a conceición tráxica do A. revéla-se máis que en O ollo pecho. (…) Agora ben, para os espíritos clasificadores surxe unha incógnita: relato de ficción científica (co que o A. sería o pioneiro deste xénero literario na Galiza) ou relato pesimista sobre o porvir da humanidade? Sexa o que for, é unha — outra — pequena obra mestra do narrador. Onde se demostra que o galego pode, e debe, server para narrar histórias de hoxe, de xente da rúa, histórias sinxelas que poden ter, ou poden denunciar, unha visión tráxica da existéncia humana. Cousa que denúncian os presentes relatos, e sobretudo o último, o que fecha o volumen: Historia breve dun home sen sorte, onde o título, que poderia parecer humorístico, choe en si esa conceición tráxica da existéncia do A. (…)
O ollo pecho e outras historias desagradables é un dos títulos narrativos galegos máis importantes dos últimos anos. Primeiro porque a cidade marxinal entra con voz própria na narrativa galega. Segundo porque introduce na narrativa en língua galega unha conceición tráxica da existéncia (e do devir) humana; unha conceición tráxica tinxida, tal e como a traxédia, de humor. E, terceiro, porque o autor alarga as fronteiras do idioma sen necesidade de arcaísmos inúteis ou de inventar palavras inexistentes (cousa que aconteceu, e ainda acontece, na literatura galega; uns por medo a cair nas maos —estrañas— do castellano; outros por unha lusofobia incomprensível).
-
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)